24/10/16

Que é a literatura ? (Por Yaiza Otero Figueira)

       

Moitas veces procuramos o sentido da arte, a súa utilidade. Como se fixese falta xustificar a súa existencia. Tratamos de atopar a finalidade da arte mais non a ten, xa que ela é unha finalidade en si mesma. Da a impresión de que no mundo que vivimos se algo non ten utilidade material non é útil. Máis non é así.
A literatura é o claro exemplo disto. Cando nos preguntan que é para nós a literatura, a resposta máis común soe ser a da abstracción. O afastamento da realidade, viaxar a outras épocas, a outros lugares e momentos sen movernos nin un só paso. A ledicia de poder afastarse dos problemas dun mesmo e ler a tráxica historia de dous personaxes a modo de catarse. Mais a literatura non cumpre só esta función.
Para os gregos a arte cumpría tres en concreto: a hedonista (proporcionaba pracer), a catártica (que pretendía aliviar as tensión do público mediante a contemplación dunha situación tráxica) e a mimeses (imitación da realidade).
A literatura é un reflexo da realidade dende distintos puntos de vista. Un retrato do pensamento da sociedade, da súa ideoloxía e da cultura do momento histórico a retratar.
Mais a literatura tamén cumpre unha función social. Tentamos pensar nela como “o arte polo arte”, a beleza e a harmonía. Moitas veces incluso poñemos o exemplo do arte vangardista erroneamente. Pensamos no Dadaísmo e non se nos ven á cabeza a crítica social ou a ideoloxía mais este período estaba repleto ó ser un período entre guerras. A rebelión contra as normas. Mediante a literatura podémonos rebelar, alzar a voz. Un pobo sen literatura é un pobo sen voz. Permítenos criticar o que creemos inxusto, facer unha crítica á sociedade. Non son todo fadas, princesas e cabaleiros. A literatura é algo máis.
Moitas veces non percibimos a simple ollada a crítica que se agocha tras unha historia, pero está aí. Castelao cando nos conta a historia do pai de Migueliño está facendo algo máis que contar como Migueliño esperaba ilusionado a seu pai e se atopou cunha imaxe completamente distintas á que tiña en mente. Fainos ver como a emigración non sempre vai ben, non sempre se volve con cartos, ás veces nin se volve. E en ningún momento menciona directamente a emigración, simplemente conta a historia de Migueliño.
En A dúbida, María Reimóndez conta a historia de Deli a partir do momento no que a policía detén ó seu home por cargos dun suposto abuso sexual a unha menor. A medida que conta como se desenvolve o xuízo e como vai evolucionando Deli, fai unha forte crítica á corrupción nos partidos políticos e a como se deixa no ouvido a todas as menores que son escravas sexuais e ninguén fai nada por axudalas a pesar de que se sepa que existe esta situación. Como podemos ver nesta cita recollida do libro: “O que debía seguir oculto. Porque a corrupción nun partido político era algo ao que estaba científicamente demostrado que se sobrevivía. Que o alcalde e un concelleiro fosen pederastas xa era outro asunto”. Estas, poderíamos dicir que son as principais críticas deste libro, mais hai máis porque o que María fai é reflectir a nosa sociedade. Unha sociedade que segue a ser machista. Isto vese mediante Deli, en como a xente non a tomaba en serio polo seu aspecto delicado. Mesmo daban por suposto que o traballo do seu home era máis importante ca o seu, cando en verdade non era así, simplemente porque el era home e ela muller.
Estes son dous dos infinitos exemplos que se poderían poñer de denuncia social mediante a literatura. Mais facer este tipo de denuncias tamén ten o seu peligro.
Ó longo da historia vimos como algún autores preferiron quedar no anonimato por medo ás represións. Aquí en Rianxo temos o exemplo de Castelao, o cal se tivo que exiliar pola súa ideoloxía e nunca puido voltar á súa terra en vida, como era o seu soño. A literatura é perigosa para os gobernantes que queren manipular ó pobo. Por iso é o primeiro en ser atacado nunha ditadura. É unha arma contra a represión.
Se a literatura fose só beleza, harmonía, “arte polo arte”, non sería atacada e perseguida. Trata de facerlle ver ó pobo a realidade que se nega a ver, e esa é a súa derradeira utilidade. Non ten unha utilidade material máis se cabe é incluso máis útil dentro da súa “inutilidade” que calquera cousa útil nun sentido estritamente material.

Ningún comentario:

Publicar un comentario