21/11/16

       Memorias dun morto (por Yaiza Otero Figueira)

31/10/2016
Todos os anos por estas datas gústame baixar ó mundo dos vivos, en concreto á miña queridísima vila, Rianxo. Que fermoso poder volver ó fogar, pasear pola beira do mar, mirar os barcos, as gaivotas, as postas de sol, a miña vila mariñeira, as miñas orixes. O que máis me gusta sen dúbida algunha é ver como cosen as redes, tráeme tantos recordos…
Aparentemente todo está cambiado, case nada segue no seu lugar, eu entendo que haxa que adaptarse ós tempos modernos pero cando quixeron botar abaixo as casas do porto, as famosas casas remo, rompéuseme o corazón en anacos. Non hai dereito! Non hai por que tirar con todo o vello, o novo non sempre é mellor. Estou seguro de que un edificio moderno rompería todo o encanto da praza da Manuela. Pero o que máis doe sen dúbida algunha é ver como a xente se esqueceu do seu pasado. Todos os anos o colexio, o Castelao, fai visitas por Rianxo para ensinarlle ós raparigos a vila, para que coñezan onde viven, a historia deste fermoso lugar. Os nenos quedan abraiados, como se fose un conto de fadas que o inventan os profesores para darlle máis caché ó asunto.
Vexo a sociedade, o mundo actual, todo semella tan distinto…pero se observas ben podes ver que hai cousas que nunca cambian. Ás veces son cousas positivas, como a emoción coa que os rianxeiros e rianxeiras seguen a vivir a Guadalupe, o fermoso que se pon o Campo coas vengalas cantando todos a nosa querida Rianxeira. Guadalupe, que bonita me es!
Mais tamén hai cousas negativas, como a miseria, a emigración, o total abandono do pobo por parte dos poderosos que só saben mirar polo seu e aproveitarse da xente pobre que traballa nada máis que para que eles poidan ter canto queiran mentres deixan morrer de fame á poboación. Que pena, sempre pensei que isto cambiaría, que era posíbel unha revolución. Mais, como vai haber revolución se os xoves non se revolucionan?
Oídeme mozos, o futuro é voso, tomades as rúas, rompede as normas, reveládevos! Non deixedes que vos digan o que debedes facer, non fagades caso cando se vos diga que “isto é unha inxustiza pero ten que ser así porque leva sendo así toda a vida” iso non é un argumento válido. Non sigades á multitude. Mulleres, non deixedes que vos fagan sentir menos ca ningún home, non fagades que a loita que fixeron as compañeiras que agora descansan en paz sexa inútil. Non abandonedes a nosa lingua, non deixedes o galego de lado, nunca. Defendede o que é voso! Non deixedes que volo quiten. GALIzA EN PÉ! 
Sei que os hai, sei que aínda queda xente así.
Todos os anos por estas datas gústame baixar a Rianxo porque entre toda a multitude sempre atopo a algún rianxeiro ou rianxeira co espírito rebelde e vangardista que tiña eu de mozo. Sempre hai alguén que ten uns ideais e que está disposto a loitar por eles. Faime rescatar retrincos da miña memoria, como loitei polos meus ideais, o meu pacto de sangue cos meus compañeiros. Sempre me saca un sorriso baixar no Samaín. Oxalá os vivos puidésedes vernos, non son eu só o que baixa, baixamos todos, reunímonos no cemiterio e contamos as nosas fazañas de cando vivíamos, lembramos, pasámolo ben. A lingua e a literatura segue viva en nós aínda que esteamos mortos.
                                                                                     Sigo pintando estreliñas no ceo.
                                                                             Att: M.A
                           

05/11/16

Que é a literatura? (Por Tania Pose)

      A Real Academia Galega define o termo "literatura" como a arte que utiliza a palabra escrita ou oral como medio de expresión. Hai persoas que consideran que as obras artísticas non teñen ningún tipo de finalidade, ou non deben tela, de aí a frase latina "ars gratia artis", que se convertiu no lema, por exemplo, do parnasianismo, un movemento literario francés da segunda metade do século XIX, e que quere dicir "a arte pola arte", isto é, sen un obxectivo fóra de si mesma. Outras opinan que ademais da estética é importante que teña unha función social, a cal contribúe ó desenvolvemento da sociedade.



      Polo que a min respecta, ambas opinións son totalmente válidas, sempre e cando se estea a falar sobre a literatura escrita nunha lingua totalmente normalizada, como sería o caso, por exemplo, do castelán, do inglés ou do chinés. Nestes idiomas, e como en calquera outro, un pode evadirse todo o que queira sen buscar máis aló do pracer que produce un bo libro, mais ler unha obra literaria escrita nunha lingua minorizada, como sería o galego, é ben distinto, posto que por moito que o autor ou autora quixese seguir ó pé da letra o "ars gratia artis", ler na lingua propia do pobo galego é contribuír á normalización desta, polo que nunca unha obra escrita na nosa lingua materna debe ser inútil baixo o punto de vista dos que non lle ven utilidade á arte pola arte, pois a súa función se hai algo do que carece é da inutiludade.
       Que é, pois, a literatura en galego? Ademais doutras moitas cousas: Unha forma máis de loitar polo prestixio que lle foi arrebatado ó longo dos séculos á lingua propia de Galiza.

03/11/16

¿Canto falta para a normalización? (Por Laura Rubio)


  Tras a  Guerra de Sucesión da que saíu gañadora a raíña Isabel a Católica, a lingua galega quedou inmersa nun gran período de escuridade, os Séculos Escuros. A raíz disto apareceron unha serie de prexuízos cara  a nosa lingua, tanto por parte das persoas foráneas coma polos propios galegos.
  A pesar de que séculos despois chegaría o Rexurdimento co propósito de normalizar, dignificar e levar a tódolos ámbitos a lingua, a mala consideración cara o galego non mudou, e todo o camiño andado neses anos viuse truncado pola chegada do franquismo, período no cal quedou totalmente prohibido escribir e falar en galego. Como consecuencia disto a minorización da nosa lingua aumentou ata chegar ós nosos días.
   Entre moitos dos prexuízos que chegaron  a nós, un dos máis frecuentes é a crenza de que nas cidades e nas capitais fálase castelán, mentres que nos pobos pequenos e nas aldeas emprégase o galego. Aínda que moitos de nós non somos conscientes disto e mesmo pensamos que actualmente estas cousas non ocorren, a verdade é outra que descoñecemos, pero que existe.
    
   Fai pouco fixemos unha saída pola nosa vila na compañía do alumnado dun instituto de Santiago que tamén cursa a materia de Literatura Galega. O curioso foi encontrar mozos e mozas que só se expresaban en lingua castelá, a pesar de tratarse dunha saída dedicada á materia de galego e seren eles mesmos galegos e galegas de pleno dereito. Creo que é un pouco deplorable que mozos galegos e mozas galegas, que elixiron esta materia voluntariamente non empreguen a nosa lingua para comunicarse, e aínda o é máis saber que o profesorado lles pon un punto por falar en galego na clase, cando debería ser xa unha obriga ou polo menos saír deles mesmos.
  
  Por outra banda, na manifestación na capital compostelá desenvolvida o pasado mércores, contra a nova lei educativa (LOMCE), á que asistín cuns amigos e compañeiros de clase, tiven que escoitar comentarios que verdadeiramente me alarmaron. Un grupo de mozos castelanfalantes dicían que “tenían problemas para hablar el gallego, porque no sabían cambiarse de un idioma al otro sin equivocarse en las palabras”, o que ven dicindo que hai unha gran incultura na nosa sociedade en canto á nosa lingua se refire.
 
  Outra situación que se podería empregar para exemplificar o tipo de sociedade na que vivimos é o contido dun vídeo que vimos nas clases de galego. Nel, dúas exconcursantes do reality show Gran Hermano, unha galega e outra mallorquina, falaban sobre a lingua galega. O raro é que a moza mallorquina tiña mellor concepción arredor do galego do que a tiña a rapaza galega, a cal dicía cousas coma que o galego non servía para todos os ámbitos como por exemplo o do ligue, que non o falaba porque non quería falalo mal ou mesmo que a gheada e o seseo fainos semellar brutos. O máis raro aínda é que, ao final, esta galega con sentimento de inferioridade, concluía dicindo que era unha pena que os galegos e as galegas, que temos unha lingua propia, non a usemos.

 
  Con todo isto, o que quero é mostrar como en realidade segue a ser a nosa sociedade a que segue a ter medo de utilizar o galego e mesmo se avergoña de facelo, porque considera que  dá máis prestixio falar en castelán. Persoalmente, antes de presenciar estas cousas, de vivilas, non era consciente totalmente de que seguimos case no mesmo punto do que partimos xa fai anos, e entón ¿cando chegará esa esperanzada normalización?. A resposta, témome que é incerta, porque se se seguimos así creo que nunca chegaremos a unha total normalización do galego. Se ben,  aínda que sexa duro o camiño cara ela, toda a sociedade debería axudar co seu gran de area, porque se os “patufos desleigados” dos que falaba Celso Emilio non comezan por mudar estes aspectos, pouco conseguiremos o resto.