27/10/16

Un rebelde nun mundo recatado (Por Laura Rubio)



  Era un simple rianxeiro cunha chea de soños no peto, tan só dezasete aniños tiña a primeira vez que enviou os seus textos a un xornal, de seguido chegaría o seu nacionalismo exacerbado e radical, un Manuel Antonio rebelde, que non estaba de acordo cos seus coetáneos da Xeración Nós nin ca súa familia. Rexeitaba o conservadorismo, e o galeguismo corría polas súas veas. Hoxe a súa casa abre as súas portas para mostrar unha vida chea de aventuras, tres andares que contan a historia dun célebre home nado na nosa vila, que marcou toda unha época.


  Rebelde, radical e individualista; con estes tres termos pódese describir a personalidade de Manuel Antonio. É nos anos nos que comeza a súa formación cursando bacharelato na capital compostelá, cando comezan a aparecer as súas preocupacións políticas. Ao longo da súa vida defendeu as súas crenzas e loitou contra as inxustizas, ata tal punto de querer pasar a Francia ilegalmente despois de que o cónsul lle negara a admisión á Lexión Estranxeira do Exército Francés, ou mesmo querer participar na Revolución Rusa.

   
    Nun contexto coma o de principio de século, non moi diferente ao noso actual, no que a política era dun fato de caciques que só abusaban dos nosos labregos, defendía e así o reflicteu nas súas obras a súa oposición á política caciquil. Ademáis defendeu a lingua galega coma ninguén, cerca de outros grandes coma Castelao, Risco ou Otero Pedrayo. Ben se pode ver como as estrelas galeguistas enchen os seus textos que máis que un simple símbolo converteuse nunha identificación para el.

  
 El non entendía de bilingüismo, só quería facer de Galicia unha sociedade monolingüe, facer do idioma galego o que se merecía e merece, por iso formou parte das Hirmandades de Amigos da Fala Galega, e tamén asistiu á segunda Asamblea Nacionalista en Vigo, aínda que despois se foi afastando pouco a pouco dela até considerarse coma un estraño.

   
  Despois chegou Máis ala!..., e polo tanto, De Catro a Catro, a cal se pode considerar como a súa obra maestra, porque sen ela case seguro non coñeceriamos o vangardismo e polo tanto o creacionismo non chegaría a Galicia, sen ela ao mellor non se lle daría tanta importancia á figura de Manuel, sen ela, sen a súa ideoloxía e sen a súa defensa pola nosa lingua, o seu non sería un caso illado e extraordinario na nosa historia, na nosa literatura, a literatura galega.

  

Ningún comentario:

Publicar un comentario