20/03/20

Un berro no silencio


Un berro no silencio
         A Guerra Civil foi un acontecemento que enfrontou a pais, fillos, irmáns e amigos. Non houbo gañadores, pero si perdedores, e os que escolleron o bando equivocado, tiveron que enfrontarse á morte, ao exilio, ou cando menos ao silencio: a calar os seus ideais, a cesar a súa loita, e a ver como o país que desexaban para os seus descendentes, convertíase nunha utopía.
         Nunha casa “roxa”, descendentes do último alcalde republicano rianxeiro, continua ese silencio a día de hoxe. Meu avó nunca falou do acontecido durante a guerra. Miña nai sempre conta que era algo vetado, algo do que non se lle podía preguntar. Pero el relatoume “Meu pai tivo moita sorte, pois sempre foi moi boa persoa. O seu cuñado era xeneral  dos nacionais en Asturias o cal nos axudou en todo momento e por iso non tivemos que marchar de Rianxo, a pesar de que estaba metido de cheo en política”. Non hai un exemplo máis preto a min do silencio dunha guerra, cando escoito a meus avós repetir día si e día tamén: “Nunca vos metades na política”.
         Nunca se produciu ese berro, porque lle quitaron a voz. Vivían do que as tías de meu avó gañaban como mestras, vendo como todos os miraban por riba do ombreiro, porque eles tiveran sorte, as únicas represalias que tiñan era ver como seus fillos pasaban fame, sen poder traballar porque levaban na fronte escrita a palabra “ROXOS”, pero lembremos, unha vez máis que eran afortunados.
         Meu avó era un rapaz “moi comedoriño”, como se di na miña casa, polo que cando empezou a faltar a comida para el e seus irmáns, acostumaba a irlle pedir comida aos seus veciños: “Recordo chorar na porta dos veciños do lado, sempre se apiedaban de min, e dábanme parte da bola de pan. Facíalles graza que un rapaz gordiño chorara por fame. Meu pai estaba acostumado a baixar a cabeza pola rúa, e agora facíao tamén ao saír á porta da súa casa, por culpa de seu fillo que ía rogando comida”.
         Na actualidade, o niño de “roxos” que foi o Bar Nine, quedou impregnado de silencio. Meu avó puido traballar nel, porque cesaron as represalias  (deixáronlle telo aberto) e iso foi máis que suficiente. É fogar, lugar de risas e lugar de xuntanza, unha pequena taberna familiar, que esqueceu calquera sufrimento pasado, pois así tiña que ser “e non te metas nunca en política, porque para que?”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario