20/03/20

Camiños de luz e sombra

A etapa de posguerra (1936-1975) vén marcada pola Guerra Civil. A consecuente ditadura reprime tanto a cultura como a lingua e retén á literatura no fondo do caixón. Porén, cando os intelectuais comezan a preparar a bagaxe procuran levar un pouco da súa terra. Vacían o roupeiro ata o fondo e almacenan todo o seu contido na maleta. A literatura, ata entón oculta na escuridade de onde a luz non alcanza, cruza o océano no interior dunha valixa ata chegar a terra firme. A literatura exiliouse. Esa viaxe en barco abriu unha vía de salvación para ela. Sobreviviu en América grazas á actividade cultural. Grazas á publicación de libros, ás representacións teatrais, ás emisións radiofónicas. Co paso dos anos os tempos acougan e a censura amaina. Aqueles portadores de maletas voltan para a súa terra, e coa fundación en 1950 da Editorial Galaxia voltan tamén a publicar. Con eles xorden tres xeracións diferentes: A Xeración do 36, a Promoción de Enlace e os poetas das “Festas Minervais”. Dentro destes últimos, nacidos entre os anos 40 e 50, atópase encadrado Manuel María. A súa produción literaria é das máis ricas e extensas da literatura galega. Podemos dividila en catro etapas. Comeza a súa carreira influenciado pola Escola das Tebras, poesía intimista de enfoque pesimista, que mestura contidos existencialistas e fórmulas surrealistas; saborea a poesía paisaxística e percorre a denuncia, combatindo e afirmándose no nacionalismo, para finalmente chegar ao intimismo. 
Camiños de luz e sombra pertence á terceira etapa. O día 11 de novembro de 1959 firmaron Manuel María e Saleta Goi, Os carreiros do soño. Seguidamente puxéronse a escribir Os carreiros da morte, continuación do primeiro. Ambas series de poemas forman unha unidade titulada Camiños de luz e sombra que, ó xuízo dos autores, define o contido do poemario. O resultado das súas dúbidas, medos e temores foi este libro, que foi quedando inédito ata que no ano 2000, en edición privada e para celebrar a inauguración da "Galeria Sargadelos" de Monfone de Lemos, foi feita unha edición de Os carreiros do soño. O propio autor di que quizais os versos envelleceron de máis, pero que gardan parte do desasosego e tremor co que foran escritos hai corenta anos, xa que a problemática existencial e esencial do ser humano non muda doadamente.
O poema presentado é o cuarto do primeiro dos poemarios, Os carreiros do soño . Os seus once primeiros versos alinéanse centrados, dispostos dun xeito dispar, con espazos e figuras distintas. Semella que a forma acompaña ao contido, xa que durante a infancia os versos achátanse e alónganse. Atópanse xogando. Pola contra, os catro últimos versos están xustificados. Semellan un bloque de pedra inamovible. Ese muro de formigón chamado realidade contra o que chocar ao espertar dun soño. Todo isto represéntase a través dunha lingua coidada, sinxeleza expresiva e un versolibrismo, que potencia o estilo narrativo do poema.
     O seu destinatario son os adultos, que nalgún tempo foron nenos. A voz que o narra faino dende un ton lírico e emocionado, mais sereno e nostálxico. Levada pola experiencia do pasado percorre cronoloxicamente o camiño da vida. Comeza pola infancia. Un carreiro de soños, un camiño de luz. Pasamos a nosa nenez co corpo neste mundo, pero coa mente noutra patria, a verdadeira. Inconscientes de que existen cousas tales como a morte, ou  sen entender que nalgún momento os pais tamén foron fillos e os avós non naceron vellos. Procurando a fantasía nos ríos de día e o medo de noite na cama. Alimentados pola tenrura da nai e protexidos polas súas apertas. Dura moi pouco. A Luz vaise perdendo e impide alumiñar a tebra. Son os anos os que a apagan. O tempo corre para todos. Non somos como Peter Pan. Os cimentos dos versos, afástannos do milagre, chántannos os pés na terra, aínda que nós mesmos saibamos que non temos salvación. Que chegados a ese punto todo está pecho ó noso redor. Perdemos a inocencia dos meniños. E berramos como tolos. E cúspímoslles ás estrelas.

As mulleres e os homes senten nostalxia da infancia. Manuel María conta verdades nos seus poemas. Verdades sinxelas, pero transcendentes e universais. Figura exemplar da literatura galega da segunda metade do século XX, revélase de xeito singular, non só pola riqueza creativa e temática da súa obra, senón tamén polo compromiso íntimo coa cultura, lingua e pobo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario