Este ano prometinme iniciar todos os cursos do mesmo xeito. Reproducindo unha anécdota que Nuccio Ordine conta que contaba un dos gurús dos 90, David Foster Wallace nun prestixioso College dos EEUU.
Dous peixes novos van nadando pola Mar Océana. Atópanse cun peixe máis vello que vai en sentido contrario: Que tal, mozos? Está boa a auga?. Os dous peixes novos responden ao saúdo e seguen nadando até que un deles pregunta: E que coño é a auga?
O meu propósito é o mesmo: chamar a atención sobre o feito de que na vida as realidades máis obvias e elementais son a miúdo as máis difíciles de percibir e as máis complexas de explicar. Igual que os dous peixes máis novos, nós tampouco nos decatamos de que é verdadeiramente a auga en que vivimos (a sociedade, o capitalismo, o machismo, a familia, a política, a democracia... a lingua). Non temos conciencia real das ideas de democracia, de liberdade, de xustiza, de laicidade, de igualdade, de crítica, de tolerancia, de solidariedade e de ben común. Non somos conscientes de que é ser muller nunha sociedade machista ou de que é ser galego-falante nunha sociedade embebida polas linguas hexemónicas.
Acostumamos perder de vista todo o esencial, que por estar en todas partes acaba volvéndose transparente, deixamos de percibilo. Os que habitamos en Compostela temos que lembrarnos, cada vez que pasamos pola praza do Obradoiro, "isto é a Catedral de Santiago".
Esquecemos que a verdadeira liberdade require atención, sermos conscientes dela, e un sacrificio cotián para non perdela, para que non se volva transparente. De non facelo, volvémonos inconscientes, convertémonos nas ovellas do rabaño ou nas ratas do sumidoiro.
Pink Floyd retratan no seu álbum The wall un individuo illado por un valado de ladrillos metafóricos (os propios traumas do antiheroe). Se Pink non é consciente dos ladrillos non poderá "tronzar ese valo"; se deixa de bater neles cada día, para abrandalos, nunca os derrubará.
Pero para poder derrubar os tixolos precisamos dos valores que implica a educación, non como instrución, non como acumulación de coñecemento, si como curiosidade, como atención á realidade, como observación, como análise, como interpretación de todo o que nos rodea e habitualmente permanece oculto á nosa vista porque as árbores, non nos deixan ver o bosque.
PARA OÍR E PARA VER:
Ningún comentario:
Publicar un comentario