O texto a comentar titúlase Sobre a morte de Bieito, trátase polo tanto dun dos 20 contos que forman a obra Dos arquivos do trasno, do escritor rianxeiro Rafael Dieste. O primeiro ano de publicación foi no ano 1926 cun total de oito contos, e máis tarde nos anos sesenta engade 12 máis. Dieste publica este relato por primeira vez de maneira independente no ano 1923 cun subtítulo; nos anos sesenta cámbialle o título ao relato e nos setenta volve publicalo co mesmo.
O texto segue unha estrutura clásica de presentación, nó e desenlace, así nas catro primeiras liñas preséntasenos o espazo no que ocorren os feitos, no camposanto, e a acción, o protagonista leva xunto con dúas persoas máis un cadaleito para ser soterrado. É aquí cando aparece a cuestión en torno á que xira toda a historia que é se realmente escoitou ruídos que proviñan do interior da caixa. A partir daquí desenvólvese o nó, e finalmente o desenlace que se correspónde co último parágrafo, no que o protagonista volve ao camposanto para descubrir a verdade, pero marcha finalmente ao oír ruído de xente por temor a que o descubran.
O asunto do texto é a crise existencial. En canto ao tema pois, sería ese problema existencial que é provocado pola morte que aborda ao protagonista, o terror psicolóxico que isto provoca e o seu sentimento de culpabilidade, que se ve no texto en elementos coma que marche pola noite do camposanto coa solapa subida.
O relato xira todo o tempo en torno a se realmente o protagonista escoita ruídos que proveñen do interior da caixa onde vai Bieito ou se é todo froito da súa imaxinación, é isto mesmo o que o leva a volver de noite ao camposanto para saber se o Bieito ía morto ou non cando el comezou a pensar todo iso, aparecendo así o problema existencial.
En canto ao argumento, no conto relátasenos como o protagonista acode ao enterro de Bieito, onde lle parece escoitar ruídos dentro da caixa pero non se atreve a dicilo en alto por se non é certo e quedar mal diante da xente; porén como non lle queda claro volve de noite ao cemiterio onde volve ter a sensación de escoitar ruído pero como oe pasos e xente falar escapa.
Hai un personaxe principal que é o que conta toda a historia. Este é o protagonista, do cal non se aporta ningunha información máis alá de todo o que ocorre no seu maxín e ese problema existencial do temor a ser enterrado vivo que é propio da cultura galega. Ademais o protagonista non só se pon na súa perspectiva senón na de todos os demais que están no enterro, aparecendo así o desdobramento do personaxe. O que podería ser o personaxe secundario sería Bieito aínda que só é o pretexto para que a historia se desenvolva. En canto á perspectiva narrativa, o narrador é en primeira persoa neste caso é un narrador protagonista pois todo o que sabemos, sabémolo a través del.
O tempo externo non está definido no texto pero pódese situar nos anos no que foi publicado, e mesmo é unha historia que se podería trasladar á actualidade, e o tempo interno abarcaría un día, dende a mañá ou tarde cando é o enterro até a noite que é cando o protagonista volve ao camposanto a comprobar o acontecido. Por outra parte o espazo sería o camposanto que é onde acontece todo, e tamén a cabeza do protagonista, xa que o que se conta na historia si que sucedeu, pero todo de forma pscicolóxica; o protagonista dubida todo o tempo entre contar o que pensa ou non, porque se o di e non é certo quedará moi mal e se o di e é certo tamén por non avisar a tempo.
Finalmente, en canto aos trazos característicos do autor que están presentes na narración está a unidade motiva, que se consegue pola obsesión do protagonista e ese final sorprendente e revelador. Tamén se pode destacar que coa primeira liña do texto se anuncia todo o que vai ocorrer no relato.
Ningún comentario:
Publicar un comentario