A
día de hoxe, comezado o curso 2016-2017 e sen ningunha pista sobre o
que agarda en xuño aos estudantes de segundo de Bacharelato, os
rapaces e rapazas da xeración do 99 séntense desprotexidos ante
unha lei que tenta rematar coa liberdade educativa e crear un futuro
elitistaAno
tras ano, partido tras partido, as leis educativas van cambiando,
pero non evolucionando. Dende os anos 80 coa LOECE, primeira lei tras
a restauración democrática, pasando pola LOE imposta polo PSOE no
ano 2006 e rematando pola actual, a rexeitada LOMCE, imposta polo
Partido Popular durante o seu último mandato, obsérvase que estas
antes de ser aprobadas, xa prometen ser derrogadas en canto o poder
cambie de man. A LOMCE ou ''Lei Orgánica para a Mellora da Calidade
Educativa'' foi aprobada o Xoves, 28 de novembro de 2013 con 182
deputados a favor (debido a maioría absoluta que posuía o PP nese
momento), 143 en contra e 2 abstencións. Con estes resultados o
anteriormente dito confírmase.
Os
altos cargos, gobernantes e ministros que en cada mandato están
sentados en grandes e cómodos asentos, crean leis segundo o seu
parecer e ideoloxía, recorrendo o mínimo posible ao persoal
docente, facendo que en cada lexislatura unha nova lei educativa
ocupe o posto da anterior. Deste xeito créase unha inestabilidade que
remata converténdose en algo habitual dun pobo cada vez máis
reprimido.
Os
partidos políticos orixinados para favorecer ao pobo e loitar polo
seu benestar e dereitos, negan isto último e miran unicamente polo
seu pelexo, buscan con ansia ser os máis votados para ter o poder,
só polo seu propio ben. Existen ministerios que non deberían depender da opción política que ocupe o goberno, tales como a educación, a sanidade e a maltratada xustiza.
Na
actualidade a situación educativa española é pésima, xa que ocupa
os últimos postos no informe PISA, o cal se basea na análise do
rendemento de estudantes a partir duns exames que se realizan cada
tres anos en varios países coa fin de determinar a valoración
internacional do estudantado. Os ministros aférranse á idea de
culpabilizar ao corpo docente e ao alumnado, argumentando que estes non se
esforzan, nin traballan o suficiente.
Ás
veces o máis sinxelo é o máis complexo de entender. A educación
atópase en cada ámbito no cal un vive e se relaciona. Na vida non
só se aprende por repeticións, facendo tarefas e estudando horas e
horas os mesmos conceptos, teorías e teoremas os cales nun ínfimo
período de tempo serán olvidados. Existen métodos alternativos para
o ensino: un bo filme é educación, unha conversa coa avoa sobre as
súas vivenzas é educación, escoitar é educación, ir a mercar á
tenda e ver como subiu o IVE é educación. Isto fai que a poboación
se pregunte por que os mandatarios pechan os ollos ante isto e se
negan a ver a realidade, chegando a asociar educación
con memorización. Hérdase desta obsoleta metodoloxía un futuro
progresista? A resposta é non.
Finlandia,
país que na actualidade se atopa no cume mundial da educación é o
modelo que se debería empregar como punto de partida e referencia
para a creación dun novo sistema educativo español. Pola contra as
leis tenden a alonxarnos cada vez máis deste. No país nórdico a
palabra deberes non existe, o tempo libre é unha necesidade, así
como as actividades extraescolares fundamentais e a literatura e a
música, imprescindibles. Por outra banda en España o modelo
arbitrario ao que os alumnos e alumnas están sometidos tende a introducir na
súa mente conceptos inútiles que esta rexeita debido a saturación
que sofre.
A
LOMCE lei imposta contra a vontade do estudantado e dos docentes, crea
unha fenda insalvable
entre
as denominadas ciencias e letras, pretendendo crear autómatas
ignorantes. Filosofía, materia fundamental que ensina a pensar
por un mesmo, á creación dunha opinión propia, materia que nos
explica que todas as opinións son discutibles pero non respectables,
desaparece silenciosamente do sistema educativo, xa que todos os
gritos e protestas do sector educativo caen no baleiro e no baleiro
non existe o son. A filosofía, fonte de saber, de cultura, nexo de
unión entre ciencias e letras, correntes actualmente tan opostas e
que na súa orixe eran a mesma, foi practicamente borrada dos plans educativos.
O
galego temeroso do seu futuro berra e pide axuda pero este é
silenciado cando a lingua hexemónica gaña poder. Durante este
período, onde equipos de normalización tentan non ser esmagados
pola pedagoxía do opresor, a LOMCE discrimina esta fermosa lingua asignándoa ás materias consideradas pola sociedade carentes de
importancia,as humanísticas.
Que
esperar dun sistema educativo como o actual, mais alá dun aumento do
fracaso escolar , o elitismo e a formación de mentes sinxelas e
cuadriculadas? Non se pode esperar nada.
Ningún comentario:
Publicar un comentario