10/10/16

A utilidade do inútil (por Sarai D. Mariño)


En moitas ocasión non lle damos verdadeira importancia ós pequenos detalles, xa que cremos que son insignificantes e ás veces neles escóndense a verdadeira felicidade. Esta diferenza ante as cousas mínimas no noso día a día chegou tamén ó campo académico, deixando máis apartado o mundo das letras e dándolle prioridade ás ciencias. Dende o meu punto de vista, non creo que as ciencias sexan mellores que as letras, nin que as letras sexan mellores que as ciencias, senón que ambas son importantes na nosa vida cotiá, mesmo en moitas ocasións complementarias, dado que se queremos mercar literatura temos que saber canto é a suma do diñeiro que necesitamos para mercala. Para chegar ó punto no que nos atopamos crendo que as ciencias son mellores que as letras, a sociedade ó longo do tempo foi xerando unha serie de prexuízos que acaban por erixirse en verdade absoluta. Unha das falacias máis empregadas é que o alumnado con mellores resultados académicos opta polo itinerario científico e aquel ao que lle custa máis o estudo vai pola modalidade de letras, xa que supostamente é máis doada. Négome a pensar que iso sexa así, posto que as materias que escollemos ó longo dos nosos estudos escollémolas porque están relacionadas co que nos gustaría facer unha vez rematados estes, e non todo o mundo quere ser enxeñeiro ou matemático, senón que pode haber persoas as que as ciencias se lle dean xenial pero encántalles as linguas e queren estudar unha filoloxía e o que para estes vai ser útil é todo aquilo relacionado cas Humanidades. 
A este asunto totalmente académico engádeselle a cuestión sexista, con tópicos como que os rapaces van por ciencias e as rapazas por letras. Son moitas as persoas que se suman a isto, xa que o habitual é que nas clases de letras só haxa mozas mentres que en ciencias a gran maioría sexan mozos, en consecuencia o sexo masculino é o único apto para ser capaz de abordar todas estas materias esquecendo que ó longo da historia houbo moitas mulleres científicas con gran importancia e recoñecemento mundial, como é o caso de Amalie Emmy Noether, que é considerada a matemática máis importante e así o declaraba o mesmo Einsten. Tamén é destacable o papel de Lise Meitner, que foi unha física do século XX que traballou no campo da radioactividade e da física nuclear. Ela foi a peza fundamental do equipo que desenvoulveu a fisión nuclear, pero levou os méritos Otto Hahn, simplemente por ser home. Como a cuestión sexista está presente, non podía faltar tamén a cuestión lingüística. Para entender isto vámonos remotar á época da ditadura franquista, onde só se velaba pola unidade nacional española e, para iso, era fundamental que só houbese unha lingua a pesar de que no territorio Español había máis, como eran o galego, o euskera, o catalán, etc, e todas elas foron reprimidas. Co paso do tempo e tras a morte do ditador foi posible que volvesen a ser aceptadas e mesmo integradas no mundo dos estudos, pero deixando o español para as materias científicas xa que eran realmente as “importantes” e o galego para as humanidades, porque estas materias non teñen o mesmo valor nin o mesmo nivel que as matemáticas, física, química… Finalmente, creo que cada un debería obter a súa propia conclusión tendo en conta que non só hai eses dous bacharelatos, tamén está o de Ciencias sociais e o de Artes, os cales están tamén bastante infravalorados, posto que se unha persoa non vale para letras menos vai valer para ciencias entón o único que lle queda é o itinerario artístico, total aí só hai que “pintar”. Pero, como dicía Einstein, “A imaxinación é máis importante que o coñecemento. O coñecemento é limitado e a imaxinación circunda o mundo” . Non esquezamos que a imaxinación debe ser necesaria, como parte da curiosidade e da creatividade, en calquera materia, xa que os progresos en todos os campos son o resultado de imaxinar “que pasaría se…”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario