27/10/16

O compromiso (por Sara García)

Hoxe é o día. Levo toda a semana sen pegar ollo, agardando a que hoxe chegase xa. Esta semana de marxe foi o noso período de reflexión, por se algún dos tres decidía en calquera momento botarse atrás e non selar o o pacto.
Estou nervioso. A min e a eles, o que imos facer é algo que vai cambiar toda a vida que temos por diante. A pesar desa responsabilidade, estou seguro de que é o correcto, de que debemos defendela e querela, e sei que os tres sentimos o mesmo por ela.
É a hora, eles deben de estar ao caer. Eu sigo agardado sentado baixo o carballo máis grande da carballeira. Foi aquí onde os tres quedaramos en que nos encontraríamos. Era o lugar onde nos citábamos todos os días para falar dela. Era un sitio que transmitía paz, que che tranquilizaba só escoitando coma o vento arrolaba as follas das árbores e, a pesar diso, hoxe, cada vez que a agulla do reloxo marca un segundo menos, o meu corazón latexa con pulsacións máis altas e noto que o corazón me sae do peito.
Aí veñen, os dous co paso lento que nunca lles vin dar. Manuel traía o documento redactado nun pergamiño, dicía que así quedaría moito máis formal que cun papel calquera, e Marcial traía a agulla. Antes de asinar, cada un de nós debería ler en alto o documento, prometendo así que nos comprometeríamos con ela para toda a vida. Empezou Manuel, e eu decidín ir de último. Comecei a ler e, canto máis lía, máis seguro estaba de que o que ía facer era o correcto, de que o que sentía por ela era verdade, eu queríaa e sabía que ía a querela ata a fin dos meus días.
Agora só falta asinar. Pasámonos a agulla e un a un cravamos con ela o noso dedo índice, ata ver correr o sangue coma a tinta que pechará o compromiso, o sangue que xorde de nós. Que mellor tinta para un pacto para toda a vida que o noso sangue, algo tan noso como prometer que ela, a lingua galega, será o amor da nosa vida.
   (Despois de escoitar ao profesor Axeitos arredor de Manuel Antonio)

Ningún comentario:

Publicar un comentario