25/06/17
A cabeza do dragón (por Pilar Villanustre)
A semana pasada chegou ao auditorio de Rianxo a nova produción teatral de Quico Cadaval, A cabeza do dragón. Trátase da primeira obra de Valle-Inclán adaptada ao galego. A obra trata sobre un príncipe que, por axudar a un trasno a escapar, tivo que fuxir do seu fogar. Na súa viaxe chega a unha cidade en cuxos arredores habita un dragón que cada certo tempo achégase á cidade reclamando a unha princesa como sacrificio, o obxectivo deste sacrificio é evitar que o dragón chegue a atacar a cidade. O príncipe namorase da princesa e proponse acabar coa vida do dragón de forma definitiva, empresa para a que precisara da axuda do trasno que anos atrás liberara.
Esta obra trata dende un punto de vista cómico distintas temáticas e problemáticas, algunhas xa presentes na obra orixinal e outras que son achegas actuais introducidas por Producións Excéntricas. Un dos temas tratados nesta obra é o da igualdade de xéneros e a dignidade da muller, mais, malia que nun principio este tema promete, o punto débil atópase na princesa, que cumpre co papel prototípico de princesa que precisa dun cabaleiro que a rescate do perigo. Isto queda compensado con escenas como a que foi engadida ao final, como remate da obra, posto que na orixinal non existía. Nesta escena, despois de que o narrador, Quico Cadaval, aclare que é unha escena allea á creación de Valle-Inclán, lévase a cabo o que se pode interpretar como unha crítica á monarquía e os seus excesos. Os puntos loables dentro do argumento poderían seguir nomeándose ate, practicamente, facer un resumo da obra, pero é moito mellor recomendar aos lectores que vaian a vela se teñen a oportunidade.
O elenco da representación realiza tamén unha gran actuación, na que case todos teñen que representar a varios personaxes, debido ao reducido que o mesmo resulta. Este elenco está conformado por: Iván Marcos, Yelena Molina, María Costas, Victor Mosqueira, Patricia Vázquez, Josito Porto e Marcos Orsi, ademais do propio Quico Cadaval.
Chama tamén a atención nesta obra a posta en escena, na que se valen dun escenario con moi escasa decoración para representar escenas que teñen lugar en escenarios moi diferentes, polo que se valen da imaxinación, facendo que os espectadores tamén teñan que poñer a traballar a súa cabeza.
En resumo, resulta unha obra moi amena. Son dúas horas de representación que pasan voando e que resultan moi útiles para desconectar un pouco deste mundo no que vivimos. Ademais é apta para todos os públicos e provocará gargalladas entre os máis pequenos e os máis maiores, froito dos diversos niveles de interpretación desta obra totalmente recomendable.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)