É a literatura galega unha literatura
normalizada?
Vagaba pola zona vella de Santiago, cando pasei fronte a unha
libraría. Logo duns minutos fitando cara o escaparate decidín
entrar. Crucei corredores, atravesei a tenda dunha punta á outra,
ollando os estantes e lendo as etiquetas que concentra a esencia de
cada andel. Fantasía, novela negra, infantil, cine, música, ciencia
ficción, cómics. Mais non era iso o que buscaba. Refixen o camiño
que percorrera, era imposible que non estivese, tiña que atopala.
Xirei a cabeza 180 graos, e nese momento vina. Estaba alí, nun
recuncho da enorme tenda. Como se intentase pasar desapercibida.
Fronte a min atopábanse tres andeis adicados á "literatura
gallega", ou iso dicía a etiqueta.
No primeiro recoñecín varias traducións ao galego. Unha delas
"Ulises" de Joyce, feita por Otero Pedrayo por vez
primeira. No século XIX as Irmandades da Fala traduciran obras da
cultura universal, demostrando a validez do galego para acceder á
cultura foránea, sen a intermediación do castelán. Unha
reivindicación á orde do día, como resposta á subvención de
traducións ao galego dende o inglés ou castelán, non dende a
lingua orixinal, mesmo en casos onde hai profesionais coñecedores
desta. É tanto pedir?Ningunha lingua está normalizada ata que os
seus lectores poidan acceder nela a toda a literatura universal.
Tendo en conta isto, e a limitada gama de posibilidades en galego,
decatámonos da situación da nosa lingua. E por conseguinte, da da
nosa literatura, que non pode estar normalizada se a lingua que a
move non o está.
No seguinte andar atopeime con "Sempre en Galiza". Fíxome
cavilar. Do século XIX ó XX, a literatura galega encarnaba unha
ideoloxía galeguista. De feito, a obra de Castelao que sostiña na
man representa plenamente o nacionalismo. Na actualidade, a
utilización do galego reflexa unha actitude de compromiso coa
lingua, mais esta idea converteuse en clixé, xurdindo o estereotipo
de que a escolla do galego está directamente relacionada cunha
posición ideolóxica. E eu pregúntome.. non é posible percibir
unha obra en galego só como produto estético? Como aporte de
pracer, como expresión de beleza, sen segundas intencións.Un poema
en galego, un poema de amor en galego, ós ollos alleos suporá unha
reivindicación. Porén, esa mesma poesía en castelán amosará
simplemente fermosura.
Non atopei o que procuraba. En realidade non procuraba nada en
concreto. Son desas persoas indecisas, sen ideas fixas. Percorro coa
vista a ringleira de libros, de dereita a esquerda, leo os títulos;
se cadra olleo algunha sinopse, pero, sobre todo, fíxome na portada.
Fito para a ilustración de cada un. E agarrando o último libro do
estante póñome a pensar. Penso en min. Penso en min como lectora.
Penso en quen le. En quen le en galego. Na esixencia que se expresa
cara a nosa literatura. Situación que non se manifestaría se
estivese normalizada.
Saín da libraría e sentinme unha estranxeira. Unha turista que
viaxa a outro país e atopa un pequeno anaco do seu fogar. Unha
forasteira que chega a outra cidade e percibe un leve murmurio na súa
lingua. Desexei que algún día escribir en galego non supuxese un
acto militante, que ler na nosa lingua non signifique loitar por unha
causa, que para atopar un libro en galego non teñamos que buscar
tanto, que a nosa lingua deixe de semellar estranxeira na nosa propia
terra.
Ningún comentario:
Publicar un comentario