13/02/20

Moi adentro



  Non te preocupes, pequena artista, por non saber interpretar o ininterpretable. Que realidade máis irreal esta que vivimos. Un tango marca o ritmo dos pesadelos. Unha mirada nocturna, a mirada da lúa. Unha nube que atravesa. As nubes vense de noite? Non lles importa cortar, non van ao cárcere. O ollo espera a que o atravesen. Deixa de mirar fóra, todo está dentro. Que realidade tan irreal esta que vivimos. Non miramos sen ver, vemos sen mirar. Non se pode mirar sen ollos, pero ver si, non o material nin o externo, senón o eu.
  Todos agochamos algún segredo nunha caixa. Ás veces é tan difícil ocultalo que se apega a nós, ás nosas formas, miradas, á nosa roupa. Tan difícil que, sen decatarnos, o segredo forma parte de nós e non da caixa. E aínda que convencidos de que non, ó noso redor poden velo ó ollarnos. Eses que algún día pronunciaron un “quérote”, ou simplemente pensaron en facelo, mirarán o noso segredo fixamente, tentando facelo desaparecer, e demostrarán que aquelas palabras tiñan letra pequena.
  Por moito que intenten frealo segue aí, tan dentro que consegue escarvar a nosa pel e saír á superficie. Pero tantas miradas rematan por facer efecto. Miradas que obrigan a voltar o segredo á caixa. Miradas que convencen para acabar con el. O seguinte é vivir enganados, perseguir algo que realmente non desexamos. Pero é tan difícil non ser e cargar co peso ás costas, que, maxicamente, renacemos de novo. 
  Renacemos como nacemos a primeira vez, condenados a non ser quen somos. Condenados e castigados. Educados baixo un dogma, ó que rematamos aborrecendo e odiando. Un dogma que nos converte en asasinos de nós mesmos, en suicidas de persoas mudas, silenciadas.
  Abandonados polos ollos que tentaban cambiarnos, cuxos beizos xa non nos dedican aqueles “quérote”. Ollos que camiñan á beira do mar e desprezan o noso recordo. Ollos, que coma todos, rematan por pecharse tamén.
Eles sempre defenderon que non existe significado, que é o simple e vivo reflexo do subconsciente do espectador; así que…Que tan perturbada está a túa mente pequena artista?  Que idetifica a homosexualidade como un pesadelo, como unha vergoña, un mal do que fuxir, un segredo que manter pechado nunha caixa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario