22/02/18

Os difuntos falaban castelao (Por María García)



Os difuntos falaban castelao ~ Anxel Fole

    Este texto pertence ao libro Á lus do candil de Anxel Fole. Esta obra consta de quince relatos, o primeiro deles actúa como introdución para os seguintes. O libro foi publicado no 1953 e recibiu numerosos premios. Hoxe en día é considerada unha das obras cume do autor.
    O relato conta a historia dun grupo de paisanos que foron asustados polas voces de dous xoves que se citaran secretamente no camposanto a portas cerradas. Podemos ver un retrato da sociedade galega. Todos os personaxes son facilmente identificables como parte da poboación galega. A demais, grazas á introdución que nos da o autor e ás trazas dialectais podemos situalo na zona ourensá. En toda a obra de Fole, os hipergaleguismos e vulgarismos, ao igual que os dialectalismos, teñen bastante presencia. Por exemplo cando din que os defuntos falan castelao en vez de castelán.
    O relato é unha narración de tipo oral, contada por un home como se fora algo que á súa vez lle contaron a el. As narracións marco son algo moi típico da narrativa desta época, pois son técnicas innovadoras que nunca antes se empregaran. Tamén podemos destacar a importancia do paisaxe, sempre citado e descrito facendo unha narración case cinematográfica. Cabe destacar a importancia do diálogo, algo que introduce a narrativa desta época e que axuda a ese efecto cinematográfico.
    Vemos que Anxel Fole fai unha especie de imitación a Dos arquivos do trasno de Rafael Dieste, pois a forma dos relatos é moi similar. No caso de Á lus do candil, a morte está presente case sempre, ao igual que unha descripción paisaxística con abundantes topónimos que nos sitúa moi ben no lugar onde sucede a acción. O que teñen en común os relatos de ambos escritores é que sempre hai un compoñente máxico que logo sempre acaba tendo unha explicación racional. Ademais ambos autores procuran manter a tensión ata o desenlace, onde se explican os feitos e todo volve cobrar sentido.
    En conclusión, este relato é unha mostra do característico realismo popular de Fole, no cal se ven as costumes do pobo e as historias son relatos contados oralmente. Sempre mantendo a intriga ate o final e sempre con trazos tanto dialectais como topolóxicos da zona de onde Fole procede, o Courel.

Na brétema - A derradeira imaxe ( Por María García)





COMENTARIO CONXUNTO:


    Atopámonos ante dous textos de dous autores moi importantes da etapa de posguerra en Galicia: Lorenzo Varela e Luís Seoane. Durante esta época, a censura estaba moi presente, polo tanto os autores tiñan que ser precavidos co que escribían. Pola contra, moitos autores víronse obrigados a exiliarse, e dende América escribiron facendo denuncia social e dando visibilidade ao movemento galeguista. Como é o caso dos autores destes textos.
    O tema principal de ambas composicións é o franquismo. Na brétema fala da realidade que se vivía na Galicia do momento, con homes fusilados cuxos cadáveres acaban nas cunetas, da miseria da poboación e do medo fronte ao réxime. En cambio, A derradeira imaxe enfoca ao tema franquista dende os ollos dun exiliado que se lamenta de que os seus amigos galeguistas foran asasinados.
    Falando máis polo miúdo, Na brétema conta como eran aniquilados aqueles que tiñan pensamentos contrarios aos do réxime, moitas veces acusados polos seus veciños. Describe aos estudantes santiagueses que ademais de sufrir a pobreza da posguerra, sufrían a censura e a ausencia dun futuro mellor no cal puideran ser libres.
    Pola outra banda, A derradeira imaxe danos a visión dun exiliado que recorda os bos tempos nos que se reunía cos seus amigos intelectuais e falaban de novos xeitos de ver o mundo, todos eles repletos de ideas novas. Pero eses amigos foron asasinados polos franquistas xa que esas ideas non eran aceptables para a ditadura. Agora o eu poético síntese un morto en vida, impotente ante á imposibilidade de expresarse ou de volver a ese memorable pasado.
    A súa estrutura é similar, xa que en ambos casos se trata de poesía narrativa. Polo tanto non teñen unha métrica definida, nin rima. Cabe destacar a presenza de símbolos, que axudan a esconder  a mensaxe e ao mesmo tempo a resumir en poucas palabras moitos sentimentos e ideas. Po exemplo, as pombas simbolizan a paz, mentras que os estudantes de pan e sardiña simbolizan a pobreza.
    En conclusión, estes dous poemas son facilmente identificables como pertencentes á poesía de posguerra. Ambos falan do tema do franquismo criticándoo e ao mesmo tempo mostrando a realidade social da época dende dúas perspectivas diferentes.