27/09/17

O labor docente ou a necesidade de contar para non perder a cabeza

O curso pasado, un alumno preguntoume por que sempre tiñamos que estudar a persoas que levaban anos, ou décadas, mesmo séculos mortas. Non sabía como explicarlle que non hai progreso sen memoria, nin liberdade sen conciencia da propia identidade. Non souben que responderlle, así que lle contei un conto.

Hai moito tempo, había unha muller en Taragoña que se chamaba Sagrario. Todos a coñecían por Sagrario de Ourolo ou Sagrario dos bolsos.
Sagrario, como todas as mulleres do pobo, como todas as galegas, cantaba e contaba. Sagrario cantaba as cancións que lle cantara súa nai, que escoitara a outras mulleres de Ourolo, da Burata, de Asados ou mesmo do Araño. E, entre as cancións que cantaba, contaba un conto. Sagrario contaba os contos que lle contara súa nai, que escoitara a outras mulleres de Ourolo, da Torre, do Pazo ou mesmo de Rianxiño.
A Sagrario gustáballe sentar á porta da casa, nun banco baixo de pedra, á tardiña, no solpor dos días de verán e calor; gustáballe estar á fresca e ver a xente pasar. Sagrario comezaba a musitar os sons da Cántiga (Unha noite na eira do trigo…) Ao pouco alguén paraba, canso dos labores do día, e sentaba onda ela. Ao acabar a cántiga, xa se xuntara un bo grupo de xente para oíla contar.
Sagrario vestía unha grande saia cuberta de petos de cores. Moitos petos e moitas cores tiña a súa saia, por iso a alcumaban Sagrario dos bolsos. Para empezar a contar, Sagrario botaba man a un peto e sacaba de dentro un papel. Entregáballo a algún dos que escoitaban para que lera a palabra e, do papel, nacía un conto. En cada conto había mulleres e homes, xente que vivira moito tempo atrás, xente que morrera moito tempo atrás. Xente que quería volver a vivir para a xente que escoitaba. E Sagrario, coa maxia da palabra, resucitaba aos mortos e facíaos vivir nos seus contos.

Grazas a Sagrario volve á vida Sherezade!
A única muller que sobreviviu a aquel rei que no solpor casaba e no amencer enviuvaba. Aquel rei que, por vingarse dunha que o traizoara, degolaba a todas. Agás a Sherezade. Ela foi a única que viu amencer despois de pasar a primeira noite co rei. E para seguir sostendo a cabeza cada día, precisaba contar un novo conto cada noite. E botou man das historias por ela oídas, lidas ou imaxinadas. Botou man d@s mort@s, que agora a salvaban da decapitación. Na penumbra do durmitorio, sen máis luz que a lúa, dicía as historias en voz baixa. E, dicíndoas, sentía pracer. E, dicíndoas, daba pracer.
Do medo a morrer naceu a mestría de contar, porque Sherezade sabía que, se o rei se aburría, estaba perdida.

Eis a razón de falar d@s mort@s!
Temos que falar d@s mort@s para que sigan vivindo na palabra. Recollemos as súas palabras do pasado para entregarllas ao futuro, porque non hai progreso sen memoria, nin liberdade sen conciencia da propia identidade.
Despois de ler…
Sherezade (Mujeres), de Eduardo Galeano

19/09/17

A utilidade do inútil

O ano 2016, coa imposición da LOMCE, pasará á Historia como o ano en que Letras e Ciencias ficaron definitivamente separadas en aras dunha demagóxica calidade de ensino só para uns poucos, ao servizo dun progreso mal entendido que ao parecer só pode ser acadado a través do comercio, do diñeiro, polo tanto das contas, das matemáticas, é dicir, das ciencias. Así que, as letras non serven para acumular riquezas e o tempo é demasiado precioso como para perdelo en especulacións ociosas, polo tanto as letras son asuntos menores para entreter aos que non saben de matemáticas. As letras non son útiles e todo o que non é útil desprézase. O ano 2016 tamén é o ano da celebración do 24 centenario do nacemento de Aristóteles, para uns "o filósofo", para outros "o científico". Porque Aristóteles practicaba a curiosidade, que resolvía a través das disciplinas científicas e, despois, extraía as implicacións filosóficas das mesmas. Por unha parte, Aristóteles rexeitou o vacío e defendeu a finitude do universo, concepción que os partidarios actuais de certos modelos cosmolóxicos nunca poderán desprezar como fan coa infinitude do espazo de Newton. Por outra parte, Aristóteles ensinounos a percibir a causa da emoción que provoca a representación tráxica. Mesmo nos axudou a entender, coas súas reflexións ético-políticas, as tremendas consecuencias da ausencia de xustiza social.

Hoxe, a ciencia volve aos grandes interrogantes filosóficos: cal é o papel do home e da muller no entorno natural?, por exemplo. Así que volvemos a Aristóteles e a Filosofía volve á súa orixe. Pois a Humanidade segue desexando coñecer e simbolizar.
En consecuencia, unha educación que non queira ser só instrución, deberá ter como obxectivo: pensar en liberdade. A liberdade era considerada por Aristóteles como condición da realización do ser humano, polo que a condición de escravo equivalía para el a ser repudiado pola humanidade. Con el aprendeu Marx que o traballo escravizante é deshumanizador. Só cando as necesidades primarias están satisfeitas (comida, casa...) procura o ser humano o coñecemento, saber por saber, sen procurar ningún proveito material. Neste sentido a Filosofía é unha ciencia libre, pois o seu único obxectivo é ela mesma. Unha educación guiada por este principio permitirá que os individuos recuperen o espírito curioso da súa infancia arredor das humanas cousas. Nenos e nenas fanse interrogantes continuamente, pois todo o que lles rodea os sorprende. Ese é o primeiro motor da Filosofía.

FONTE: Aristóteles nos enseñó a pensar. EL PAÍS, 28/05/16



   Doe ver triunfar nas televisións e nos medios novas representacións do éxito, encarnadas no emprendedor que logra crear un imperio a base de estafas, ou no político impune que humilla o Parlamento obrigándoo a votar leis ad personam. Doe ver homes e mulleres entregados a unha tola carreira cara á terra prometida de ganancias, onde todo canto os circunda non suscita interese ningún. A vista fixada na meta perseguida xa non permite gozar dos pequenos xestos cotiáns nin descubrir a beleza que latexa nas nosas vidas: nun solpor, nun ceo estrelecido, na delicadeza dun beixo, nunha flor ao abrir, nunha bolboreta ao voar, no sorriso dun rapaciño. Pois, a miúdo, onde se percibe mellor a grandeza é precisamente nas cousas máis simples.


Se non se comprende a utilidade do inútil, a inutilidade do útil, non se comprende a arte. Os auténticos poetas saben ben que soamente lonxe do cálculo e da présa é posible cultivar a poesía. Ser artista significa: non calcular nin numerar; madurar como a árbore, que non impele a súa saiva e, confiada nas tempestades da primavera, permanece sen o medo a que despois non puidera vir ningún verán. Os versos non se someten á lóxica do útil. De feito, o inútil é necesario para tornar todo máis fermoso. 



Necesitamos o inútil como necesitamos as funcións vitais esenciais para vivir. A poesía, a necesidade de imaxinar, de crear, é tan fundamental como a de respirar. Respirar é vivir e non evadirse da vida. Sobre todo nos momentos de crise económica, cando as tentacións do utilitarismo e do máis aveso egoísmo semellan ser o único camiño e a única áncora de salvación, cómpre entender que xusto as actividades que non serven para nada poderían axudarnos a fuxir da prisión, a salvarnos da asfixia, a transformar unha vida plana nunha vida fluída e dinámica, guiada pola curiosidade respecto ao espírito e as humanas cousas.

Non esquezamos que, na escala dos seres, só o home realiza actos inútiles. Un mundo sen literatura sería un mundo sen desexos nin ideais nin desacatos, un mundo de autómatas privados do que fai que o ser humano sexa de veras humano: a capacidade de saír de si mesmo e mudarse noutro, noutros, modelados coa arxila dos nosos soños.

Toda arte é completamente inútil. A obra de arte nace por nacer. Non pide que a traian ao mundo, aínda que despois a sociedade se apodere dela; pois a obra de arte pode cumprir ou non unha función social. Se a arte serve para algo, debe servir para ensinarlle á xente que hai actividades que non serven para nada pero que é indispensable que existan.
Habería que preguntarse por que, xusto no momento en que a barbarie colle a dianteira, a ira do fanatismo diríxese non só contra os seres humanos, senón tamén contra as bibliotecas e as obras de arte, contra todas as cousas inútiles e inermes, silenciosas e inofensivas, mais percibidas como un perigo polo simple feito de existiren.

As causas que produciron a decadencia da elocuencia e do saber (das artes) foi a ansia de riquezas, que leva á humanidade á escravitude. O amor polo diñeiro é unha doenza que empequenece o ánimo. Por iso dicía Italo Calvino que o inferno dos vivos non é algo por vir; se hai un, é o que está xa aquí, o inferno que habitamos todos os días, que formamos estando todos xuntos. Hai dous xeitos para non sufrilo: ou ben aceptar o inferno e volverse parte del ata o punto de non velo xa; ou ben buscar e saber recoñecer quen e que cousa, no medio do inferno, non é inferno, e facela durar, facerlle sitio.

En consecuencia, a única posibilidade de conquistar e defender a nosa dignidade de homes e mulleres ofrécennola precisamente a cultura e unha educación libre.



Save

18/09/17

Que é a auga?

Este ano prometinme iniciar todos os cursos do mesmo xeito. Reproducindo unha anécdota que Nuccio Ordine conta que contaba un dos gurús dos 90, David Foster Wallace nun prestixioso College dos EEUU.
Dous peixes novos van nadando pola Mar Océana. Atópanse cun peixe máis vello que vai en sentido contrario: Que tal, mozos? Está boa a auga?. Os dous peixes novos responden ao saúdo e seguen nadando até que un deles pregunta: E que coño é a auga?
O meu propósito é o mesmo: chamar a atención sobre o feito de que na vida as realidades máis obvias e elementais son a miúdo as máis difíciles de percibir e as máis complexas de explicar.  Igual que os dous peixes máis novos, nós tampouco nos decatamos de que é verdadeiramente a auga en que vivimos (a sociedade, o capitalismo, o machismo, a familia, a política, a democracia... a lingua). Non temos conciencia real das ideas de democracia, de liberdade, de xustiza, de laicidade, de igualdade, de crítica, de tolerancia, de solidariedade e de ben común. Non somos conscientes de que é ser muller nunha sociedade machista ou de que é ser galego-falante nunha sociedade embebida polas linguas hexemónicas.
Acostumamos perder de vista todo o esencial, que por estar en todas partes acaba volvéndose transparente, deixamos de percibilo. Os que habitamos en Compostela temos que lembrarnos, cada vez que pasamos pola praza do Obradoiro, "isto é a Catedral de Santiago".
Esquecemos que a verdadeira liberdade require atención, sermos conscientes dela, e un sacrificio cotián para non perdela, para que non se volva transparente. De non facelo, volvémonos inconscientes, convertémonos nas ovellas do rabaño ou nas ratas do sumidoiro.

Pink Floyd retratan no seu álbum The wall un individuo illado por un valado de ladrillos metafóricos (os propios traumas do antiheroe). Se Pink non é consciente dos ladrillos non poderá "tronzar ese valo"; se deixa de bater neles cada día, para abrandalos, nunca os derrubará.
Pero para poder derrubar os tixolos precisamos dos valores que implica a educación, non como instrución, non como acumulación de coñecemento, si como curiosidade, como atención á realidade, como observación, como análise, como interpretación de todo o que nos rodea e habitualmente permanece oculto á nosa vista porque as árbores, non nos deixan ver o bosque.

PARA OÍR E PARA VER: