04/03/17

EEUU retira o castelán da Casa Banca (por Sarai D. MAriño)



Fai uns días vin na rede a noticia de que, tras a chegada de Donald Trump áCasa Blanca o castelán foi retirado da páxina web desta, pois non lle parecía adecuado ao novo presidente que en EE.UU. se empregase a lingua de Cervantes, entre outras razóns porque podería chegar a substituír o inglés, a pesar de ser unha lingua minorizada. Inmediatamente veume á cabeza unha situación parella, coas súas diferenzas, que é a do galego en Galiza. É dicir, en EEUU a lingua oficial que goza de todos os privilexios é o inglés, pero máis da metade da poboación posúa como lingua nai o castelán. Por outra parte, ó outro lado do océano Atlántico, atopámonos coa situación do galego, que, a pesar de ser a lingua propia deste territorio, é a lingua minorizada mentres o castelán é a lingua hexemónica.

         
A noticia en si conta que Trump, dende 2015, fai saber aos seus seareiros que o castelán non lle parece unha lingua axeitada para ser empregada nos Estados Unidos, polo tanto, nada máis tomar o posto como primeiro ministro, o que fai é retirar esa lingua da páxina web, entre outras moitas medidas a cada cal máis controvertida.

          Esta noticia causou gran impacto, non só na sociedade americana, senón tamén na sociedade española, esquecéndonos de que aquí, no territorio español, sucede exactamente o mesmo coas linguas cooficiais do estado e a súa ausencia da páxina web de Moncloa. Aínda así, como acostuma ser habitual, só criticamos o de fóra sen prestar atención ó noso.

          Se hai varias linguas nun mesmo territorio, todas deberían gozar dos mes. mos privilexios, polo menos dentro da comunidade onde se fale, pois teñen os mesmos dereitos. Mesmo sería máis oportuno fomentar a lingua minorizada para que non acabe desaparecendo, en lugar de encher de privilexios a lingua hexemónica, que se emprega en todo o estado e non hai risco de que desapareza. Pero existe a crenza de que todo o que chegue de Madrid é mellor que o que temos aquí, cerrándolle as portas á nosa propia cultura. 

        Se todos os países tomasen as medidas que está tomando Trump, creando un territorio totalmente unitario, onde non teña cabida outra raza, outra lingua, outra cultura que a do propio territorio, o mundo perdería a súa esencia: o multiculturalismo, a diversidade e a sabedoría que dela emana. É dicir, no mundo só quedaría unha cultura, que nos faría a todos idénticos e nos levaría á perda do que cada quen somos. Tendo en conta que cada quince dias morre unha lingua, pouco nos queda para acabar no pensamento único.



          Ante esa situación, cabe dicir que nada é definitivo, pois está nas mans de cada quen conseguir a supervivencia de todas as linguas, se ben para iso non serve só con protestar, senón que hai que empregar a lingua e defendela sempre por riba de todo. Quedando sentados no sofá mentres enviamos un tweet a favor da nosa lingua, non vamos solucionar nada. Só sendo conscientes do que temos, seremos quen de defendelo e  a loita non será en balde.

Evolución ou involución? (por María Fernández Insua)



 Non cabe dúbida que o salto acadado dende a aparición do primeiro Homo Sapiens, que tiña como única fonte de enerxía eléctrica os lóstregos que caían do ceo, ata o home que hoxe en día coñecemos e que alá por onde vaia dispón de xigantescas antenas, as cales, a través de numerosos cables, conducen a electricidade case á velocidade da luz, é moi grande. Pero en que sentido evolucionamos? É beneficiosa tanta tecnoloxía?
O século XXI que fai pouco acabamos de comezar supón a entrada dunha nova era tecnolóxica na que evolucionamos máis, en case vinte anos, que nos últimos douscentos. Os nosos bisavós quedarían case sen alento se chegasen a presenciar todos os avances tecnolóxicos que actualmente se deron en tan pouco tempo. Fai uns anos a xente morría de tuberculose e dentro de pouco será posible atopar unha cura para o cáncer. Os paralíticos algún día poderán volver a camiñar grazas a un sofisticado mecanismo implantado na columna. O traballo do mítico detective de gabardina e sombreiro é suplantado por uns pequenos aparatos aéreos chamados drons. Ata se poderá viaxar a París sen necesidade de movernos do cuarto con tan só unhas gafas virtuais. Pero todos sabemos que non é todo ouro o que reloce
 A chegada das novas tecnoloxías, supón a perda de gran parte de nós mesmos, no sentido en que xa non miramos o noso reflexo no espello ou mesmo na superficie da auga, senón que o facemos a través dunha pantalla dixital que nos acompaña as vinte e catro horas do día. Preferimos explorar o mundo a través das redes sociais, en lugar de saír fóra e coñecer os misterios que o mundo nos ten gardados, xa sexa observar as estrelas ou vivir mil aventuras a través dun bo libro. Pero o problema non son o Smartphone, Facebook, Tweettersenón o uso indebido que nós facemos deles. Quen dixo que evolucionar fose malo? Non. O malo é coller unha pistola e non saber como usala. Pensar que somos libres  co  noso móbil cando en realidade estamos sometidos baixo a nova “Inquisición tecnolóxica” que nos ten alienados cunha finalidade concreta: alimentar ás masas con “enerxía electroviral”  para deixar o seu pensamento en off e convertelas en auténticos zombis sen cerebro.
 Pero sen dúbida, o avance que máis está revolucionando o mundo ultimamente é a creación de robots feitos a imaxe e escala do ser humano. E non só iso, senón que chegará un día no que ademais a ditos androides poderáselles implantar conciencia. Que podería significar isto? A inmortalidade humana sendo a vida suplantada por máquinas con conciencia... Isto soa máis que futurista, pero non é certo que xa estamos vivindo no futuro? O feito de darlle “vida” a un robot, ese reflexo dun” ser” cunhas capacidades moi superiores e ás cales o ser humano xamais poderá acadar (tan só crear…), mostra asta que punto a ambición humana supera os seus límites sen pensar nas consecuencias. Se comezamos a elaborar identidades artificiais, ¿que pasará coa nosa? Entón preguntarse polo sentido da vida xa non tería sentido. Conseguir a vida sen a morte non é unha vitoria, é condenar ao ser humano a deixar de vivir.  A vellez non é unha enfermidade como moitos científicos actuais comezan a afirmar. Envellecer forma parte ciclo vital da existencia, pero se iso desaparece entón xa poderíamos comezar a dicirlle adeus á especie humana e saudar ao novo “Homo avanzado”.

 En definitiva, evolucionar é aquilo que nos permitiu ser quen hoxe somos. Crecer como sociedade e como persoas, pero o século XXI supón a entrada nunha involución total. A decadencia do ser humano disfrazada pola marabilla das novas tecnoloxías… As máquinas serán os nosos novos cerebros, comezarán a pensar por nós (algo que xa de por se está dando…). Stephing Hawking, fai uns meses, confesou os seus cálculos para o destino da humanidade que, de seguir neste camiño xa de non retorno, serán entre 200 e 300 anos os que o home tardará en desaparecer do planeta Terra. E síntoo moito, pero eu créolle...

Unha sociedade que observa e cala (por Yaiza Otero)

No meu día a día atópome con incontables prexuízos, véxoos, escóitoos, dinmos. E non podo calar. Como muller, feminista e monolingüe en galego son unha diana idónea para todo aquel que queira lanzar os seus dardos cargados de prexuízos. Non sei con que finalidade, enfadarme ou tratar de someterme. O simple feito de que eu respire dun xeito ou doutro seguro que molesta a alguén. Se poño saia “vou provocando”. Se me poño pantalóns “son un marimacho”. Se estudo ciencias “non saben que fago estudando iso, é demasiado complicado para unha muller, debería estudar as letras”. Pero se estudo letras “non saben que fago estudando iso, é unha tolería, debería estar en ciencias”. Se me van criticar polo menos que se poñan de acordo.
Pero o problema non remata aquí. O derradeiro problema chega cando a xente cala. Vivimos nunha sociedade que observa e cala. E o calar é sen dúbida o máis terrible. Citando á miña autora favorita, María Reimóndez, “Calar ante o principio de calquera despotismo é o motor de todas as grandes traxedias da humanidade”. Coñezo rapazas que, cando están soas afirman que nunca calan, que contestan sempre, dá igual a quen sexa. Mais logo, acércase un rapaz, solta unha sarda de comentarios machistas e calan, ou din “iso non é así home” e rinse para restarlle importancia, non vaia ser que a eminencia se enfade porque elas teñan capacidade de razoar por si mesmas e contestarlle. Logo veñen as preguntas, “pero aínda existe xente así en pleno século XXI?” ou as afirmacións baseadas no descoñecemento, “pero iso xa non pasa agora, só quedan uns poucos muller, pero a sociedade cambiou e avanzou”. Non sei en que sociedade vivirá o resto. Eu vivo nunha que, cando dá un paso adiante, dá tres atrás. Ese tipo de xente nace porque hai ao seu arredor unha sociedade que todo lle consente. Nacen, porque saben que poden dicir e facer o que lles pete, porque a xente observará e calará. Non hai cousa que máis me doia que ver a unha muller nova, con fácil acceso á información, someterse voluntariamente a un home. Mais eu non calo, respondo. Gañándome a súa etiqueta favorita, a de “extremista”. E dinmo cun ton de asco e temor como se fose unha asasina.
Outro dos factores clave desta sociedade “avanzada” e “mellorada” é tachar de terrorista a todo aquel que se atreva a diverxer. Sempre me recomendan que ante algúns comentarios é mellor calar, porque é verdade que hai xente ca que non se pode nin discutir. Porque até para discutir hai que ter argumentos, e discutir con alguén sen ningún argumento razoable pode alterar até ao máis calmado ou calmada. Pero non son capaz. Sei ben que, aínda que eu lle explique que por ser muller non teño que calar ante un home, que por ser de letras non son menos que alguén de ciencias, que por falar galego e estar orgullosa diso non teño porque ser nacionalista nin radical, sei ben que, aínda que lle explique o que lle explique, non vou cambiar a esa persoa. Pero ó mesmo tempo, se calo, déixolle pensar que ten a razón e que pode dicirme o que lle pete porque o vou tomar a ben ou vou calar. Gasto moito tempo e moitos enfados en responder a estes comentarios, pero a cambio recibo, acompañado cunha mirada desas que valen máis que mil palabras, tempo. Recibo tempo sen que esa persoa en concreto volva a amargarme o día. Na maioría dos casos, que sempre hai excepcións.
Non hai nin dúas horas que, falando cun rapaz, saiu o tema do meu itinerario, as letras, e riuse de min porque iso non era para “xente lista” coma el. Non sei o que me pareceu peor, se eses aires de superioridade sen motivo ningún ou que non só se rise do meu itinerario, senón que o cualificase de “mariconada”. Palabra que, por certo, paréceme outro dos miles de prexuízos aceptados socialmente, tanto que chegan a ser invisibles. “Mariconada”, “maricón”,”mariquita”... son o pan de cada día e ninguén se para a pensar o cargadas que están de homofobia esas tres palabras. Pasa algo parecido cos castelanismos no galego. Están tan aceptados que chegamos a escoitar perlas como “o galego normativo invéntano, isto é un cuchillo de toda a vida, iso de coitelo inventárono para alonxarse do castelán” Claro está que xamais escoitei a frase así, para poder reproducila literalmente tería que mudar “alonxarse” por “alexarse” , “iso/isto” por “eso/esto” e “castelán” por “castellano”. Os castelanismos infiltrados no galego, tomados como palabras galegas, do “galego de verdade, non do inventado” son como as palabras con homófobas e denigrantes, como “mariconada”. Xa non sei se a xente non ve ou non quere ver. Ás veces paréceme que cada quen o único que escolle é a cor da venda que pon nos ollos.
 En fin, xa sei que atoparei moitísima xente peor durante a miña vida e ca gran maioría non valerá a pena discutir nin sequera contestarlles, pero seguireino facendo, seguirei pronunciándome. Seguirei porque non son quen de calar ante as inxustizas. Non contesto por eles, para que cambien de opinión, contesto por min para non fallarme a min mesma sendo a persoa que non quero ser, a que observa e cala. E coma min hai máis, que defenden, como ben di Sés, en A Paz Esquiva, que os terroristas sexan, como debe ser, os que consideran un gran crime diverxer