Creo que con este lema chegaría para resumir que é para min a auga da que falaba Nuccio Ordine. Vivindo en Rianxo, hai cousas que damos por sentadas, que nos pasan desapercibidas ou que ignoramos, como ignoran os peixiños da anécdota que é a auga. Pero resulta que o habitual neste pobo no resto de Galiza e en España é máis ben un oasis.
Sempre dicimos que Rianxo é diferente, que é do melloriño que hai no mundo, pero non o acabamos de tomar en serio. Este último verán tiven a sorte de poder viaxar. E a viaxe cambiou bastante a miña percepción sobre o meu día a día (case completamente). Coincidín en Derry, Irlanda, con outros moitos estudantes de Galiza (e tamén de España). E falando con eles, deime de conta da miña fortuna.
Aquí é normal o galego, e non nos percatamos de canto. Cando, de corenta galegos que había na viaxe a Derry, tan só unha decena falaba sempre galego (o resto falaba un castelán tirando a artificial ou eran usuarios habituais do bilingüismo harmónico, como é xa costume), decateime de que a porcentaxe de falantes que hai en Rianxo é un privilexio (e iso que esa porcentaxe sufriu en 15 anos unha diminución para min alarmante). Unha compañeira de viaxe incluso me comentaba que ela quería falalo máis a miúdo, pero que era complicado se non lle respondían en galego ou mesmo se rían cando o intentaba. Falar en galego sen trabas é algo que en Rianxo é normal, que non valoramos malia ser unha odisea no escenario actual da Galiza.
Con respecto á ideoloxía era de esperar non coincidir con case ninguén da viaxe, vendo os resultados das últimas eleccións autonómicas galegas; pero aínda que algúns non tiñan moita idea da existencia do galeguismo, a maior parte si que tiñan coñecemento desa corrente. O que me resultou realmente chocante foi unha revelación por parte dunha catalá independentista. En Rianxo o nacionalismo está medianamente estendido (pouco para o que a algúns nos gustaría) basta con ver a cantidade de rianxeiros e rianxeiras que participan habitualmente en manifestacións e concentracións de protesta. Hai un bloque sólido que aparece sistematicamente para facer un pouco de ruído o 17 de maio ou o 25 de xullo, por exemplo. Certo é que non é nin moito menos a maioría do pobo (nese caso o do paraíso do que falamos cando nos referimos á vila da Moreniña case podería tomarse como literal), pero podemos dicir que está normalizado. Ninguén me vai mirar raro se digo "eu son nacionalista". Pois ben, resulta que aquela independentista non sabía da existencia dun movemento nacionalista en Galiza. Un pobo como o catalán, co que compartimos moitas miserias en temas de autodeterminación e orgullo de nación, pasa ás veces por alto a existencia dun movemento análogo no mesmo Estado. O que é normal en Rianxo, fóra nin se coñece.
Culturalmente, o choque cos meus compañeiros e compañeiras de viaxe foi brutal. Sés, unha artista que se se nomea en Rianxo xorden ao instante varias persoas cantando "Tempestades de Sal", era completamente descoñecida para moitos dos galegos da viaxe, ou, con sorte, coñecíana de oídas. En Rianxo, o luns das peñas das Festas da Guadalupe, pódese ver todo o campo da festa cheo de mocidade cantando a unha soa voz "Licor Café" e "Ai Dolores" do grupo Lamatumbá; pero fóra das fronteiras deste oasis mariñeiro a palabra Lamatumbá é chinés. Esa cultura galega da que bebe con normalidade o noso pobo pódese ver en festivais como o Revenidas, ao que puiden asistir este verán e no que coincidín con máis de trinta rianxeiros e rianxeiras (e, polo que me dixeron, non vin a todos os que estaban en Vilaxoán) coreando a grupos como Terbutalina, La Pegatina, Leo i Arremecághona, Auxili ou Txarango e, para que mentir, sendo a alma da festa. Invito a calquera a probar fóra de Rianxo a falar deses artistas, por saber cantos os coñecen.
É certo que hai xente non rianxeira que responde á descrición que acabo de facer, pero non creo que noutros lugares haxa un número tan importante como en Rianxo. Non fai falta máis que saír de nite, un xoves, en Santiago de Compostela. Moitos coñecidos afirman que nos históricos pubs Avante ou Tarasca calquera pode atopar medio pobo de Rianxo bailando e disfrutando con música "decente" (Ska-P, Bruce Springsteen, Sés, Los Suaves...) e non coas machistas, simplonas e denigrantes letras de "Despacito" de Luis Fonsi ou "Súbeme la radio" de Enrique Iglesias, entre outras aberracións.
Creo que queda claro que Rianxo é distinto. E iso non o podemos pasar por alto. Non debería ser a nosa auga, porque na auga estancada aparece fango. Cando a desigualdade e a inxustiza son a auga, estamos destinados á represión e á opresión; cando as liberdades e os dereitos que posuímos son a auga, estamos destinados a perdelos. Se non somos conscientes da auga, daquilo que é normal en Rianxo, pero non o é no resto do país, tamén podemos perdelo. Temos que estar orgullosos do noso, ser conscientes da nosa realidade, para estendela e evitar que desaparezan todas as razóns polas que Rianxo é o paraíso.
Ningún comentario:
Publicar un comentario