20/01/25

Unha merendola desconcertante (por Paula Cespón Abuín)


O pasado 18 de xaneiro no auditorio de Rianxo, presentaron a obra “Merendola Desconcertante”. Durante unha hora, catro mulleres coñecidas como daBiselas, Sabela Galgán, Bea Rodríguez, Carlota Salgado e Valeria González, un conxunto de mozas que estiveron un tempo no conservatorio de música especializándose no instrumento que soou durante toda a obra, a frauta traveseira; permitíronnos desfrutar dunha obra dramática diferente ás demais, unha fusión de literatura e música. Ademais de presentar ilutracións e a colaboración de Merchi Pimentel e Francisco Gómez, actriz e actor do teatro Airiños.

A obra teatral comeza sendo unha merenda, hai unha mesa cun mantel, ademais dunhas copas de viño e unha cesta de froita. Pero despois de cinco minutos a merendola pasou a ser un concerto, máis un homenaxe a Castelao, concretamente á súa carreira literaria.

A primeira parte da obra fai referencia aos eucaliptos, a especie invasora, e a medida que unha das integrantes ía numerando e explicando os pasos que había que realizar ata acabar con ela, as demais frautistas creaban un ritmo co que seguía a historia. Nesta parte da obra, acabaron afirmando que a “Xente rodeada de tanto cemento e cristal que non se lembra da terra que temos debaixo”, algo que fai reflexionar sobre a actualidade, onde as antigas paisaxes van desaparecendo e pérdese o esencial da nosa terra.

A seguinte parte xira arredor do conto “O Inglés” pertencente a “Retrincos”, que foi publicado en 1914. Aborda o patriotismo dun xeito menos cómico e máis serio. Logo pasaron á terceira historia. Esta trataba a trama amorosa dunha laranxa e unha mazá. A continuación participaron a colaboradora e colaborador do teatro Airiños, representando a obra “As vellas non deben namorarse”. Todo acompañado sempre de música que encaixaba co ambiente da situación que se estaba desenvolvendo.

Finalmente, os últimos dez minutos foron dedicados a interpretar tres cancións facendo referencia ás “Novas Miúdas” que aparecían no xornal que entregaban ao entrar no auditorio. A primeira era a melodía da Panteira Rosa, que nada máis empezar a soar xerou emocións no público por ser un ritmo moi coñecido. A seguinte aludía a unha boxeadora, Jéssica Chávez, abatida por unha pulpeira do Carballiño; polo que imitaron a melodía que soa antes de cada pelexa. E na última nova necesitábase a unha ou un bombardista; polo que un home subiu ao escenario e tocou, xunto con elas, a última canción.

A obra foi diferente, mesmo desconcertante por inesperada, ao empregar instrumentos para representar as diferentes situacións, pois iso marcou unha diferenciación coas obras teatrais ás que o público está afeito. Seguramente para as rianxeiras e rianxeiros que asistiron ao espectáculo a parte máis emotiva protagonizouna o grupo Airiños. Peo a escena máis divertida de toda a obra foi a transformación dos vellos de Castelao nunha vella namorada dun mozo. Pola contra, a parte máis seria foi a do “O inglés ”. 

Realmente, non hai un mellor título para esta obra, “Unha merendola desconcertante", porque unha vez as mulleres se erguer das súas cadeiras comeza un espectáculo que ninguén espera.

Ningún comentario:

Publicar un comentario