Memorias dun morto (por Yaiza Otero Figueira)
31/10/2016
Todos os
anos por estas datas gústame baixar ó mundo dos vivos, en concreto á miña
queridísima vila, Rianxo. Que fermoso poder volver ó fogar, pasear pola beira
do mar, mirar os barcos, as gaivotas, as postas de sol, a miña vila mariñeira, as
miñas orixes. O que máis me gusta sen dúbida algunha é ver como cosen as redes,
tráeme tantos recordos…
Aparentemente
todo está cambiado, case nada segue no seu lugar, eu entendo que haxa que
adaptarse ós tempos modernos pero cando quixeron botar abaixo as casas do
porto, as famosas casas remo, rompéuseme o corazón en anacos. Non hai dereito!
Non hai por que tirar con todo o vello, o novo non sempre é mellor. Estou
seguro de que un edificio moderno rompería todo o encanto da praza da Manuela.
Pero o que máis doe sen dúbida algunha é ver como a xente se esqueceu do seu
pasado. Todos os anos o colexio, o Castelao, fai visitas por Rianxo para
ensinarlle ós raparigos a vila, para que coñezan onde viven, a historia deste
fermoso lugar. Os nenos quedan abraiados, como se fose un conto de fadas que o
inventan os profesores para darlle máis caché
ó asunto.
Vexo a sociedade,
o mundo actual, todo semella tan distinto…pero se observas ben podes ver que
hai cousas que nunca cambian. Ás veces son cousas positivas, como a emoción coa
que os rianxeiros e rianxeiras seguen a vivir a Guadalupe, o fermoso que se pon
o Campo coas vengalas cantando todos a nosa querida Rianxeira. Guadalupe, que
bonita me es!
Mais tamén
hai cousas negativas, como a miseria, a emigración, o total abandono do pobo
por parte dos poderosos que só saben mirar polo seu e aproveitarse da xente pobre
que traballa nada máis que para que eles poidan ter canto queiran mentres
deixan morrer de fame á poboación. Que pena, sempre pensei que isto cambiaría,
que era posíbel unha revolución. Mais, como vai haber revolución se os xoves
non se revolucionan?
Oídeme
mozos, o futuro é voso, tomades as rúas, rompede as normas, reveládevos! Non
deixedes que vos digan o que debedes facer, non fagades caso cando se vos diga
que “isto é unha inxustiza pero ten que ser así porque leva sendo así toda a
vida” iso non é un argumento válido. Non sigades á multitude. Mulleres, non
deixedes que vos fagan sentir menos ca ningún home, non fagades que a loita que
fixeron as compañeiras que agora descansan en paz sexa inútil. Non abandonedes
a nosa lingua, non deixedes o galego de lado, nunca. Defendede o que é voso!
Non deixedes que volo quiten. GALIzA EN PÉ!
Sei que os
hai, sei que aínda queda xente así.
Todos os
anos por estas datas gústame baixar a Rianxo porque entre toda a multitude sempre
atopo a algún rianxeiro ou rianxeira co espírito rebelde e vangardista que tiña
eu de mozo. Sempre hai alguén que ten uns ideais e que está disposto a loitar
por eles. Faime rescatar retrincos da miña memoria, como loitei polos meus
ideais, o meu pacto de sangue cos meus compañeiros. Sempre me saca un sorriso
baixar no Samaín. Oxalá os vivos puidésedes vernos, non son eu só o que baixa,
baixamos todos, reunímonos no cemiterio e contamos as nosas fazañas de cando
vivíamos, lembramos, pasámolo ben. A lingua e a literatura segue viva en nós
aínda que esteamos mortos.
Sigo pintando estreliñas no ceo.
Att: M.A
Ningún comentario:
Publicar un comentario