25/11/16
21/11/16
Memorias dun morto (por Yaiza Otero Figueira)
31/10/2016
Todos os
anos por estas datas gústame baixar ó mundo dos vivos, en concreto á miña
queridísima vila, Rianxo. Que fermoso poder volver ó fogar, pasear pola beira
do mar, mirar os barcos, as gaivotas, as postas de sol, a miña vila mariñeira, as
miñas orixes. O que máis me gusta sen dúbida algunha é ver como cosen as redes,
tráeme tantos recordos…
Aparentemente
todo está cambiado, case nada segue no seu lugar, eu entendo que haxa que
adaptarse ós tempos modernos pero cando quixeron botar abaixo as casas do
porto, as famosas casas remo, rompéuseme o corazón en anacos. Non hai dereito!
Non hai por que tirar con todo o vello, o novo non sempre é mellor. Estou
seguro de que un edificio moderno rompería todo o encanto da praza da Manuela.
Pero o que máis doe sen dúbida algunha é ver como a xente se esqueceu do seu
pasado. Todos os anos o colexio, o Castelao, fai visitas por Rianxo para
ensinarlle ós raparigos a vila, para que coñezan onde viven, a historia deste
fermoso lugar. Os nenos quedan abraiados, como se fose un conto de fadas que o
inventan os profesores para darlle máis caché
ó asunto.
Vexo a sociedade,
o mundo actual, todo semella tan distinto…pero se observas ben podes ver que
hai cousas que nunca cambian. Ás veces son cousas positivas, como a emoción coa
que os rianxeiros e rianxeiras seguen a vivir a Guadalupe, o fermoso que se pon
o Campo coas vengalas cantando todos a nosa querida Rianxeira. Guadalupe, que
bonita me es!
Mais tamén
hai cousas negativas, como a miseria, a emigración, o total abandono do pobo
por parte dos poderosos que só saben mirar polo seu e aproveitarse da xente pobre
que traballa nada máis que para que eles poidan ter canto queiran mentres
deixan morrer de fame á poboación. Que pena, sempre pensei que isto cambiaría,
que era posíbel unha revolución. Mais, como vai haber revolución se os xoves
non se revolucionan?
Oídeme
mozos, o futuro é voso, tomades as rúas, rompede as normas, reveládevos! Non
deixedes que vos digan o que debedes facer, non fagades caso cando se vos diga
que “isto é unha inxustiza pero ten que ser así porque leva sendo así toda a
vida” iso non é un argumento válido. Non sigades á multitude. Mulleres, non
deixedes que vos fagan sentir menos ca ningún home, non fagades que a loita que
fixeron as compañeiras que agora descansan en paz sexa inútil. Non abandonedes
a nosa lingua, non deixedes o galego de lado, nunca. Defendede o que é voso!
Non deixedes que volo quiten. GALIzA EN PÉ!
Sei que os
hai, sei que aínda queda xente así.
Todos os
anos por estas datas gústame baixar a Rianxo porque entre toda a multitude sempre
atopo a algún rianxeiro ou rianxeira co espírito rebelde e vangardista que tiña
eu de mozo. Sempre hai alguén que ten uns ideais e que está disposto a loitar
por eles. Faime rescatar retrincos da miña memoria, como loitei polos meus
ideais, o meu pacto de sangue cos meus compañeiros. Sempre me saca un sorriso
baixar no Samaín. Oxalá os vivos puidésedes vernos, non son eu só o que baixa,
baixamos todos, reunímonos no cemiterio e contamos as nosas fazañas de cando
vivíamos, lembramos, pasámolo ben. A lingua e a literatura segue viva en nós
aínda que esteamos mortos.
Sigo pintando estreliñas no ceo.
Att: M.A
05/11/16
Que é a literatura? (Por Tania Pose)
A Real Academia Galega define o termo "literatura" como a arte que utiliza a palabra escrita ou oral como medio de expresión. Hai persoas que consideran que as obras artísticas non teñen ningún tipo de finalidade, ou non deben tela, de aí a frase latina "ars gratia artis", que se convertiu no lema, por exemplo, do parnasianismo, un movemento literario francés da segunda metade do século XIX, e que quere dicir "a arte pola arte", isto é, sen un obxectivo fóra de si mesma. Outras opinan que ademais da estética é importante que teña unha función social, a cal contribúe ó desenvolvemento da sociedade.


Polo que a min respecta, ambas opinións son totalmente válidas, sempre e cando se estea a falar sobre a literatura escrita nunha lingua totalmente normalizada, como sería o caso, por exemplo, do castelán, do inglés ou do chinés. Nestes idiomas, e como en calquera outro, un pode evadirse todo o que queira sen buscar máis aló do pracer que produce un bo libro, mais ler unha obra literaria escrita nunha lingua minorizada, como sería o galego, é ben distinto, posto que por moito que o autor ou autora quixese seguir ó pé da letra o "ars gratia artis", ler na lingua propia do pobo galego é contribuír á normalización desta, polo que nunca unha obra escrita na nosa lingua materna debe ser inútil baixo o punto de vista dos que non lle ven utilidade á arte pola arte, pois a súa función se hai algo do que carece é da inutiludade.
03/11/16
¿Canto falta para a normalización? (Por Laura Rubio)
A pesar de que séculos despois chegaría o Rexurdimento co propósito de
normalizar, dignificar e levar a tódolos ámbitos a lingua, a mala consideración
cara o galego non mudou, e todo o camiño andado neses anos viuse truncado pola
chegada do franquismo, período no cal quedou totalmente prohibido escribir e
falar en galego. Como consecuencia disto a minorización da nosa lingua aumentou
ata chegar ós nosos días.

Fai pouco fixemos unha saída pola nosa vila na compañía do alumnado dun
instituto de Santiago que tamén cursa a materia de Literatura Galega. O curioso
foi encontrar mozos e mozas que só se expresaban en lingua castelá, a pesar de
tratarse dunha saída dedicada á materia de galego e seren eles mesmos galegos e
galegas de pleno dereito. Creo que é un pouco deplorable que mozos galegos e
mozas galegas, que elixiron esta materia voluntariamente non empreguen a nosa
lingua para comunicarse, e aínda o é máis saber que o profesorado lles pon un
punto por falar en galego na clase, cando debería ser xa unha obriga ou polo
menos saír deles mesmos.
Por
outra banda, na manifestación na capital compostelá desenvolvida o pasado
mércores, contra a nova lei educativa (LOMCE), á que asistín cuns amigos e
compañeiros de clase, tiven que escoitar comentarios que verdadeiramente me
alarmaron. Un grupo de mozos castelanfalantes dicían que “tenían problemas para
hablar el gallego, porque no sabían cambiarse de un idioma al otro sin
equivocarse en las palabras”, o que ven dicindo que hai unha gran incultura na
nosa sociedade en canto á nosa lingua se refire.

Subscribirse a:
Publicacións (Atom)