Este é o meu último texto, o último texto que escribirei para as clases de literatura galega, aínda que non o farei falando precisamente de libros senón do noso paso polo instituto. Todos e todas nós estivemos esperando este día con impaciencia durante todo o curso, queriamos acabar o instituto, deixar de ver un ano tras outro o mesmo edificio, as mesmas materias, e enfrontarnos a un novo reto, que é o que é a vida. O meu paso por este centro serviume non só para formarme cultural e intelectualmente senón que para aprender moitas cousas sobre a vida. Grazas ao magnífico profesorado que nos acompañou nesta gran carreira aprendín que nunca hai que dar nada por perdido, e que grazas aos libros podemos viaxar e voar, e sobre todo que debemos perseguir os nosos soños a pesar dos obstáculos que atopemos no camiño.
Aínda recordo que comecei o instituto coma unha nena asustada, que aínda por riba facía tan só dous anos que chegara a Rianxo, aínda que en realidade era a súa localidade natal. Non coñecía a ninguén, tampouco tiña amigos, e algúns e algunhas aproveitaron para facer que recordase os dous anos do primeiro ciclo da ESO coma un inferno, o peor é seguir véndoos ano tras ano na mesma clase. Nos seguintes anos por fin estiven ben até que en Bacharelato volveu haber problemas.
Pois ben, a toda esa xente hoxe quérolle dar as grazas, grazas por crear a muller forte que hai en min, grazas por facerme ver que a pesar do que digades sempre estarei un paso por diante de vós como persoa, e sobre todo grazas porque me axudastes a ver que na vida o máis importante é ser feliz a pesar do que diga a xente.

Ningún comentario:
Publicar un comentario