27/10/16

Un rebelde nun mundo recatado (Por Laura Rubio)



  Era un simple rianxeiro cunha chea de soños no peto, tan só dezasete aniños tiña a primeira vez que enviou os seus textos a un xornal, de seguido chegaría o seu nacionalismo exacerbado e radical, un Manuel Antonio rebelde, que non estaba de acordo cos seus coetáneos da Xeración Nós nin ca súa familia. Rexeitaba o conservadorismo, e o galeguismo corría polas súas veas. Hoxe a súa casa abre as súas portas para mostrar unha vida chea de aventuras, tres andares que contan a historia dun célebre home nado na nosa vila, que marcou toda unha época.


  Rebelde, radical e individualista; con estes tres termos pódese describir a personalidade de Manuel Antonio. É nos anos nos que comeza a súa formación cursando bacharelato na capital compostelá, cando comezan a aparecer as súas preocupacións políticas. Ao longo da súa vida defendeu as súas crenzas e loitou contra as inxustizas, ata tal punto de querer pasar a Francia ilegalmente despois de que o cónsul lle negara a admisión á Lexión Estranxeira do Exército Francés, ou mesmo querer participar na Revolución Rusa.

   
    Nun contexto coma o de principio de século, non moi diferente ao noso actual, no que a política era dun fato de caciques que só abusaban dos nosos labregos, defendía e así o reflicteu nas súas obras a súa oposición á política caciquil. Ademáis defendeu a lingua galega coma ninguén, cerca de outros grandes coma Castelao, Risco ou Otero Pedrayo. Ben se pode ver como as estrelas galeguistas enchen os seus textos que máis que un simple símbolo converteuse nunha identificación para el.

  
 El non entendía de bilingüismo, só quería facer de Galicia unha sociedade monolingüe, facer do idioma galego o que se merecía e merece, por iso formou parte das Hirmandades de Amigos da Fala Galega, e tamén asistiu á segunda Asamblea Nacionalista en Vigo, aínda que despois se foi afastando pouco a pouco dela até considerarse coma un estraño.

   
  Despois chegou Máis ala!..., e polo tanto, De Catro a Catro, a cal se pode considerar como a súa obra maestra, porque sen ela case seguro non coñeceriamos o vangardismo e polo tanto o creacionismo non chegaría a Galicia, sen ela ao mellor non se lle daría tanta importancia á figura de Manuel, sen ela, sen a súa ideoloxía e sen a súa defensa pola nosa lingua, o seu non sería un caso illado e extraordinario na nosa historia, na nosa literatura, a literatura galega.

  

O compromiso (por Sara García)

Hoxe é o día. Levo toda a semana sen pegar ollo, agardando a que hoxe chegase xa. Esta semana de marxe foi o noso período de reflexión, por se algún dos tres decidía en calquera momento botarse atrás e non selar o o pacto.
Estou nervioso. A min e a eles, o que imos facer é algo que vai cambiar toda a vida que temos por diante. A pesar desa responsabilidade, estou seguro de que é o correcto, de que debemos defendela e querela, e sei que os tres sentimos o mesmo por ela.
É a hora, eles deben de estar ao caer. Eu sigo agardado sentado baixo o carballo máis grande da carballeira. Foi aquí onde os tres quedaramos en que nos encontraríamos. Era o lugar onde nos citábamos todos os días para falar dela. Era un sitio que transmitía paz, que che tranquilizaba só escoitando coma o vento arrolaba as follas das árbores e, a pesar diso, hoxe, cada vez que a agulla do reloxo marca un segundo menos, o meu corazón latexa con pulsacións máis altas e noto que o corazón me sae do peito.
Aí veñen, os dous co paso lento que nunca lles vin dar. Manuel traía o documento redactado nun pergamiño, dicía que así quedaría moito máis formal que cun papel calquera, e Marcial traía a agulla. Antes de asinar, cada un de nós debería ler en alto o documento, prometendo así que nos comprometeríamos con ela para toda a vida. Empezou Manuel, e eu decidín ir de último. Comecei a ler e, canto máis lía, máis seguro estaba de que o que ía facer era o correcto, de que o que sentía por ela era verdade, eu queríaa e sabía que ía a querela ata a fin dos meus días.
Agora só falta asinar. Pasámonos a agulla e un a un cravamos con ela o noso dedo índice, ata ver correr o sangue coma a tinta que pechará o compromiso, o sangue que xorde de nós. Que mellor tinta para un pacto para toda a vida que o noso sangue, algo tan noso como prometer que ela, a lingua galega, será o amor da nosa vida.
   (Despois de escoitar ao profesor Axeitos arredor de Manuel Antonio)

Rianxo, pobo de ilustres (por Sarai D. Mariño)

Rianxo é un pobo costeiro galego que se atopa dentro da ría de Arousa na provincia de A Coruña. Se por algo é coñecido hoxe en día en toda a costa é polas suas xoubas ou ben polas suas festas. Dentro deste houbo moitos habitantes que destacaron en distintos ámbitos como ben pode ser dende a música, pasando polo deporte, pero sobre todo na literatura. Dentro desta última tendencia, non só destacaron no pobo en sí, nen mesmo na Galiza, senon a nivel mundial e en todos os tempos.
Para coñecer a literatura rianxeira deberíamos ir no tempo miles de anos atrás, ate chegar a Idade Media, onde Paio Gómez Chariño destacou como un trovador moi famoso que a pesar de ser de Pontevedra acabou sendo nomeado o Señor de Rianxo, e pasou a vivir aquí tendo en propiedade varios edificios. Pero sen dúbida, os escritores que máis destacan veñen a partir do século XIX ate o mesmo día de hoxe. Entre estes famos escritores cabe destacar Castelao, Rafael Dieste, Manuel Antonio…
Para a maioría da xente o intelectual que máis destaca é Castelao, xa que non só foi un dos grandes da nosa literatura, senon que ademáis, foi un dos activistas desta terra que se procupou pola cultura galega participando en movementos como o Grupo Nós, sendo deputado no Partido de galeguista, presidente do Consello de Galiza ou mesmo un importante académico da Real Academia Galega. Posteriormente tivo que ser emigrado a Arxentina pero dende alí o seu traballo prosigueu, el seguía loitando pola defensa da nosa cultura e da nosa lingua, ate que finalmente morreu alí, pero deixando magníficas obras como: Sempre en Galiza, Cousas, Os dous de Sempre, As cruces de pedra na Galiza, Os vellos non deben namorarse…
Rafael Dieste foi tamén un importante escritor galego, este pertenceu a Xeración do 25, destacando polos seus conton e pezas de traballo onde destaca obras como: A fiestra Valdeira ou Dos arquivos do Trasno. A el, atribúeselle en boa parte a creación do denominado Traballo Nacional Galego.

De catro a catro; que consta de 19 poemas. Tras o patrimonio que se conserva deste escritor conservanse moitas cartas, donde todas comezaban con un símbolo en concreto, que era con unha estrela en representación da estrelada da bandeira do nacionalismo galego.
Por outra banda atópase Manuel Antonio, el é outro dos grandes da nosa literatura, onde destaca sobre todo no movemento de Vangardas coa sua obra máis famosa titulada
Pero como ben dicía antes, estes escritores de tanto prestixio non só quedaron nos séculos pasados, comparando Rianxo con Atenas pola cantidade de artistas que había, senon que chega ó día de hoxe destacando algún que outro poeta como é o caso de Gonzalo Hermo que en 2015 gañou un premio Nacional de Poesía.
E como diría o gran Castelao “A verdadeira tradición non emana do pasado, nin está no presente, nin no porvir, non é servinte do tempo (…) A tradición non é a historia. A tradición é a eternidade” e foron, son e serán estes personaxes os que lle sigan dando a eternidade ó pobo rianxiero.

26/10/16

Existe futuro para os estudantes? (por María D. Picón)

http://www.lamarea.com/wp-content/uploads/2013/09/videolomce.jpgA día de hoxe, comezado o curso 2016-2017 e sen ningunha pista sobre o que agarda en xuño aos estudantes de segundo de Bacharelato, os rapaces e rapazas da xeración do 99 séntense desprotexidos ante unha lei que tenta rematar coa liberdade educativa e crear un futuro elitistaAno tras ano, partido tras partido, as leis educativas van cambiando, pero non evolucionando. Dende os anos 80 coa LOECE, primeira lei tras a restauración democrática, pasando pola LOE imposta polo PSOE no ano 2006 e rematando pola actual, a rexeitada LOMCE, imposta polo Partido Popular durante o seu último mandato, obsérvase que estas antes de ser aprobadas, xa prometen ser derrogadas en canto o poder cambie de man. A LOMCE ou ''Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa'' foi aprobada o Xoves, 28 de novembro de 2013 con 182 deputados a favor (debido a maioría absoluta que posuía o PP nese momento), 143 en contra e 2 abstencións. Con estes resultados o anteriormente dito confírmase.https://blogger.googleusercontent.com/img/b/R29vZ2xl/AVvXsEj1-WyB6lIZ88SEZsgG5H41tXfxZR-qREDdvVqIOA17QDe2X2N3j0-HX4nS7-3EIob2l0E6i629yI9IMc831pPf7-Bh2wPkfEVioPhYvBSq7PdyJLLwovN_0gHmlBvxbmUNDwg-SXkHYKpb/s1600/lomce+stop.png


Os altos cargos, gobernantes e ministros que en cada mandato están sentados en grandes e cómodos asentos, crean leis segundo o seu parecer e ideoloxía, recorrendo o mínimo posible ao persoal docente, facendo que en cada lexislatura unha nova lei educativa ocupe o posto da anterior. Deste xeito créase unha inestabilidade que remata converténdose en algo habitual dun pobo cada vez máis reprimido.

Os partidos políticos orixinados para favorecer ao pobo e loitar polo seu benestar e dereitos, negan isto último e miran unicamente polo seu pelexo, buscan con ansia ser os máis votados para ter o poder, só polo seu propio ben. Existen ministerios que non deberían depender da opción política que ocupe o goberno, tales como a educación, a sanidade e a maltratada xustiza.

Na actualidade a situación educativa española é pésima, xa que ocupa os últimos postos no informe PISA, o cal se basea na análise do rendemento de estudantes a partir duns exames que se realizan cada tres anos en varios países coa fin de determinar a valoración internacional do estudantado. Os ministros aférranse á idea de culpabilizar ao corpo docente e ao alumnado, argumentando que estes non se esforzan, nin traballan o suficiente.

Ás veces o máis sinxelo é o máis complexo de entender. A educación atópase en cada ámbito no cal un vive e se relaciona. Na vida non só se aprende por repeticións, facendo tarefas e estudando horas e horas os mesmos conceptos, teorías e teoremas os cales nun ínfimo período de tempo serán olvidados. Existen métodos alternativos para o ensino: un bo filme é educación, unha conversa coa avoa sobre as súas vivenzas é educación, escoitar é educación, ir a mercar á tenda e ver como subiu o IVE é educación. Isto fai que a poboación se pregunte por que os mandatarios pechan os ollos ante isto e se negan a ver a realidade, chegando a asociar educación con memorización. Hérdase desta obsoleta metodoloxía un futuro progresista? A resposta é non.

https://comomejorarvista.files.wordpress.com/2011/11/nino-que-no-quiere-estudiar.jpgFinlandia, país que na actualidade se atopa no cume mundial da educación é o modelo que se debería empregar como punto de partida e referencia para a creación dun novo sistema educativo español. Pola contra as leis tenden a alonxarnos cada vez máis deste. No país nórdico a palabra deberes non existe, o tempo libre é unha necesidade, así como as actividades extraescolares fundamentais e a literatura e a música, imprescindibles. Por outra banda en España o modelo arbitrario ao que os alumnos e alumnas están sometidos tende a introducir na súa mente conceptos inútiles que esta rexeita debido a saturación que sofre.

A LOMCE lei imposta contra a vontade do estudantado e dos docentes, crea unha fenda insalvable
entre as denominadas ciencias e letras, pretendendo crear autómatas ignorantes. Filosofía, materia fundamental que ensina a pensar por un mesmo, á creación dunha opinión propia, materia que nos explica que todas as opinións son discutibles pero non respectables, desaparece silenciosamente do sistema educativo, xa que todos os gritos e protestas do sector educativo caen no baleiro e no baleiro non existe o son. A filosofía, fonte de saber, de cultura, nexo de unión entre ciencias e letras, correntes actualmente tan opostas e que na súa orixe eran a mesma, foi practicamente borrada dos plans educativos.

O galego temeroso do seu futuro berra e pide axuda pero este é silenciado cando a lingua hexemónica gaña poder. Durante este período, onde equipos de normalización tentan non ser esmagados pola pedagoxía do opresor, a LOMCE discrimina esta fermosa lingua asignándoa ás materias consideradas pola sociedade carentes de importancia,as humanísticas.

Que esperar dun sistema educativo como o actual, mais alá dun aumento do fracaso escolar , o elitismo e a formación de mentes sinxelas e cuadriculadas? Non se pode esperar nada.


24/10/16

Que é a Literatura? (por Laura Rubio)

   A literatura é a arte que ten como medio de expresión a palabra, dende os mitos e as lendas, pasando pola Biblia até a distopía máis moderna. Recórdese que a literatura é, nun principio, ficción e artificio, é dicir algo que non foi nin é real, e téndese a relacionar literatura con contos. O certo é que este termo é máis trascendental e vai máis aló dun simple libro.
 Ao igual que calquera outra arte, tanto a arquitectura, coma a pintura, e neste caso tamén a literatura, incluídas todas estas nas sete belas artes, reflicten os acontecementos ocorridos en cada época da historia, así, por exemplo no Barroco reflectíase a morte porque era unha etapa de crise, ademais era unha preocupación da sociedade. Coma isto, se non existise ningún texto dos historiadores antigos coma Eutropio ou Xenofonte non coñeceriamos a historia antiga. Polo que sen a literatura, sen as pinturas, e en fin sen a arte, non saberíamos a día de hoxe como se viviu cada época da historia, que é tan importante para comprender a nosa sociedade actual.
 Tamén cabe destacar que non tódolos escritores viven a literatura da mesma maneira, algúns vena sen ningún fin é dicir “a arte pola arte”, e outros coma unha forma de denuncia. Pero é certo que a literatura de cada época vese condicionada por dita etapa. Así, no Realismo, que se vía condicionado polos avances científicos, se trataba de copiar a realidade tal e como era, e no Romanticismo, os autores evadíanse do mundo porque era unha etapa escura. Os libros e os textos conservados, teñen de maneira directa ou indirecta unha fin didáctica, xa sexa porque o autor teña ese obxectivo, ou non, porque polo citado antes sempre se pode sacar unha aprendizaxe deles, aínda que sexa sobre a época.
 Por outra banda, tamén as letras das cancións se tratan de literatura, e moitos textos, coma os poemas son levados á música, coma o famoso poema de Rosalía de Castro, Adiós ríos…, necesitamos da literatura e dos libros como necesitamos beber e comer, para moitos somerxerse nos libros supón ir de viaxe, visitar novos mundos, coñecer novas ideoloxías, supón un pracer inmenso, todo o mundo debería de ler libros, con eles aprendemos moitas cousas, comprendemos o mundo, como fomos, como somos, e como seremos nun futuro.
 Finalmente, en conclusión, a literatura non se limita a uns contos ben narrados e entretidos, trátase de máis ca iso, unha forma de entender o mundo que nos rodea, unha forma de aprender novas cousas, de ser máis humanos, porque ao fin e ao cabo ler é unha forma de impregnarse de coñecementos e diversión.

Que é a literatura ? (Por Yaiza Otero Figueira)

       

Moitas veces procuramos o sentido da arte, a súa utilidade. Como se fixese falta xustificar a súa existencia. Tratamos de atopar a finalidade da arte mais non a ten, xa que ela é unha finalidade en si mesma. Da a impresión de que no mundo que vivimos se algo non ten utilidade material non é útil. Máis non é así.
A literatura é o claro exemplo disto. Cando nos preguntan que é para nós a literatura, a resposta máis común soe ser a da abstracción. O afastamento da realidade, viaxar a outras épocas, a outros lugares e momentos sen movernos nin un só paso. A ledicia de poder afastarse dos problemas dun mesmo e ler a tráxica historia de dous personaxes a modo de catarse. Mais a literatura non cumpre só esta función.
Para os gregos a arte cumpría tres en concreto: a hedonista (proporcionaba pracer), a catártica (que pretendía aliviar as tensión do público mediante a contemplación dunha situación tráxica) e a mimeses (imitación da realidade).
A literatura é un reflexo da realidade dende distintos puntos de vista. Un retrato do pensamento da sociedade, da súa ideoloxía e da cultura do momento histórico a retratar.
Mais a literatura tamén cumpre unha función social. Tentamos pensar nela como “o arte polo arte”, a beleza e a harmonía. Moitas veces incluso poñemos o exemplo do arte vangardista erroneamente. Pensamos no Dadaísmo e non se nos ven á cabeza a crítica social ou a ideoloxía mais este período estaba repleto ó ser un período entre guerras. A rebelión contra as normas. Mediante a literatura podémonos rebelar, alzar a voz. Un pobo sen literatura é un pobo sen voz. Permítenos criticar o que creemos inxusto, facer unha crítica á sociedade. Non son todo fadas, princesas e cabaleiros. A literatura é algo máis.
Moitas veces non percibimos a simple ollada a crítica que se agocha tras unha historia, pero está aí. Castelao cando nos conta a historia do pai de Migueliño está facendo algo máis que contar como Migueliño esperaba ilusionado a seu pai e se atopou cunha imaxe completamente distintas á que tiña en mente. Fainos ver como a emigración non sempre vai ben, non sempre se volve con cartos, ás veces nin se volve. E en ningún momento menciona directamente a emigración, simplemente conta a historia de Migueliño.
En A dúbida, María Reimóndez conta a historia de Deli a partir do momento no que a policía detén ó seu home por cargos dun suposto abuso sexual a unha menor. A medida que conta como se desenvolve o xuízo e como vai evolucionando Deli, fai unha forte crítica á corrupción nos partidos políticos e a como se deixa no ouvido a todas as menores que son escravas sexuais e ninguén fai nada por axudalas a pesar de que se sepa que existe esta situación. Como podemos ver nesta cita recollida do libro: “O que debía seguir oculto. Porque a corrupción nun partido político era algo ao que estaba científicamente demostrado que se sobrevivía. Que o alcalde e un concelleiro fosen pederastas xa era outro asunto”. Estas, poderíamos dicir que son as principais críticas deste libro, mais hai máis porque o que María fai é reflectir a nosa sociedade. Unha sociedade que segue a ser machista. Isto vese mediante Deli, en como a xente non a tomaba en serio polo seu aspecto delicado. Mesmo daban por suposto que o traballo do seu home era máis importante ca o seu, cando en verdade non era así, simplemente porque el era home e ela muller.
Estes son dous dos infinitos exemplos que se poderían poñer de denuncia social mediante a literatura. Mais facer este tipo de denuncias tamén ten o seu peligro.
Ó longo da historia vimos como algún autores preferiron quedar no anonimato por medo ás represións. Aquí en Rianxo temos o exemplo de Castelao, o cal se tivo que exiliar pola súa ideoloxía e nunca puido voltar á súa terra en vida, como era o seu soño. A literatura é perigosa para os gobernantes que queren manipular ó pobo. Por iso é o primeiro en ser atacado nunha ditadura. É unha arma contra a represión.
Se a literatura fose só beleza, harmonía, “arte polo arte”, non sería atacada e perseguida. Trata de facerlle ver ó pobo a realidade que se nega a ver, e esa é a súa derradeira utilidade. Non ten unha utilidade material máis se cabe é incluso máis útil dentro da súa “inutilidade” que calquera cousa útil nun sentido estritamente material.

20/10/16

A auga? Que é a auga? (por María Fernández Insua)

Nesta última semana, concretamente o 25 de Setembro, Alberto Núñez Feijóo obtivo maioría absoluta para o PP nas eleccións e Galicia. Eses resultados causaon unha forte revolta nas redes sociais en entre os cidadáns tanto galegos coma no resto de España.
Dende que se coñeceron saíndo á luz cara o pobo galego non todo foron loanzas e gritos de triunfo, todo o contrario. UN gran número de protestas e queixas tanto de moitos galegos coma dos de fóra, criticaron a decisión de Galicia ao escoller como presidente a Feijóo. Certo é que nós agora mesmo somos eses peixes que preguntamos que é a auga, aquel líquido transparente no que nos estamos bañando. É dicir, ao votar de novo por este señor damos a sensación de ser uns ignorantes cara iso que nos mantén sumerxidos continuamente, pois unha decisión política pode calmar as augas ou afundirnos máis no fondo. Son moitas as razóns que levan a pensar isto e algunhas delas expoñereinas a continuación.
Por que tanta polémica desde o resultado do 25-S? Por que tantas críticas aos galegos por provocar a maioría absoluta histórica en Galicia? Resulta bastante evidente para moitos, pero non para todos obviamente. O caso é que os obxectivos e accións ao longo dos anos do presidente de Galicia non deixan indiferente a calquera. O que el busca é privatizalo todo por moito que o negue con dicursos decorados e embaucadores. Por un lado está a sanidade, a cal leva desde hai moito tempo dando problemas tras tantas listas de espera, chegando incluso a morrer xente polo camiño por tanta demora. Logo está a educación, na cal os máis xóvenes coma nós saímos perxudicados, pois cada vez hai que pagar máis para poder estudar. Recortaron nas becas que nos axudan para poder comprar os libros, o material, pagar a matrícula e demais engadidos innecesarios que inclúen os intereses económicos. É dicir, privatizar e subir cada vez máis o custo dos estudos poñéndonos trampas polo camiño, como a famosa LOMCE, que a pesar das numerosas queixas por parte dos estudantes en retirar dita lei, mantense indeferente sen escoitarnos a nós que é a quen nos afecta e a cal tamén non deixa de ser un impedimento máis para que? Para que só estuden os ricos e os pobres queden polo camiño.
Nós, os galegos, somos os pimeiros que criticamos todo iso e loitamos polos nosos dereios, pero aínda así, volvemos a votar a esa mesma persoa que levou á crise a Galicia e cada vez máis. Cómo non nos van a criticar e a considerar ignorantes se estamos caendo nunha gran contradición? UN dos diputados de Mareas, Ferrán Vello, publico o día das eleccións o seguinte tweet: “ Estraño pobo o noso. Escravos que votan ao amo, ao cacique, ao que manda, aos de sempre. Pobo alienado e ignorante. Triste” Aínda que despois se disculpou por ditas palabras que podían chegar a ser ofensivas, o certo é que non lle faltaba razón. Que facemos votando a alguén que non pensa no benestar dos galegos?
Logo tamén estaría a propia lingua galega, pois o labor de Feijóo cara esta foi unha verdadeira calamidade, por iso non lle convén ao país. Nin sequera na campaña electoral aproveitou para coñecer a realidade sobre a lingua en ámbitos como a ensinanza onde foi varrido como idioma na súa práctica totalidade e relegado a un 33%. Compensa a súa ignorancia con prepotencia e non só non defende o idioma propio, senón que o ataca.
En definitiva, eu non me considero de ningún partido. Hoxe en día é dificil crer na política e xa fai moito tempo que deixei de crer nela. Pero teño ollos e como cidadán que son, síntome perxudicada por un mal goberno cunha mala xestión. Primeiro están os gobernantes, coma sempre, e logo estamos os galegos. Sinceramente non me extraña que se sorprendan con nós tras estes resultados electorais. O certo é que si damos esa imaxe dos peixes que non saben que é a auga na que se están bañando. Non vale de nada queixarnos se logo permitimos que nos volvan a pisar coma formigas.

15/10/16

E que é a auga ? (por Yaiza Otero)

Non somos plenamente conscientes do mundo no que vivimos. Somos como peixes nadando nun mar sen saber que é a auga.

En parte, isto é culpa dos medios informativos, os cales, según o seu propio nome indica, teñen a función de informar. Mais non sempre do xeito acertado. Non contan toda a verdade, senón unha parte, a que lle interese para darlle á noticia a perspectiva que queiran. Por iso hoxe en día é necesario mirar en distintas fontes de información pois a mesma nova cóntase dende tantas perspectivas que até parecen noticias distintas. E non só iso, senón que ás veces só aparecen no momento no que lles convén. Pouco antes das pasadas eleccións xerais, todas as cadeas falaban do mesmo: Venezuela. Pero ó rematar as eleccións Venezuela non volveu sair, como se xa todo estivese arranxado alá. Agora xa non lles interesa, xa non lles fai falta falar dela. Outro exemplo é Islandia, que dende que acabou cos casos de corrupción e os políticos corruptos foron ao cárcere desapareceu dos medios informativos, ninguén sabe o que acontece alá. E coma estes, moitos máis exemplos.
A manipulación da información por parte dos medios é evidente e os rianxeiros comprobámolo recentemente cando retrataron a Rianxo, un pobo tranquilo onde non acontece nada fóra do común ou interesante, como un lugar idílico para narcotraficantes e terrorífico para turistas. Mais aínda non se viu á cadea en cuestión pedir perdón e rectificar tras as denuncias dos concellos do Barbanza.
Encender o telediario e ver todos os días casos de corrupción tamén leva á xente ó desinterese por informarse. Pois sempre é o mesmo: político rouba ós españois, non vai ao cárcere e ninguén fai nada.
Vivimos nun mundo de eufemismos. Onde os xoves non marchan do país a buscar traballo porque aquí non o hai, senón que marchan de “saída cultural”. Onde, como dicía zapatero “non estamos nunha crise económica, temos alguna dificultade que nos ven de fóra”. Isto parece 1984 de George Orwell, por servirse de eufemismos xa pensan que está todo solucionado.
Mais somos nós quen buscamos esta situación. Votamos sen informarnos, a cegas. Xa sexa por sobrecarga de información nos programas dos partidos ou por puro desinterese e consciencia de que o que ven escrito neses programas non se vai cumprir.
En definitiva, non queremos darnos conta do mundo no que vivimos. Non queremos darnos conta de que as atrocidades que consideramos propias de países cunha mentalidade supostamente atrasada se cometen no noso país e con frecuencia. Non nos gusta ser conscientes de que en verdade non somos libres.
Criticamos culturas onde obrigan ás mulleres a poner un burka. Mais en España non hai igualdade de xéneros. A muller española cobra menos que un home. Educamos ás mulleres para evitar una violación en lugar de educar ós homes para non cometela. Pero decir isto deixa un mal sabor de boca, preferimos estar desinformados.
É máis fácil ver e criticar os problemas doutro que autocriticarse.
En Polonia, os conservadores querían a prohibición absoluta do aborto, incluíndo casos de violacións. As mulleres polacas saíron á rúa a defender os seus dereitos e gañaron.
En España o Corte Inglés retirou unha campaña onde se normalizaban as familias con país homosexuais por 21000 firmas de conservadores. Gañou a minoría e seguimos pensando que os tempos cambiaron e a sociedade avanzou.
Somos pois, peixes que se negan a ver o que en verdade é a auga.

10/10/16

A utilidade do inútil (por María D. Picón)

Na actualidade o debate existente entre as ciencias e as letras atópase no seu máximo esplendor debido a implantación da nova lei educativa, a LOMCE, que impide que estos novos camiños se volvan a entrelazar e crea unha fenda insalvable.

Vivimos nun mundo capitalista, marcado polo consumismo, onde cada día é mais demandado o móbil de última xeración antes que un bo libro ou película, un lugar onde a arte está infravalorada. A sociedade actual está marcada polos prexuízos fundados por autómatas, persoas que se limitan a repetir o último que dixo o político mais populista.

Debido ao marco cultural, social e histórico que vivimos, as nosas mentes, as dos estudantes guíanse por tres máximas: '' os de letras non saben sumar''; '' Nós, os de ciencias, non temos por que estudar literatura, iso para os de letras''; '' se non dás, para mixtas''. Como resultado destes prexuízos, unha persoa que saca boas notas automaticamente pasa ao itinerario de ciencias, cando a súa paixón pode ser latín, grego ou a economía. Esta mentalidade retrógrada, que busca a separación das dúas ramas, prexudica a sociedade.

Cada vez mais nenos e menos maduros vémonos na obriga de tomar decisións transcendentais que afectaran ao noso futuro, cada resposta outorgada péchanos centos de portas. Na actualidade atopámonos ante o panorama no cal un cativo de trece/catorce anos teña que respostar a unha difícil pregunta que afectará ao seu futuro.

Filosofía, historia da arte... materias vetadas aos de ciencias. Matemáticas, bioloxía... asignaturas vetadas para os de letras. Que gañamos abrindo tales brechas? Unicamente xovenes confusos, que tentan buscar unha saída óptima, canto menos, para o seu futuro.

As letras están infravaloradas. A arte, a historia, a música, a poesía, xa non importan en tempo de crise. Só se pensa no diñeiro. Asemella que ninguén ten en conta a útilidade do arte, a utilidade do inutil, aquilo que nos malos momentos nos distrae, nos fai botar un sorriso. Isto é o que fai as letras, fainos humanos.


A utilidade do inútil (por Sara García)

Según Nuccio Ordine, o noso modo de vida depende da importancia que lle deamos ao inútil. Toda a atención recae no útil, que ao fin e ao cabo preocúpanos porque de el depende a cantidade de diñeiro que nun futuro gañaremos cada mes. Ese será o noso único interese se só nos fixamos no útil.
Pero a nosa vida será totalmente diferente, moito máis complexa, se algún día nos lembramos daquelas sensacións que sentíamos cando eramos cativos, esa curiosidade que nacía en nós cada día coas cousas máis cotiás. A curiosidade é a clave de vivir coma un autómata ou coma un artista. O artista non se preocupa polos cálculos, preocúpase polo inútil da vida, aínda que sabe que eses versos que é crea non son necesarios no mundo no que vive, ou pode que si.
Coma di o autor, as cousas inútiles, a arte, a música, a poesía... son coma as funcións vitais do ser humano porque, se se elimina esa parte de nós, cal é a diferenza entre o home e o animal? Isto mesmo ocorre na educación, que sería do home se nos anos dos seus estudos se eliminasen as letras? Se só se puidera estudar un itinerario xenérico que nos fixese a todos científicos e enxeñeiros? Seríamos coma di o texto “autómatas”, seres humanos que non terían ningunha canle pola que expresar os seus sentimentos, porque iso é para o que naceron as artes, expresar e describir as accións do día a día, a vida. As partículas, átomos, núcleos e demais moléculas utilizadas nas ciencias, nas letras pasan a chamarse sentimentos, recordos, momentos que forman a vida.
Por isto, un científico necesita a un artista, por exemplo, para concentrarse no seu laboratorio, cabe a posibilidade de que poña música para relaxarse. Isto ocorre tamén a viceversa, existen libros e libros escritos sobra a ciencia, e que aínda así, son escritos dende un punto de vista literario.
Concluíndo, penso que o máis inútil das artes e das letras é non darlle o prestixio que estas se merecen, nin a súa importancia na nosa sociedade. Son útiles para cada ser humano, son necesarias para determinar que é o home e por que somos diferentes do resto de especies que hai ao noso redor.

A utilidade do inútil (por Sarai D. Mariño)


En moitas ocasión non lle damos verdadeira importancia ós pequenos detalles, xa que cremos que son insignificantes e ás veces neles escóndense a verdadeira felicidade. Esta diferenza ante as cousas mínimas no noso día a día chegou tamén ó campo académico, deixando máis apartado o mundo das letras e dándolle prioridade ás ciencias. Dende o meu punto de vista, non creo que as ciencias sexan mellores que as letras, nin que as letras sexan mellores que as ciencias, senón que ambas son importantes na nosa vida cotiá, mesmo en moitas ocasións complementarias, dado que se queremos mercar literatura temos que saber canto é a suma do diñeiro que necesitamos para mercala. Para chegar ó punto no que nos atopamos crendo que as ciencias son mellores que as letras, a sociedade ó longo do tempo foi xerando unha serie de prexuízos que acaban por erixirse en verdade absoluta. Unha das falacias máis empregadas é que o alumnado con mellores resultados académicos opta polo itinerario científico e aquel ao que lle custa máis o estudo vai pola modalidade de letras, xa que supostamente é máis doada. Négome a pensar que iso sexa así, posto que as materias que escollemos ó longo dos nosos estudos escollémolas porque están relacionadas co que nos gustaría facer unha vez rematados estes, e non todo o mundo quere ser enxeñeiro ou matemático, senón que pode haber persoas as que as ciencias se lle dean xenial pero encántalles as linguas e queren estudar unha filoloxía e o que para estes vai ser útil é todo aquilo relacionado cas Humanidades. 
A este asunto totalmente académico engádeselle a cuestión sexista, con tópicos como que os rapaces van por ciencias e as rapazas por letras. Son moitas as persoas que se suman a isto, xa que o habitual é que nas clases de letras só haxa mozas mentres que en ciencias a gran maioría sexan mozos, en consecuencia o sexo masculino é o único apto para ser capaz de abordar todas estas materias esquecendo que ó longo da historia houbo moitas mulleres científicas con gran importancia e recoñecemento mundial, como é o caso de Amalie Emmy Noether, que é considerada a matemática máis importante e así o declaraba o mesmo Einsten. Tamén é destacable o papel de Lise Meitner, que foi unha física do século XX que traballou no campo da radioactividade e da física nuclear. Ela foi a peza fundamental do equipo que desenvoulveu a fisión nuclear, pero levou os méritos Otto Hahn, simplemente por ser home. Como a cuestión sexista está presente, non podía faltar tamén a cuestión lingüística. Para entender isto vámonos remotar á época da ditadura franquista, onde só se velaba pola unidade nacional española e, para iso, era fundamental que só houbese unha lingua a pesar de que no territorio Español había máis, como eran o galego, o euskera, o catalán, etc, e todas elas foron reprimidas. Co paso do tempo e tras a morte do ditador foi posible que volvesen a ser aceptadas e mesmo integradas no mundo dos estudos, pero deixando o español para as materias científicas xa que eran realmente as “importantes” e o galego para as humanidades, porque estas materias non teñen o mesmo valor nin o mesmo nivel que as matemáticas, física, química… Finalmente, creo que cada un debería obter a súa propia conclusión tendo en conta que non só hai eses dous bacharelatos, tamén está o de Ciencias sociais e o de Artes, os cales están tamén bastante infravalorados, posto que se unha persoa non vale para letras menos vai valer para ciencias entón o único que lle queda é o itinerario artístico, total aí só hai que “pintar”. Pero, como dicía Einstein, “A imaxinación é máis importante que o coñecemento. O coñecemento é limitado e a imaxinación circunda o mundo” . Non esquezamos que a imaxinación debe ser necesaria, como parte da curiosidade e da creatividade, en calquera materia, xa que os progresos en todos os campos son o resultado de imaxinar “que pasaría se…”.

07/10/16

A utilidade do inútil (por María Fernández Ínsua)

Dende o comezo dos séculos as artes xogaron e xogan un papel moi importante no desenvolvemento do carácter e mesmo do espírito humano. Elas son as que levan ó home a un estado fóra da realidade e deixan que este se sinta e exprese coma o que é, é dicir, coma un verdadeiro ser humano. A pureza que pode conter unha creación artística ou literaria, xurdida do máis íntimo da alma dun artista é o que permite que sexamos alguén na vida pois a través dela descubrimos a nosa identidade e forxamos un entusiasmo que nos fai vivir. Pero a sociedade empéñase en mostrar como única moeda de cambio o diñeiro, aquel que contamina o saber por puro interese, a pesar de que nin todos os cartos do mundo poderían equipararse co valor e riqueza que posúen todas as artes porque elas enriquécenos como persoas indo máis alá e deixando de lado o material. 
Toda arte en si supón a maior inutilidade da que podemos dispoñer, pois se un cadro fose útil deixaría de ser arte. No noso día a día estamos rodeados por aquilo que debería ser útil, é dicir, que leve consigo unha finalidade que nos sirva de algo, como ir ao supermecado, ir á Universidade, estudar para aprobar un exame e non para aprender. Pero por iso a arte é arte, é dicir, só ela é capaz de ofrecernos esa evasión do mundo cotián para meternos de cheo nun mundo imaxinario. Ao mesmo tempo, sérvenos tamén para analizar máis afondo a realidade na que vivimos, pois existen múltiples persepectivas e formas de mirar o mundo real e a través da pintura ou dun libro podemos entendelo mellor e ser un pouco más conscientes da realidade na que vivimos.
Aparentemente, sentir, emocionarse e sorprenderse cunha imaxe ou cunha palabra non nos serve de nada, pero o certo é que sen eses sentimentos sería imposible vivir. Ese algo que cada un de nós gardamos no noso interior, ao que a gran maioría lle chamamos alma, é a responsable de volver útil o inútil polo simple feito de espertar en nós o humano que todos levamos dentro. Aquilo que, por moi diferentes que sexamos uns de outros, sempre fai que nos conectemos inconscientemente a través de, por exemplo, unha canción.
A estas alturas habería que facerse a pregunta: que é o útil e que é o inútil? Quen ou que establece a diferenza entre un e outro? Non é certo que o que para un lle pode resultar inútil, para outro lle pode ser de moita utilidade? Buscar unha resposta segura sería prácticamente imposible, pois nin sequera sabemos o motivo da nosa existencia e que é iso que nos leva a sentir en circunstancias determinadas, pero o certo é que tanto o útil coma o inútil necesitan un do outro para poder crear algo. É dicir, un truco de maxia sen o seu mago perdería todo o seu sentido.
Por desgraza, hoxe en día, e cada vez máis, o diñeiro fai que olvidemos todo iso chegando incluso a enganarnos sobre aquilo que en verdade nos enriquece. Xa non se mira un cadro polo que este reflexa, senón que se mira o seu valor económico, o cal inflúe notablemente na nosa perspectiva cara a obra, ata a nosa forma de sentirnos. De verdade empeoramos tanto? De verdade lle estamos poñendo prezo ao saber? O certo é que si. O coñecemento en si xa non importa tanto. O único que importa son os beneficios que poida traer consigo unha obra litearia ou de arte. En xeral, só se mira por aquilo que máis diñeiro poida producir e non por iso que máis faga sentir ou aprender algo máis sobre a vida. Canto menos cultura teñamos, por moito diñeiro que posuamos, seremos uns pobres escravos dunha sociedade cada vez máis corrompida.
En definitiva, o que hai que facer é desnamorarse dos billetes para namorarse dunha riqueza moito maior que son as artes. Ese remuíño de amor e de música que tanto conmoven os nosos sentidos. Aqueles golpes que só unha boa frase ou o desgarro das cordas dun violín é capaz de sacudirnos deixándonos case sen aire. Todo iso é arte pura e sen ela non existiría o ser humano. Só seríamos androides de carne e óso vagando polo mundo coma zombis e movidos por unhas ordes e instintos buscando continuamente cubrir esa nacesidade de posuír o maior diñeiro posible.
Pablo Picasso dicía: “Un pintor é un home que pinta o que vende. Un artista, en cambio, é un home que vende o que pinta” Aí é onde reside a verdadeira diferenza entre facer arte de verdade e facer arte tan só por diñeiro.