10/03/17

Un mundo cheo de hipócritas (Por Laura Rubio)

 Na última semana produciuse nos Estados Unidos o traspaso da Casa Branca, de mans dos Obama ao criticado candidato á presidencia, Donald Trump; polo que as redes sociais máis os telexornais inundáronse de novas relacionadas co tema.


 A última e a que máis lle molesta ao Estado español, é a reforma que se levou a cabo na páxina web do Capitolio, pois para sorpresa de moitos aboliuse a opción de ver a páxina en español. Isto claramente molestou á gran comunidade latina que vive neste país, pero en España moitos políticos non tardaron en dar a súa opinión ao respecto, como por exemplo Susana Díaz (presidenta do PSOE en Andalucía) que non tardou en escribir un chío: “un desprecio a la comunidad hispana y un ataque intolerable a la segunda lengua de EEUU”. Este feito coincide casualmente con que retiraran as tres linguas cooficiais de España; galego, vasco e catalán, da web da Moncloa, quedando así marxinada a comunidade galega, vasca e catalá.

 Se se pensa ben nesta situación, a maior parte das persoas chegarán á conclusión da tremenda hipocrisía que vivimos no noso país.

 En primeiro lugar deixamos entrever o nivel de educación que os políticos españois teñen en canto ás linguas se refire, xa que antes de nada hai que dicir que a lingua española non é a segunda lingua de USA, polo menos no ámbito oficial. É verdade que a segunda lingua máis utilizada nese país é o español, pero iso non a converte en oficial, pois se tomamos como exemplo o galego, tardou moito en ser oficial no seu territorio a pesar de ser a lingua de seu; é coma se en Suíza, país de emigración no que conviven moitas linguas diferentes estas se convertesen en oficiais.

 

A segunda actitude, aínda máis significativa, é o inxusto que é o goberno queixándose de que eliminen a súa lingua dunha web que nin ten por que amparar o español pois as únicas linguas cooficiais que se conservan son as das reservas de nativos pero non esta lingua; mentres aos galegos nos eliminan a nosa da súa web oficial. Unha lingua que queiran ou non representa a unha parte da poboación española, igual o que pretenden é volver a setenta anos atrás cando un galego, por aquela ditador, dicía que “las lenguas diferentes al castellano atentan contra la unidad de nuestro idioma”. Porén, o peor non é iso senón ver chíos en Twitter de persoas vascas e catalás nas que escriben que como é isto de marxinar ao euskera e ao catalán, e o galego? Quen vai ser o que o ampare agora que até a xente que defende o seu idioma como oficial ao igual que nós, esquece o noso?.

 Considero que os primeiros que terían que dar a queixa e defender a nivel estatal o galego sería a Xunta de Galicia, pero se temos que esperar a que isto suceda pois creo que mal imos, pois as políticas que ten o goberno actual, en canto á defensa da lingua se refire, non deixan a lingua en moi bo lugar. Ademais, todos os galegos e galegas deberían saber o que está a acontecer porque, até onde eu teño constancia, nos telexornais non saíu esta noticia, si a do español en EEUU, pero non esta que creo eu que é a máis importante. E o que me pregunto eu é: temos realmente representación os galegos e galegas ca nosa lingua no conxunto da sociedade? Eu empezo a pensar que non.

Ningún comentario:

Publicar un comentario