28/10/19

"Estranxeira na súa patria"

É a literatura galega unha literatura normalizada?

      Vagaba pola zona vella de Santiago, cando pasei fronte a unha libraría. Logo duns minutos fitando cara o escaparate decidín entrar. Crucei corredores, atravesei a tenda dunha punta á outra, ollando os estantes e lendo as etiquetas que concentra a esencia de cada andel. Fantasía, novela negra, infantil, cine, música, ciencia ficción, cómics. Mais non era iso o que buscaba. Refixen o camiño que percorrera, era imposible que non estivese, tiña que atopala. Xirei a cabeza 180 graos, e nese momento vina. Estaba alí, nun recuncho da enorme tenda. Como se intentase pasar desapercibida. Fronte a min atopábanse tres andeis adicados á "literatura gallega", ou iso dicía a etiqueta.
        No primeiro recoñecín varias traducións ao galego. Unha delas "Ulises" de Joyce, feita por Otero Pedrayo por vez primeira. No século XIX as Irmandades da Fala traduciran obras da cultura universal, demostrando a validez do galego para acceder á cultura foránea, sen a intermediación do castelán. Unha reivindicación á orde do día, como resposta á subvención de traducións ao galego dende o inglés ou castelán, non dende a lingua orixinal, mesmo en casos onde hai profesionais coñecedores desta. É tanto pedir?Ningunha lingua está normalizada ata que os seus lectores poidan acceder nela a toda a literatura universal. Tendo en conta isto, e a limitada gama de posibilidades en galego, decatámonos da situación da nosa lingua. E por conseguinte, da da nosa literatura, que non pode estar normalizada se a lingua que a move non o está.
             No seguinte andar atopeime con "Sempre en Galiza". Fíxome cavilar. Do século XIX ó XX, a literatura galega encarnaba unha ideoloxía galeguista. De feito, a obra de Castelao que sostiña na man representa plenamente o nacionalismo. Na actualidade, a utilización do galego reflexa unha actitude de compromiso coa lingua, mais esta idea converteuse en clixé, xurdindo o estereotipo de que a escolla do galego está directamente relacionada cunha posición ideolóxica. E eu pregúntome.. non é posible percibir unha obra en galego só como produto estético? Como aporte de pracer, como expresión de beleza, sen segundas intencións.Un poema en galego, un poema de amor en galego, ós ollos alleos suporá unha reivindicación. Porén, esa mesma poesía en castelán amosará simplemente fermosura.
              Non atopei o que procuraba. En realidade non procuraba nada en concreto. Son desas persoas indecisas, sen ideas fixas. Percorro coa vista a ringleira de libros, de dereita a esquerda, leo os títulos; se cadra olleo algunha sinopse, pero, sobre todo, fíxome na portada. Fito para a ilustración de cada un. E agarrando o último libro do estante póñome a pensar. Penso en min. Penso en min como lectora. Penso en quen le. En quen le en galego. Na esixencia que se expresa cara a nosa literatura. Situación que non se manifestaría se estivese normalizada.
                  Saín da libraría e sentinme unha estranxeira. Unha turista que viaxa a outro país e atopa un pequeno anaco do seu fogar. Unha forasteira que chega a outra cidade e percibe un leve murmurio na súa lingua. Desexei que algún día escribir en galego non supuxese un acto militante, que ler na nosa lingua non signifique loitar por unha causa, que para atopar un libro en galego non teñamos que buscar tanto, que a nosa lingua deixe de semellar estranxeira na nosa propia terra.