Ao igual que calquera outra arte, tanto a arquitectura, coma a pintura, e neste caso tamén a literatura, incluídas todas estas nas sete belas artes, reflicten os acontecementos ocorridos en cada época da historia, así, por exemplo no Barroco reflectíase a morte porque era unha etapa de crise, ademais era unha preocupación da sociedade. Coma isto, se non existise ningún texto dos historiadores antigos coma Eutropio ou Xenofonte non coñeceriamos a historia antiga. Polo que sen a literatura, sen as pinturas, e en fin sen a arte, non saberíamos a día de hoxe como se viviu cada época da historia, que é tan importante para comprender a nosa sociedade actual.
Tamén cabe destacar que non tódolos escritores viven a literatura da mesma maneira, algúns vena sen ningún fin é dicir “a arte pola arte”, e outros coma unha forma de denuncia. Pero é certo que a literatura de cada época vese condicionada por dita etapa. Así, no Realismo, que se vía condicionado polos avances científicos, se trataba de copiar a realidade tal e como era, e no Romanticismo, os autores evadíanse do mundo porque era unha etapa escura. Os libros e os textos conservados, teñen de maneira directa ou indirecta unha fin didáctica, xa sexa porque o autor teña ese obxectivo, ou non, porque polo citado antes sempre se pode sacar unha aprendizaxe deles, aínda que sexa sobre a época.
Por outra banda, tamén as letras das cancións se tratan de literatura, e moitos textos, coma os poemas son levados á música, coma o famoso poema de Rosalía de Castro, Adiós ríos…, necesitamos da literatura e dos libros como necesitamos beber e comer, para moitos somerxerse nos libros supón ir de viaxe, visitar novos mundos, coñecer novas ideoloxías, supón un pracer inmenso, todo o mundo debería de ler libros, con eles aprendemos moitas cousas, comprendemos o mundo, como fomos, como somos, e como seremos nun futuro.
Finalmente, en conclusión, a literatura non se limita a uns contos ben narrados e entretidos, trátase de máis ca iso, unha forma de entender o mundo que nos rodea, unha forma de aprender novas cousas, de ser máis humanos, porque ao fin e ao cabo ler é unha forma de impregnarse de coñecementos e diversión.
Ningún comentario:
Publicar un comentario