07/10/18

O porqué do pensamento crítico


Un dos interrogantes máis antigos da filosofía é a procura da verdade tras as aparencias, tendo en conta que dita verdade exista. Pero, máis aló de atopar resposta a este interrogante dentro do ámbito filosófico, atopar a esencia oculta, chegar á verdade universal segue sendo un dos obxectivos máis importantes dentro dunha sociedade, tanto no marco político (discutir cal é o mellor xeito de goberno, por exemplo) coma no interese e curiosidade individual (crer en Deus, elixir un estilo de vida...); así como un gran interese dentro da gran industria dos medios de comunicación (cada xornal vende a mesma noticia dun xeito totalmente diferente, cada canle televisiva pertence a unha determinada ideoloxía política...).
Mais, que é a verdade universal? Poderíamos dicir que existe unha verdade única e absoluta que explique cada cuestión tendo en conta que existen argumentos dabondo que xustifiquen ou apoien calquera idea, así coma argumentos en contra? Isto é moi sinxelo visto cun exemplo: Podemos xulgar como totalmente culpable a un asasino se realmente temos en conta todos os factores que o levaron a tal crime (un tumor no hipotálamo, esquizofrenia, fortes traumas...)? Mais, a pesar de ter todos eses factores en conta, poderiamos xulgalo como totalmente inocente? Ao igual que a culpabilidade dun asasino, todas as verdades son relativas e dependen estritamente da información que se escolla (ou á que se poda acceder). Tamén se debe ter en conta que a información que sexamos capaces de ver e o punto de vista co que se tente elaborar esa verdade irá ligado aos nosos prexuízos (consciente ou inconscientemente) xa que non estamos á marxe da sociedade que nos rodea nin á marxe das nosas propias circunstancias persoais. Chegado a este punto, podemos afirmar que a verdade existe e que non se trata dunha verdade multiperspectivista e cambiante ligada a cada individuo?
Explicado o interrogante teórico e práctico da esencia e argumentada a inexistencia da verdade universal, propiamente dita, toca preguntarnos que cabida ten o pensamento crítico na sociedade sendo conscientes de que non chegaremos a ningunha certeza absoluta. Para dar resposta a esta nova cuestión, é suficiente con imaxinar unha sociedade sen ceibepensadoras/es. Imaxinar unha realidade sen a rebelión do pobo ante os seus opresores, unha sociedade tiránica atestada de vítimas inconscientes da súa situación. Un mundo sen a Revolución Francesa, sen as revolucións obreiras, sen folgas, sen Rosa Parks, sen Darwiin, sen Rosalía, sen filósofos, sen animalistas, sen feministas. Un mundo sen xente que pensa por si mesma e defende as súas ideas para cambiar o mundo. Esa é a gran importancia do pensamento crítico, dos pensadores críticos, a loita por mellorar o mundo tendo en conta a necesidade de cambio.
Mais, non só a loita por cambiar o noso mundo é a única razón de ser do pensamento crítico, dende logo que non. Unha das máis importantes razóns para tentarmos descubrir a nosa propia verdade é o feito de ser nosa. A enorme satisfacción de crearnos a nós mesmos. Chegar a pensar, a vivir, a opinar, a esixir, a rexeitar e a namorarnos do que nós queremos e que ninguén nos impuxo. O peso e ao mesmo tempo a liberación de sermos os responsables de nós mesmos. Ese é o obxectivo do pensamento crítico, chegar á verdade pola propia labor de investigación, xa sexan erros ou acertos. Non vivir na verdade dun libro de texto, dun mestre, da familia, dos medios ou da tradición sen preguntarnos nada. Senón chegarmos a baixar os nosos 'porqués' ao mundo real dende as elites culturais que adoutrinan no pensamento binario, convertendo a sociedade nunha CPU, a cal só distingue entre verdadeiro e falso e só admite unha única realidade. Non aprendemos historia dende o bando gañador? Algo tan multiperspectivista coma a historia, con tantas realidades dende distintos puntos de vista dos cales só se ten en conta un, a realidade do bando gañador. Elite, cuxo obxectivo principal é o depreciación e o exterminio do criterio propio, dende o mero feito de dicir que é ou que non é arte (extirpando calquera fenda de sentimento) ata cambiar o ensino 'libre e liberador' por ensino 'orientado ao futuro', cambiar o cultivarse a un mesmo por adestrar a unha peza máis da cadea de montaxe.
Durante a Revolución Industrial as condicións obreiras eran infrahumanas, polo que Carl Marx desenrolou unha ideoloxía cuxo obxectivo era cambiar radicalmente aquela realidade, o Comunismo. O maior problema que detectaba Marx nas nefastas condicións dos traballadores era á alienación, é dicir, que perderan unha vida ''humana'': non vían a luz do sol case en días, non vían o resultado directo do seu esforzo (como si vía un campesiño na colleita ou un artesán ao rematar un produto), a depreciación da vida dos obreiros así como a da súa opinión. Mais, foi a personalidade revolucionaria de Marx a que tentou solucionar este gran problema social, foi a súa capacidade de pensamento crítico a que tentou combater a alienación da sociedade e, a día de hoxe, son cada xeito de pensar único, a loita de cada individuo por facer desta sociedade unha sociedade máis xusta, a existencia da liberdade de expresión grazas a todas as ceibepensadoras/es que nos preceden fai que teñamos unha sociedade chea de opinións e perspectivas distintas, con todas os contrastes de distintas perspectivas que isto leva consigo; un pensamento crítico cuxo obxectivo é manternos humanos ata na sociedade mecanicista na que vivimos, un pensamento crítico que é o único antídoto á alienación da sociedade.

22/02/18

Os difuntos falaban castelao (Por María García)



Os difuntos falaban castelao ~ Anxel Fole

    Este texto pertence ao libro Á lus do candil de Anxel Fole. Esta obra consta de quince relatos, o primeiro deles actúa como introdución para os seguintes. O libro foi publicado no 1953 e recibiu numerosos premios. Hoxe en día é considerada unha das obras cume do autor.
    O relato conta a historia dun grupo de paisanos que foron asustados polas voces de dous xoves que se citaran secretamente no camposanto a portas cerradas. Podemos ver un retrato da sociedade galega. Todos os personaxes son facilmente identificables como parte da poboación galega. A demais, grazas á introdución que nos da o autor e ás trazas dialectais podemos situalo na zona ourensá. En toda a obra de Fole, os hipergaleguismos e vulgarismos, ao igual que os dialectalismos, teñen bastante presencia. Por exemplo cando din que os defuntos falan castelao en vez de castelán.
    O relato é unha narración de tipo oral, contada por un home como se fora algo que á súa vez lle contaron a el. As narracións marco son algo moi típico da narrativa desta época, pois son técnicas innovadoras que nunca antes se empregaran. Tamén podemos destacar a importancia do paisaxe, sempre citado e descrito facendo unha narración case cinematográfica. Cabe destacar a importancia do diálogo, algo que introduce a narrativa desta época e que axuda a ese efecto cinematográfico.
    Vemos que Anxel Fole fai unha especie de imitación a Dos arquivos do trasno de Rafael Dieste, pois a forma dos relatos é moi similar. No caso de Á lus do candil, a morte está presente case sempre, ao igual que unha descripción paisaxística con abundantes topónimos que nos sitúa moi ben no lugar onde sucede a acción. O que teñen en común os relatos de ambos escritores é que sempre hai un compoñente máxico que logo sempre acaba tendo unha explicación racional. Ademais ambos autores procuran manter a tensión ata o desenlace, onde se explican os feitos e todo volve cobrar sentido.
    En conclusión, este relato é unha mostra do característico realismo popular de Fole, no cal se ven as costumes do pobo e as historias son relatos contados oralmente. Sempre mantendo a intriga ate o final e sempre con trazos tanto dialectais como topolóxicos da zona de onde Fole procede, o Courel.

Na brétema - A derradeira imaxe ( Por María García)





COMENTARIO CONXUNTO:


    Atopámonos ante dous textos de dous autores moi importantes da etapa de posguerra en Galicia: Lorenzo Varela e Luís Seoane. Durante esta época, a censura estaba moi presente, polo tanto os autores tiñan que ser precavidos co que escribían. Pola contra, moitos autores víronse obrigados a exiliarse, e dende América escribiron facendo denuncia social e dando visibilidade ao movemento galeguista. Como é o caso dos autores destes textos.
    O tema principal de ambas composicións é o franquismo. Na brétema fala da realidade que se vivía na Galicia do momento, con homes fusilados cuxos cadáveres acaban nas cunetas, da miseria da poboación e do medo fronte ao réxime. En cambio, A derradeira imaxe enfoca ao tema franquista dende os ollos dun exiliado que se lamenta de que os seus amigos galeguistas foran asasinados.
    Falando máis polo miúdo, Na brétema conta como eran aniquilados aqueles que tiñan pensamentos contrarios aos do réxime, moitas veces acusados polos seus veciños. Describe aos estudantes santiagueses que ademais de sufrir a pobreza da posguerra, sufrían a censura e a ausencia dun futuro mellor no cal puideran ser libres.
    Pola outra banda, A derradeira imaxe danos a visión dun exiliado que recorda os bos tempos nos que se reunía cos seus amigos intelectuais e falaban de novos xeitos de ver o mundo, todos eles repletos de ideas novas. Pero eses amigos foron asasinados polos franquistas xa que esas ideas non eran aceptables para a ditadura. Agora o eu poético síntese un morto en vida, impotente ante á imposibilidade de expresarse ou de volver a ese memorable pasado.
    A súa estrutura é similar, xa que en ambos casos se trata de poesía narrativa. Polo tanto non teñen unha métrica definida, nin rima. Cabe destacar a presenza de símbolos, que axudan a esconder  a mensaxe e ao mesmo tempo a resumir en poucas palabras moitos sentimentos e ideas. Po exemplo, as pombas simbolizan a paz, mentras que os estudantes de pan e sardiña simbolizan a pobreza.
    En conclusión, estes dous poemas son facilmente identificables como pertencentes á poesía de posguerra. Ambos falan do tema do franquismo criticándoo e ao mesmo tempo mostrando a realidade social da época dende dúas perspectivas diferentes.  


21/01/18

Tristán García (por Alicia Fernández Insua)

Qué é o cine galego? qué papel xoga? ( por Alicia Fernández Insua)

      

Alicia Fernández Insua




   O cine é unha arte exemplar para a humanidade. É un instrumento audiovisual que ao longo das décadas foi conmocionando e influíndo enormemente en cada xeración, amosando ao longo do tempo unha evolución que que se plasma en cada escena. É un tesouro que nos axuda a discutir con nós mesmos, a aprender, emocionarnos, tremer de medo e mesmo imaxinar, pois tanto a ficción, como o sentimental, o histórico ou o musical no mundo cinematográfico deu lugar a un cine maxistral. pero, ¿qué ocorre co cine galego?
    Primeiramente, Fernández Iglesias afirma que " non hai cine galego se non é dirixido por empresas galegas". Un argumento co que estou totalmente de acordo, pois de nada serve que un actor sexa de procedencia galega, ou que unha película sexa filmada en Galicia, se logo o único que se escoita é o castelán, pois por exemplo nos anos oitenta a película Death and the Maiden, foi rodada na paisanaxe galega nin co idioma galego, o que me fai considerar que a Galicia só a usan pola súa paisanaxe, pero sen empregar o seu idioma, un idioma que " non dá diñeiro".
   Seguidamente, recordo que de pequena nunca vin unha película filmada en galego, agás unha serie galega moi famosa: Pratos combinados. isto é un exemplo máis que desde fai décadas a presenza do galego comezou a ter un papel secundario e mesmo a desaparecer das pantallas a pesar de haber iniciativas para crear un cine galego como Chano Piñeiro, pero iso non foi suficiente para que hoxe en día o cine galego teña gran relevancia.
   Ben é certo que existiron leis para promocionar o galego no cine como a Lei 6/1999, unha lei que defendía o uso da lingua galega no ámbito cinematográfico, co obxectivo de difundir o idioma e a cultura. pero máis adiante AGADIC potencia o cine en lingua castelá, provocando que o cine galego pase a ser prescindible reducíndose, según as estatísticas a unha producción cinematográfica dun 25% entre 2000 e 2015 fronte ao 66% producido en castelán.
   En conclusión, unha vez máis os intereses económicos gañan, saíndo ferido o cine galego, visto dende un punto de vista internacional como unha vía a un beneficio financieiro por debaixo do que supón o cine noutros países que se sitúan nas máis altas cotas do éxito. Polo tanto, o cine galego é hoxe en día considerado falsamente como que obtén poucos expectadores, unha actitude triste e inxusta cara un idioma e cultura que gardan o máis valioso da nosa historia, que perfectamente pode impresionar no mundo do cine. Así é todo, o cine non é iso que se produce a partir dun idioma existoso, senón que, como dixo Orson Welles: " É imposible facer unha boa película sen unha cámara que sexa como un ollo dun poeta", e de poetas poucos pobos están tan ben dotados como o galego.