13/11/17

SOS - Manuel Antonio (Por María García)

Resultado de imagen de mar barco noche

      Atopámonos ante un dos poemas mellor considerados da literatura galega. Isto non é de estrañar, pois posúe unha profundidade e un significado sentimental que abraian. Tanto é así que a este poema pódenselle facer moitas lecturas e interpretacións diferentes, o cal me parece marabilloso. A continuación exporei a miña lectura, a miña interpretación deste sorprendente texto. 
   O tema principal do poema é a soidade, como ben se ve no titulo do mesmo. E coma case sempre que se trata de Manuel Antonio, o poema está ambientado e enfocado ao mar. É curioso que fale da soidade pero que empregue durante todo o texto a primeira persoa do plural: “Fomos ficando sós”, “Roubaron-nos o Sol”...  Dende o meu punto de vista, o autor emprega esta forma verbal para referirse a Nós Mesmos, non hai ninguén con el (ou con nós), só a nosa persoa. Dende o meu punto de vista a mensaxe deste poema é que ao final do día só nos temos a nos mesmos, quítannos o sol, o vento, a Terra; e só quedamos nós sós. O poeta expón a súa forma de sentir a soidade, non como algo malo, pois está tranquilamente fumando unha pipa, se non como algo que nos envolve e que forma parte de nós.
    Primeiro é roubado o Sol, e con el a luz, a vida e a visión do exterior. Ese paquebote relucente que traza co seu fume unha liña infinda é o sol metafórico que emprega Manuel Antonio. É de noite. De seguido é roubado o vento, esa forza que nos move e nos empuxa a seguir adiante, a vontade. Hai quietude. Despois róubase a Terra, as costas, e imos cara o esquezo. Estamos lonxe da nosa Patria. Neste panorama o tempo párase para a voz poética que se atopa no medio dun mar inmenso que non coñece. “O cadavre d´o Mar fixo d´o barco un cadaleito” porque hai tanta calma e tanta monotonía que parece que a natureza de todo o seu redor morreu.
    O derradeiro grupo de versos é quizais o máis significativo de todo o poema. Nel podemos destacar varios elementos: o fume de pipa, que transmite a relaxación e tranquilidade que a voz poética sente; a saudade, a pena e a morriña de todo o seu; o silencio e o frío, vólvennos a situar no ambiente mariño, na nada. E para finalizar os últimos versos do poema “ E ficamos nós sós- Sin o Mar e sin o barco nós” onde se resume a mensaxe central do poema, ao fin e ao cabo só nos temos a nós mesmos, todo o demais que cremos ter é unha ilusión.
    Respecto á forma, o poema está dividido en oito grupos de versos, dos cales algúns posúen 2,3 ou 4 versos. Podemos afirmar que está escrito en verso libre, pois non hai unha métrica marcada e non ten rima.  Sen embargo, podemos en xeral percibir moitas características formais típicas do vangardismo, sobre todo na última estrofa. Nesta as palabras están separadas por espazos que significan moito en si mesmos e non están conectadas entre sí. Ademais a colocación dos versos sen unha orde aparente (aínda que seguen as intencións do autor) tamén é típica da vangarda.
  En conclusión podemos afirmar que este poema de M. Antonio pertence á súa corrente vangardista, porque aínda que sexa sentimentalista e este trazo vaia en contra do vangardismo, o resto das características formais seguen a corrente creacionista das vangardas.

12/11/17

Comentario literario: "Acción gallega" (Hino)

COMENTARIO LITERARIO ( por Alicia Fernández Insua)

   O texto referido é un  poema titulado "Acción gallega (Hino), cuxo autor é Ramón Cabanillas, pertencente á súa obra "Vento mareiro", situada na literatura de comezos do século XX, máis exactamente no ano 1915. Asimesmo, estamos nunha época intersecular, sendo Cabanillas coñecido coma o "Poeta da Raza", un dos grandes escritores das Irmandades da Fala, quen escribe este poema na súa primeira etapa agrarista.

  Seguidamente, "Acción gallega" (Hino), plasma ese espírito de rebelión e berro contra o sometemento e opresión que as clases altas cometen cos traballadores, responsables de converter a uns campesiños galegos en campesiños de segunda orde, en escravos para os beneficios destes. Por esta razón, Cabanillas transmite esta mensaxe de coraxe contra os continuos abusos, por iso os destinatarios son os traballadores do pobo galego, incluíndo a voz lírica do poema, co obxectivo de levantar ese sentimento loitador. Así, para facer notar esa mensaxe, no texto pódense atopar hipérboles coma " que corra o sangue a regos", expresando esa famosa frase, "Denantes mortos que escravos", invocando esa mesma rebelión, sendo a voz lírica en primeira persoa e en plural, é dicir, nós mesmos, onde a voz lírica como dixen antes, inclúese. Desta maneira, pódese ver que o poema está dividido en seis cuartetos de catro estrofas, de catro versos cada unha, heptasílabos, e de rima consonante na quinta estrofa, rima asonante nas catro primeiras estrofas, quedando solta a última. Con isto, hai tamén algúns símbolos no poema tales como "a folla do fouciño", transmitindo a loita dos campesiños; "Vila podre", referida aos anos da terra ocupada polos caciques, quens, tiñan o poder económico; "a Aldea", personificada para facer notar o territorio de Galicia; "a alma rexional"; referíndoos á segunda etapa do galeguismo, o Rexionalismo; ou por exemplo a palabra "lume", expresando ese lume purificador, no lugar do traballo fronte ó pazo señorial opresor.

   En conclusión, o poema de Cabanillas é un hino creado para espertar ese sentimento de loita de comezos do século XX, para recuperar a identidade campesiña, arrebatada antano por eses anos que tras a súa avaricia, danaron o pobo galego de tal forma que levou ao territorio a pasar por unha etapa de angustia desprezomento e escravitude.




18/10/17

Román o mariñeiro (por Andrea Castro)

          
           Fai moitos anos, na vila de Rianxo, os mariñeiros adoitaban deixar o barco na Praia de Tanxil e logo ir de viños pola noite ata que saía o sol ao día seguinte.
           Un día, Román, que levaba sendo mariñeiro de Rianxo toda a vida, ía ao traballo logo dunha longa noite. Coma sempre, tivo que pasar pola zona do cemiterio, na cal daquela tan só era un terreo con tumbas e silveiras, entón Román enganchouse cunha delas e comezou a escoitar voces que lle dicían que non debía saír co barco hoxe, que tiña una maldición enriba. Unha vez conseguiu escapar de alí e chegou ao barco xunta cos seus compañeiros contoulles a súa historia. Eles non lle creron nada pola cantidade de viño que inxerira a noite anterior así que o barco saíu ao mar. Nunca máis se volveu a saber dese barco, nin de ningún dos mariñeiros que nel ían.

13/10/17

A lenda do Pozo Bastón (por María García)

   




   Vai xa moitos moitos anos, un mozo que estaba facendo o servizo militar en África foi preguntado por un mouro de onde era. O rapaz contestoulle que era do Araño. Ante a súa resposta o mouro amosouse gratamente sorprendido e formuloulle unha nova pregunta; se coñecía o Pozo Bastón. E como o rapaz respondeu afirmativamente o africano faloulle así:


—No Pozo Bastón están encantadas tres das miñas fillas. Se me fixeses o favor de ir alí e facer o que eu che diga para desencantalas daríache o que me pedises.


   Como o rapaz estivo de acordo en facerlle aquel favor, o mouro explicoulle ben o que tiña que facer: a súa tarefa consistía en ter bencoidados os tres bolos de pan que o home lle ía dar, non contar nada a ninguén e non quitarlles farangullo ningún. Logo, ao chegaren xa á súa terra natal, debería ir ao Pozo Bastón e tiralos un a un á auga. 


   Cando o mozo regresou ao Araño, antes de ir ao Pozo Bastón, pasou pola casa. Ca ansia de reencontrarse cos seus acabou pousando os bolos enriba da mesa da cociña descoidadamente. A muller, curiosa, quixo ver o que había naquel envolto, destapou e levou á boca un anaco dun deles.O mozo moito lle rifou pero xa non había remedio.

   Ao día seguinte emprendeu o camiño cara o Pozo Bastón. Ao chegar, tal e como lle dixera o mouro, botou á auga un dos bolos. De contado viu saír da auga unha moza dunha fermosura nunca antes vista por el. Logo tirou o segundo dos bolos e saíu do pozo outra rapaza tan bonita como a primeira.

Faltaba o terceiro dos bolos, o encetado pola muller. Tirouno e viu como pelexaba por saír da auga unha terceira moza, tamén moi fermosa, pero coxa. Moito turrou a moza, mais como ela non era quen de saír do pozo por sí soa agarrouse ás súas irmás e... volveron somerxerse as tres no pozo.


   E alí estarán aínda, entre os cachóns de auga batida daquela fermosa fervenza que se chama Pozo Bastón.




06/10/17

A serea Mariña

A SEREA MARIÑA







Hai moito tempo, había unha serea chamada Mariña que viaxaba polas augas máis profundas de Ribeira. Era unha serea que sempre estaba soa, xa que era muda e iso impedía relacionarse cos demais.
Un día Mariña decide saír á superficie en busca da luz do sol. Nese intre percibe unha voz, descoñecida para ela, da cal queda prendida desde o primeiro instante, o que a leva a querer atopar esa doce melodía.
Mariña visualiza a silueta dun home sentado na rocha, cun obxecto estraño nas súas mans, e cuxa expresión facial deste asemella asombro e curiosidade ante tal tesouro. Mentres, a serea non pode deixar de escoitar esa música que prende os seus sentidos. É unha música que non comprende pero que si quere descubrir.
De repente, o home parece que está rompendo esa máxica reliquia, pero só se trata dun pasar de páxinas.
Ese individuo segue producindo esa harmonía coa axuda desa peza, creando en Mariña o desexo de ser humana para entender dita canción.
Ao pouco, Mariña sente que a súa vista se esvaece, sente que se desmaia, e a música segue soando.
Mariña esperta. Non entende nin coñece nada, pero si coñece algo, ese home que antano visualizara naquela rocha. Mariña agora sente cóxegas no estómago. É o amor, un sentimento que ela non comprende pero que quere seguir sentindo.
Os meses pasan, e Mariña ten o seu primeiro fillo, e vai coñecendo máis a fondo esa melodía, pero a súa mudez impídelle crear o seu propio canto nesas páxinas, e cae nunha máxima tristeza.
Froyaz, o seu marido, dóelle ver a Mariña nese estado e decide facer unha cousa para devolverlle á serea a súa alma sonora.
Nunha noite de San Xoán, Mariña e Froyaz rodean unha fogueira. Mariña sostén ese máxico tesouro e Froyaz arrebátallo das mans, facendo ademán de lanzalo ao lume.
Entonces, Mariña solta un grito desesperado.
A partir desa noite a música ten esperanza...

Rianxo, o paraíso existe (por Bernal Muíños)

Creo que con este lema chegaría para resumir que é para min a auga da que falaba Nuccio Ordine. Vivindo en Rianxo, hai cousas que damos por sentadas, que nos pasan desapercibidas ou que ignoramos, como ignoran os peixiños da anécdota que é a auga. Pero resulta que o habitual neste pobo no resto de Galiza e en España é máis ben un oasis.
Sempre dicimos que  Rianxo é diferente, que é do melloriño que hai no mundo, pero non o acabamos de tomar en serio. Este último verán tiven a sorte de poder viaxar. E a viaxe cambiou bastante a miña percepción sobre o meu día a día (case completamente). Coincidín en Derry, Irlanda, con outros moitos estudantes de Galiza (e tamén de España). E falando con eles, deime de conta da miña fortuna.
Aquí é normal o galego, e non nos percatamos de canto. Cando, de corenta galegos que había na viaxe a Derry, tan só unha decena falaba sempre galego (o resto falaba un castelán tirando a artificial ou eran usuarios habituais do bilingüismo harmónico, como é xa costume), decateime de que a porcentaxe de falantes que hai en Rianxo é un privilexio (e iso que esa porcentaxe sufriu en 15 anos unha diminución para min alarmante). Unha compañeira de viaxe incluso me comentaba que ela quería falalo máis a miúdo, pero que era complicado se non lle respondían en galego ou mesmo se rían cando o intentaba. Falar en galego sen trabas é algo que en Rianxo é normal, que non valoramos malia ser unha odisea no escenario actual da Galiza.
Con respecto á ideoloxía era de esperar non coincidir con case ninguén da viaxe, vendo os resultados das últimas eleccións autonómicas galegas; pero aínda que algúns non tiñan moita idea da existencia do galeguismo, a maior parte si que tiñan coñecemento desa corrente. O que me resultou realmente chocante foi unha revelación por parte dunha catalá independentista. En Rianxo o nacionalismo está medianamente estendido (pouco para o que a algúns nos gustaría) basta con ver a cantidade de rianxeiros e rianxeiras que participan habitualmente en manifestacións e concentracións de protesta. Hai un bloque sólido que aparece sistematicamente para facer un pouco de ruído o 17 de maio ou o 25 de xullo, por exemplo. Certo é que non é nin moito menos a maioría do pobo (nese caso o do paraíso do que falamos cando nos referimos á vila da Moreniña case podería tomarse como literal), pero podemos dicir que está normalizado. Ninguén me vai mirar raro se digo "eu son nacionalista". Pois ben, resulta que aquela independentista non sabía da existencia dun movemento nacionalista en Galiza. Un pobo como o catalán, co que compartimos moitas miserias en temas de autodeterminación e orgullo de nación, pasa ás veces por alto a existencia dun movemento análogo no mesmo Estado. O que é normal en Rianxo, fóra nin se coñece.
Culturalmente, o choque cos meus compañeiros e compañeiras de viaxe foi brutal. Sés, unha artista que se se nomea en Rianxo xorden ao instante varias persoas cantando "Tempestades de Sal", era completamente descoñecida para moitos dos galegos da viaxe, ou, con sorte, coñecíana de oídas. En Rianxo, o luns das peñas das Festas da Guadalupe, pódese ver todo o campo da festa cheo de mocidade cantando a unha soa voz "Licor Café" e "Ai Dolores" do grupo Lamatumbá; pero fóra das fronteiras deste oasis mariñeiro a palabra Lamatumbá é chinés. Esa cultura galega da que bebe con normalidade o noso pobo pódese ver en festivais como o Revenidas, ao que puiden asistir este verán e no que coincidín con máis de trinta rianxeiros e rianxeiras (e, polo que me dixeron, non vin a todos os que estaban en Vilaxoán) coreando a grupos como Terbutalina, La Pegatina, Leo i Arremecághona, Auxili ou Txarango e, para que mentir, sendo a alma da festa. Invito a calquera a probar fóra de Rianxo a falar deses artistas, por saber cantos os coñecen.
É certo que hai xente non rianxeira que responde á descrición que acabo de facer, pero non creo que noutros lugares haxa un número tan importante como en Rianxo. Non fai falta máis que saír de nite, un xoves, en Santiago de Compostela. Moitos coñecidos afirman que nos históricos pubs Avante ou Tarasca calquera pode atopar medio pobo de Rianxo bailando e disfrutando con música "decente" (Ska-P, Bruce Springsteen, Sés, Los Suaves...) e non coas machistas, simplonas e denigrantes letras de "Despacito" de Luis Fonsi ou "Súbeme la radio" de Enrique Iglesias, entre outras aberracións.
Creo que queda claro que Rianxo é distinto. E iso non o podemos pasar por alto. Non debería ser a nosa auga, porque na auga estancada aparece fango. Cando a desigualdade e a inxustiza son a auga, estamos destinados á represión e á opresión; cando as liberdades e os dereitos que posuímos son a auga, estamos destinados a perdelos. Se non somos conscientes da auga, daquilo que é normal en Rianxo, pero non o é no resto do país, tamén podemos perdelo. Temos que estar orgullosos do noso, ser conscientes da nosa realidade, para estendela e evitar que desaparezan todas as razóns polas que Rianxo é o paraíso.

27/09/17

O labor docente ou a necesidade de contar para non perder a cabeza

O curso pasado, un alumno preguntoume por que sempre tiñamos que estudar a persoas que levaban anos, ou décadas, mesmo séculos mortas. Non sabía como explicarlle que non hai progreso sen memoria, nin liberdade sen conciencia da propia identidade. Non souben que responderlle, así que lle contei un conto.

Hai moito tempo, había unha muller en Taragoña que se chamaba Sagrario. Todos a coñecían por Sagrario de Ourolo ou Sagrario dos bolsos.
Sagrario, como todas as mulleres do pobo, como todas as galegas, cantaba e contaba. Sagrario cantaba as cancións que lle cantara súa nai, que escoitara a outras mulleres de Ourolo, da Burata, de Asados ou mesmo do Araño. E, entre as cancións que cantaba, contaba un conto. Sagrario contaba os contos que lle contara súa nai, que escoitara a outras mulleres de Ourolo, da Torre, do Pazo ou mesmo de Rianxiño.
A Sagrario gustáballe sentar á porta da casa, nun banco baixo de pedra, á tardiña, no solpor dos días de verán e calor; gustáballe estar á fresca e ver a xente pasar. Sagrario comezaba a musitar os sons da Cántiga (Unha noite na eira do trigo…) Ao pouco alguén paraba, canso dos labores do día, e sentaba onda ela. Ao acabar a cántiga, xa se xuntara un bo grupo de xente para oíla contar.
Sagrario vestía unha grande saia cuberta de petos de cores. Moitos petos e moitas cores tiña a súa saia, por iso a alcumaban Sagrario dos bolsos. Para empezar a contar, Sagrario botaba man a un peto e sacaba de dentro un papel. Entregáballo a algún dos que escoitaban para que lera a palabra e, do papel, nacía un conto. En cada conto había mulleres e homes, xente que vivira moito tempo atrás, xente que morrera moito tempo atrás. Xente que quería volver a vivir para a xente que escoitaba. E Sagrario, coa maxia da palabra, resucitaba aos mortos e facíaos vivir nos seus contos.

Grazas a Sagrario volve á vida Sherezade!
A única muller que sobreviviu a aquel rei que no solpor casaba e no amencer enviuvaba. Aquel rei que, por vingarse dunha que o traizoara, degolaba a todas. Agás a Sherezade. Ela foi a única que viu amencer despois de pasar a primeira noite co rei. E para seguir sostendo a cabeza cada día, precisaba contar un novo conto cada noite. E botou man das historias por ela oídas, lidas ou imaxinadas. Botou man d@s mort@s, que agora a salvaban da decapitación. Na penumbra do durmitorio, sen máis luz que a lúa, dicía as historias en voz baixa. E, dicíndoas, sentía pracer. E, dicíndoas, daba pracer.
Do medo a morrer naceu a mestría de contar, porque Sherezade sabía que, se o rei se aburría, estaba perdida.

Eis a razón de falar d@s mort@s!
Temos que falar d@s mort@s para que sigan vivindo na palabra. Recollemos as súas palabras do pasado para entregarllas ao futuro, porque non hai progreso sen memoria, nin liberdade sen conciencia da propia identidade.
Despois de ler…
Sherezade (Mujeres), de Eduardo Galeano

19/09/17

A utilidade do inútil

O ano 2016, coa imposición da LOMCE, pasará á Historia como o ano en que Letras e Ciencias ficaron definitivamente separadas en aras dunha demagóxica calidade de ensino só para uns poucos, ao servizo dun progreso mal entendido que ao parecer só pode ser acadado a través do comercio, do diñeiro, polo tanto das contas, das matemáticas, é dicir, das ciencias. Así que, as letras non serven para acumular riquezas e o tempo é demasiado precioso como para perdelo en especulacións ociosas, polo tanto as letras son asuntos menores para entreter aos que non saben de matemáticas. As letras non son útiles e todo o que non é útil desprézase. O ano 2016 tamén é o ano da celebración do 24 centenario do nacemento de Aristóteles, para uns "o filósofo", para outros "o científico". Porque Aristóteles practicaba a curiosidade, que resolvía a través das disciplinas científicas e, despois, extraía as implicacións filosóficas das mesmas. Por unha parte, Aristóteles rexeitou o vacío e defendeu a finitude do universo, concepción que os partidarios actuais de certos modelos cosmolóxicos nunca poderán desprezar como fan coa infinitude do espazo de Newton. Por outra parte, Aristóteles ensinounos a percibir a causa da emoción que provoca a representación tráxica. Mesmo nos axudou a entender, coas súas reflexións ético-políticas, as tremendas consecuencias da ausencia de xustiza social.

Hoxe, a ciencia volve aos grandes interrogantes filosóficos: cal é o papel do home e da muller no entorno natural?, por exemplo. Así que volvemos a Aristóteles e a Filosofía volve á súa orixe. Pois a Humanidade segue desexando coñecer e simbolizar.
En consecuencia, unha educación que non queira ser só instrución, deberá ter como obxectivo: pensar en liberdade. A liberdade era considerada por Aristóteles como condición da realización do ser humano, polo que a condición de escravo equivalía para el a ser repudiado pola humanidade. Con el aprendeu Marx que o traballo escravizante é deshumanizador. Só cando as necesidades primarias están satisfeitas (comida, casa...) procura o ser humano o coñecemento, saber por saber, sen procurar ningún proveito material. Neste sentido a Filosofía é unha ciencia libre, pois o seu único obxectivo é ela mesma. Unha educación guiada por este principio permitirá que os individuos recuperen o espírito curioso da súa infancia arredor das humanas cousas. Nenos e nenas fanse interrogantes continuamente, pois todo o que lles rodea os sorprende. Ese é o primeiro motor da Filosofía.

FONTE: Aristóteles nos enseñó a pensar. EL PAÍS, 28/05/16



   Doe ver triunfar nas televisións e nos medios novas representacións do éxito, encarnadas no emprendedor que logra crear un imperio a base de estafas, ou no político impune que humilla o Parlamento obrigándoo a votar leis ad personam. Doe ver homes e mulleres entregados a unha tola carreira cara á terra prometida de ganancias, onde todo canto os circunda non suscita interese ningún. A vista fixada na meta perseguida xa non permite gozar dos pequenos xestos cotiáns nin descubrir a beleza que latexa nas nosas vidas: nun solpor, nun ceo estrelecido, na delicadeza dun beixo, nunha flor ao abrir, nunha bolboreta ao voar, no sorriso dun rapaciño. Pois, a miúdo, onde se percibe mellor a grandeza é precisamente nas cousas máis simples.


Se non se comprende a utilidade do inútil, a inutilidade do útil, non se comprende a arte. Os auténticos poetas saben ben que soamente lonxe do cálculo e da présa é posible cultivar a poesía. Ser artista significa: non calcular nin numerar; madurar como a árbore, que non impele a súa saiva e, confiada nas tempestades da primavera, permanece sen o medo a que despois non puidera vir ningún verán. Os versos non se someten á lóxica do útil. De feito, o inútil é necesario para tornar todo máis fermoso. 



Necesitamos o inútil como necesitamos as funcións vitais esenciais para vivir. A poesía, a necesidade de imaxinar, de crear, é tan fundamental como a de respirar. Respirar é vivir e non evadirse da vida. Sobre todo nos momentos de crise económica, cando as tentacións do utilitarismo e do máis aveso egoísmo semellan ser o único camiño e a única áncora de salvación, cómpre entender que xusto as actividades que non serven para nada poderían axudarnos a fuxir da prisión, a salvarnos da asfixia, a transformar unha vida plana nunha vida fluída e dinámica, guiada pola curiosidade respecto ao espírito e as humanas cousas.

Non esquezamos que, na escala dos seres, só o home realiza actos inútiles. Un mundo sen literatura sería un mundo sen desexos nin ideais nin desacatos, un mundo de autómatas privados do que fai que o ser humano sexa de veras humano: a capacidade de saír de si mesmo e mudarse noutro, noutros, modelados coa arxila dos nosos soños.

Toda arte é completamente inútil. A obra de arte nace por nacer. Non pide que a traian ao mundo, aínda que despois a sociedade se apodere dela; pois a obra de arte pode cumprir ou non unha función social. Se a arte serve para algo, debe servir para ensinarlle á xente que hai actividades que non serven para nada pero que é indispensable que existan.
Habería que preguntarse por que, xusto no momento en que a barbarie colle a dianteira, a ira do fanatismo diríxese non só contra os seres humanos, senón tamén contra as bibliotecas e as obras de arte, contra todas as cousas inútiles e inermes, silenciosas e inofensivas, mais percibidas como un perigo polo simple feito de existiren.

As causas que produciron a decadencia da elocuencia e do saber (das artes) foi a ansia de riquezas, que leva á humanidade á escravitude. O amor polo diñeiro é unha doenza que empequenece o ánimo. Por iso dicía Italo Calvino que o inferno dos vivos non é algo por vir; se hai un, é o que está xa aquí, o inferno que habitamos todos os días, que formamos estando todos xuntos. Hai dous xeitos para non sufrilo: ou ben aceptar o inferno e volverse parte del ata o punto de non velo xa; ou ben buscar e saber recoñecer quen e que cousa, no medio do inferno, non é inferno, e facela durar, facerlle sitio.

En consecuencia, a única posibilidade de conquistar e defender a nosa dignidade de homes e mulleres ofrécennola precisamente a cultura e unha educación libre.



Save

18/09/17

Que é a auga?

Este ano prometinme iniciar todos os cursos do mesmo xeito. Reproducindo unha anécdota que Nuccio Ordine conta que contaba un dos gurús dos 90, David Foster Wallace nun prestixioso College dos EEUU.
Dous peixes novos van nadando pola Mar Océana. Atópanse cun peixe máis vello que vai en sentido contrario: Que tal, mozos? Está boa a auga?. Os dous peixes novos responden ao saúdo e seguen nadando até que un deles pregunta: E que coño é a auga?
O meu propósito é o mesmo: chamar a atención sobre o feito de que na vida as realidades máis obvias e elementais son a miúdo as máis difíciles de percibir e as máis complexas de explicar.  Igual que os dous peixes máis novos, nós tampouco nos decatamos de que é verdadeiramente a auga en que vivimos (a sociedade, o capitalismo, o machismo, a familia, a política, a democracia... a lingua). Non temos conciencia real das ideas de democracia, de liberdade, de xustiza, de laicidade, de igualdade, de crítica, de tolerancia, de solidariedade e de ben común. Non somos conscientes de que é ser muller nunha sociedade machista ou de que é ser galego-falante nunha sociedade embebida polas linguas hexemónicas.
Acostumamos perder de vista todo o esencial, que por estar en todas partes acaba volvéndose transparente, deixamos de percibilo. Os que habitamos en Compostela temos que lembrarnos, cada vez que pasamos pola praza do Obradoiro, "isto é a Catedral de Santiago".
Esquecemos que a verdadeira liberdade require atención, sermos conscientes dela, e un sacrificio cotián para non perdela, para que non se volva transparente. De non facelo, volvémonos inconscientes, convertémonos nas ovellas do rabaño ou nas ratas do sumidoiro.

Pink Floyd retratan no seu álbum The wall un individuo illado por un valado de ladrillos metafóricos (os propios traumas do antiheroe). Se Pink non é consciente dos ladrillos non poderá "tronzar ese valo"; se deixa de bater neles cada día, para abrandalos, nunca os derrubará.
Pero para poder derrubar os tixolos precisamos dos valores que implica a educación, non como instrución, non como acumulación de coñecemento, si como curiosidade, como atención á realidade, como observación, como análise, como interpretación de todo o que nos rodea e habitualmente permanece oculto á nosa vista porque as árbores, non nos deixan ver o bosque.

PARA OÍR E PARA VER:

25/06/17

A cabeza do dragón (por Pilar Villanustre)

A semana pasada chegou ao auditorio de Rianxo a nova produción teatral de Quico Cadaval, A cabeza do dragón. Trátase da primeira obra de Valle-Inclán adaptada ao galego. A obra trata sobre un príncipe que, por axudar a un trasno a escapar, tivo que fuxir do seu fogar. Na súa viaxe chega a unha cidade en cuxos arredores habita un dragón que cada certo tempo achégase á cidade reclamando a unha princesa como sacrificio, o obxectivo deste sacrificio é evitar que o dragón chegue a atacar a cidade. O príncipe namorase da princesa e proponse acabar coa vida do dragón de forma definitiva, empresa para a que precisara da axuda do trasno que anos atrás liberara. Esta obra trata dende un punto de vista cómico distintas temáticas e problemáticas, algunhas xa presentes na obra orixinal e outras que son achegas actuais introducidas por Producións Excéntricas. Un dos temas tratados nesta obra é o da igualdade de xéneros e a dignidade da muller, mais, malia que nun principio este tema promete, o punto débil atópase na princesa, que cumpre co papel prototípico de princesa que precisa dun cabaleiro que a rescate do perigo. Isto queda compensado con escenas como a que foi engadida ao final, como remate da obra, posto que na orixinal non existía. Nesta escena, despois de que o narrador, Quico Cadaval, aclare que é unha escena allea á creación de Valle-Inclán, lévase a cabo o que se pode interpretar como unha crítica á monarquía e os seus excesos. Os puntos loables dentro do argumento poderían seguir nomeándose ate, practicamente, facer un resumo da obra, pero é moito mellor recomendar aos lectores que vaian a vela se teñen a oportunidade. O elenco da representación realiza tamén unha gran actuación, na que case todos teñen que representar a varios personaxes, debido ao reducido que o mesmo resulta. Este elenco está conformado por: Iván Marcos, Yelena Molina, María Costas, Victor Mosqueira, Patricia Vázquez, Josito Porto e Marcos Orsi, ademais do propio Quico Cadaval. Chama tamén a atención nesta obra a posta en escena, na que se valen dun escenario con moi escasa decoración para representar escenas que teñen lugar en escenarios moi diferentes, polo que se valen da imaxinación, facendo que os espectadores tamén teñan que poñer a traballar a súa cabeza. En resumo, resulta unha obra moi amena. Son dúas horas de representación que pasan voando e que resultan moi útiles para desconectar un pouco deste mundo no que vivimos. Ademais é apta para todos os públicos e provocará gargalladas entre os máis pequenos e os máis maiores, froito dos diversos niveles de interpretación desta obra totalmente recomendable.

22/05/17

Logo de ler "Resistencia", de Rosa Aneiros (Por Tania Pose)

Estimada Filipa:
            Non sei canto tempo levo aquí metido e moito menos canto tempo me quedará, so sei que xa son moitas as cartas que che teño escrito e aínda hoxe non obtiven resposta algunha. Teño o presentimento de que algo non anda ben, pois comprendería que te negaras a falar comigo despois do que pasou, mais o silencio absoluto non é propio de ti e négome a pensar que non tes nada que dicir logo de tantos anos de amor.
            Non cho vou negar, Filipa, a vida aquí é moito máis dura do que xamais te puideses imaxinar, mais estou aquí por un motivo e aínda que ás veces non hai cousa que máis desexe, non penso morrer ata que o Réxime remate. So necesito un pouco de ti para poder continuar levando a cabo esta miña Resistencia.
            Contéstame, Filipa, por aqueles que non lograron resistir e por se eu deixo de facelo...
                                                                                                            Quéreche,
       Dinís.
_________________________________________

            Esta ben puido ser unha das moitas cartas que Dinís lle enviou a Filipa na súa estancia no cárcere de Peniche durante a ditadura de Salazar, enviado alí por facer unha protesta na fábrica de vidros na que traballaba. Filipa non contesta porque pensaba que el estaba morto, así llo fixeron saber a través dunha carta, impedindo desta maneira que houbese entre eles calquera tipo de comunicación alén das que se levaban acabo no maxín de cada un, pois un amor tan forte coma o que eles se profesaban non o apagaría nin a morte. Esta foi unha das moitas maneiras de tortura que empregou o Réxime para castigar ós que non se deixaban vencer, moi ben transmitida no libro Resistencia, de Rosa Aneiros, e moito máis cruel, na miña opinión, que calquera tipo de dor física.

21/05/17

As Letras de Sempre (Por Laura Rubio)

Bos días,
Seguramente xa non vos lembredes de min, xa fai uns cantos anos que finei feliz, feliz porque as últimas palabras que pronunciei foron para ela. Sei que fixestes todo o que estivo nas vosas mans para soterrarme no fondo do seu corazón, pero dígovos eu que farei todo o posible para que me recorde. Escríbovos porque un ano máis, neste día tan sinalado, o 17, decidistes que non fun tan importante na súa vida coma para falarlle de min. Ela quere estar comigo pero eu non lle deixo, non tendades medo, non quero que se apodreza como eu o fixen nesta caixa que é a morte, quero que viva e que viva feliz.

Nestes últimos anos foi enfermando cada vez máis e vós mesmos vedes día a día que pouco a pouco as distintas partes do seu corpo vanse apagando, e se non facedes nada agora, asegúrovos que o que lle espera é unha morte segura. Deberiades chamar a súa irmá, a que ten no sur da península e que polo menos a visite unha vez máis, porque dende a miña morte nunca máis se volveron ver. É triste que nin os seus primeiros fillos queiran recordarlle a súa nai quen foi a persoa que estivo aí dende que a coñeceu, ela xa era algo maior pero iso non me impediu amala e respectala. Defendina tamén moitas veces das malas linguas, mais ante todo ela é una muller forte, e ademais sempre tivo os seus apoios. Lémbrome dese amigo que tiña na Coruña, creo que un tal Ponte, que lle axudou a saír adiante nun momento no que a xente que tanto admiraba deixou dun día para outro de falarlle; en poucos anos foi perdendo o contacto con aqueles que foran os seus amigos cando aínda traballaba para a administración pública, foran amigos de verdade, deses que só tocan unha vez na vida.
Estou farto de calar, farto de calar unha verdade que é evidente, que fala por si soa, aínda que só aqueles que aínda me recordan, supoño que polos libros que tamén vós intentastes destruír, saben como foron as cousas. Non foi un camiño de rosas precisamente, falabádeslle mal de min, que se a enganaba con esa portuguesa, que se lle era mellor ese rapaz madrileño, que se, que se, que se que? Nas vosas mans está o seu destino, ela agora case non se pode mover, relegástela a unha cadeira de rodas da que dificilmente se poderá levantar se non facedes nada, o único que vós queda son as vosas reunións de supostos “intelectuais” nese horrible edificio que tendes coma punto de reunión, onde o único que facedes en vez de decidir que facer con ela é falar sobre como estragala máis. Por iso tódolos anos vos escribo as letras de sempre, para que este día faledes de min e demostredes o que supuxen no seu mundo.

Saúdos cordiais de C

PD: esquecíaseme, que saibades que non me cansarei de arrincar esas follas brancas do libriño ese que vos dedicades a distribuír pola vosa contorna e escribir nelas a verdade.