07/10/18

O porqué do pensamento crítico


Un dos interrogantes máis antigos da filosofía é a procura da verdade tras as aparencias, tendo en conta que dita verdade exista. Pero, máis aló de atopar resposta a este interrogante dentro do ámbito filosófico, atopar a esencia oculta, chegar á verdade universal segue sendo un dos obxectivos máis importantes dentro dunha sociedade, tanto no marco político (discutir cal é o mellor xeito de goberno, por exemplo) coma no interese e curiosidade individual (crer en Deus, elixir un estilo de vida...); así como un gran interese dentro da gran industria dos medios de comunicación (cada xornal vende a mesma noticia dun xeito totalmente diferente, cada canle televisiva pertence a unha determinada ideoloxía política...).
Mais, que é a verdade universal? Poderíamos dicir que existe unha verdade única e absoluta que explique cada cuestión tendo en conta que existen argumentos dabondo que xustifiquen ou apoien calquera idea, así coma argumentos en contra? Isto é moi sinxelo visto cun exemplo: Podemos xulgar como totalmente culpable a un asasino se realmente temos en conta todos os factores que o levaron a tal crime (un tumor no hipotálamo, esquizofrenia, fortes traumas...)? Mais, a pesar de ter todos eses factores en conta, poderiamos xulgalo como totalmente inocente? Ao igual que a culpabilidade dun asasino, todas as verdades son relativas e dependen estritamente da información que se escolla (ou á que se poda acceder). Tamén se debe ter en conta que a información que sexamos capaces de ver e o punto de vista co que se tente elaborar esa verdade irá ligado aos nosos prexuízos (consciente ou inconscientemente) xa que non estamos á marxe da sociedade que nos rodea nin á marxe das nosas propias circunstancias persoais. Chegado a este punto, podemos afirmar que a verdade existe e que non se trata dunha verdade multiperspectivista e cambiante ligada a cada individuo?
Explicado o interrogante teórico e práctico da esencia e argumentada a inexistencia da verdade universal, propiamente dita, toca preguntarnos que cabida ten o pensamento crítico na sociedade sendo conscientes de que non chegaremos a ningunha certeza absoluta. Para dar resposta a esta nova cuestión, é suficiente con imaxinar unha sociedade sen ceibepensadoras/es. Imaxinar unha realidade sen a rebelión do pobo ante os seus opresores, unha sociedade tiránica atestada de vítimas inconscientes da súa situación. Un mundo sen a Revolución Francesa, sen as revolucións obreiras, sen folgas, sen Rosa Parks, sen Darwiin, sen Rosalía, sen filósofos, sen animalistas, sen feministas. Un mundo sen xente que pensa por si mesma e defende as súas ideas para cambiar o mundo. Esa é a gran importancia do pensamento crítico, dos pensadores críticos, a loita por mellorar o mundo tendo en conta a necesidade de cambio.
Mais, non só a loita por cambiar o noso mundo é a única razón de ser do pensamento crítico, dende logo que non. Unha das máis importantes razóns para tentarmos descubrir a nosa propia verdade é o feito de ser nosa. A enorme satisfacción de crearnos a nós mesmos. Chegar a pensar, a vivir, a opinar, a esixir, a rexeitar e a namorarnos do que nós queremos e que ninguén nos impuxo. O peso e ao mesmo tempo a liberación de sermos os responsables de nós mesmos. Ese é o obxectivo do pensamento crítico, chegar á verdade pola propia labor de investigación, xa sexan erros ou acertos. Non vivir na verdade dun libro de texto, dun mestre, da familia, dos medios ou da tradición sen preguntarnos nada. Senón chegarmos a baixar os nosos 'porqués' ao mundo real dende as elites culturais que adoutrinan no pensamento binario, convertendo a sociedade nunha CPU, a cal só distingue entre verdadeiro e falso e só admite unha única realidade. Non aprendemos historia dende o bando gañador? Algo tan multiperspectivista coma a historia, con tantas realidades dende distintos puntos de vista dos cales só se ten en conta un, a realidade do bando gañador. Elite, cuxo obxectivo principal é o depreciación e o exterminio do criterio propio, dende o mero feito de dicir que é ou que non é arte (extirpando calquera fenda de sentimento) ata cambiar o ensino 'libre e liberador' por ensino 'orientado ao futuro', cambiar o cultivarse a un mesmo por adestrar a unha peza máis da cadea de montaxe.
Durante a Revolución Industrial as condicións obreiras eran infrahumanas, polo que Carl Marx desenrolou unha ideoloxía cuxo obxectivo era cambiar radicalmente aquela realidade, o Comunismo. O maior problema que detectaba Marx nas nefastas condicións dos traballadores era á alienación, é dicir, que perderan unha vida ''humana'': non vían a luz do sol case en días, non vían o resultado directo do seu esforzo (como si vía un campesiño na colleita ou un artesán ao rematar un produto), a depreciación da vida dos obreiros así como a da súa opinión. Mais, foi a personalidade revolucionaria de Marx a que tentou solucionar este gran problema social, foi a súa capacidade de pensamento crítico a que tentou combater a alienación da sociedade e, a día de hoxe, son cada xeito de pensar único, a loita de cada individuo por facer desta sociedade unha sociedade máis xusta, a existencia da liberdade de expresión grazas a todas as ceibepensadoras/es que nos preceden fai que teñamos unha sociedade chea de opinións e perspectivas distintas, con todas os contrastes de distintas perspectivas que isto leva consigo; un pensamento crítico cuxo obxectivo é manternos humanos ata na sociedade mecanicista na que vivimos, un pensamento crítico que é o único antídoto á alienación da sociedade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario