17/01/25

É o galego unha lingua normalizada nos medios de comunicación? (por Julián Martínez Suárez)

 


O ser humano é o único ser que tropeza dúas veces coa mesma pedra, que non toma conciencia dos seus erros. No ano 1886 o xornal “El Heraldo Gallego” reclamou a necesidade de ter máis prensa en galego, para normalizar a súa situación. Un século despois, no 1983 apróbase a Lei de Normalización Lingüística, co fin de mellorar a situación do galego en sociedade. Cincuenta anos despois os avances foron escasos.

Como é ben coñecido, a travesía do galego ao longo dos séculos tivo momentos de esplendor, pero na súa foron treboentos, cunha gran represión exercida contra o idioma e os seus falantes. Pois ben, coa Constitución do ano 1978 protexeuse e defendeuse o emprego do galego despois da ditadura, o cal foi aínda máis fortalecido co Estatuto de Autonomía do 1981 ao ser declarado lingua propia. Críase que con isto acabaríanse os problemas do pasado, como os prexuízos e a diglosia, mais seguen pasando. Nisto xogan un papel clave os medios de comunicación, e os que están escritos en galego xogan en segunda (ou terceira) división.

Chomsky deu unha definición ideal sobre a función dos medios de comunicación. Esta é transmitir mensaxes á sociedade, incluíndo códigos e valores de comportamento (estereotipos) co fin de crear unha sociedade ideoloxicamente idéntica, a cal é máis sinxela de controlar. Cabe destacar que o xornalismo, o labor comunicativo en xeral nunca pode ser obxectivo, depende da ideoloxía de quen informa e de quen lles paga, o cal pode causar a fabricación ou a ocultación de verdades e interpretacións vantaxistas de estatísticas.

Pois ben, como a situación do galego históricamente foi inferior ao castelán, os medios contribuíron a alimentar os prexuízos e consolidar a inferioridade do galego. O máis problemático disto foi a incapacidade de resposta por parte de Galicia, pois a súa voz non era escoitada. A difusión destas ideas evolucionou cos avances das tecnoloxías: os xornais, a radio, a televisión e hoxe en día as redes sociais, o cal facilitou este suceso. Estas van dirixidas maioritariamente aos máis novos, sinxelos de manipular. Vese que a estratexia ten éxito, pois é este grupo de idade o que abandona o galego máis habitualmente, por culpa da revolución que causou Internet. Nunha estatística do IGE deste ano revelouse que só o 3% dos galegofalantes enquisados navegan maioritariamente en galego, mentres o 70% cambia de idioma nas redes.

Outro feito asociado é a falta de presenza do galego nos medios de comunicación. Os xornais máis recoñecidos do noso territorio, La Voz de Galicia e o Faro de Vigo, son en castelán. Só hai un xornal que publica diariamente en galego: Nós Diario. No ámbito da televisión e a radio destaca a CRTVG, pero é pública, pagada polo pobo. A falta de iniciativa privada tamén é algo negativo. O idioma propio de Galicia non capta a atención de capitais foráneos, o cal leva a reflexionar sobre se as accións políticas levadas a cabo son as correctas. Na sociedade capitalista que domina o mundo occidental o diñeiro é imprescindíbel. Esa é unha das causas que fai que o galego non goce de prensa de seu. Hai medios (máis de 140) mais a falta de investimentos réstalles visibilidade. Cabe recordar novamente o suceso denunciado por “El Heraldo Gallego” no 1876. Palabras que novamente caen no esquecemento.

Con todo isto vese que se precisan medios de comunicación en galego, xa que contribúen á normalización lingüística e acabar coa diglosia. Cómpre tomar medidas dende as institucións de poder para dar visibilidade á lingua e demostrar que é válida para todo tipo de ámbitos.

A voz de Galicia non é en castelán, é en galego.

Ningún comentario:

Publicar un comentario