05/11/16

Que é a literatura? (Por Tania Pose)

      A Real Academia Galega define o termo "literatura" como a arte que utiliza a palabra escrita ou oral como medio de expresión. Hai persoas que consideran que as obras artísticas non teñen ningún tipo de finalidade, ou non deben tela, de aí a frase latina "ars gratia artis", que se convertiu no lema, por exemplo, do parnasianismo, un movemento literario francés da segunda metade do século XIX, e que quere dicir "a arte pola arte", isto é, sen un obxectivo fóra de si mesma. Outras opinan que ademais da estética é importante que teña unha función social, a cal contribúe ó desenvolvemento da sociedade.



      Polo que a min respecta, ambas opinións son totalmente válidas, sempre e cando se estea a falar sobre a literatura escrita nunha lingua totalmente normalizada, como sería o caso, por exemplo, do castelán, do inglés ou do chinés. Nestes idiomas, e como en calquera outro, un pode evadirse todo o que queira sen buscar máis aló do pracer que produce un bo libro, mais ler unha obra literaria escrita nunha lingua minorizada, como sería o galego, é ben distinto, posto que por moito que o autor ou autora quixese seguir ó pé da letra o "ars gratia artis", ler na lingua propia do pobo galego é contribuír á normalización desta, polo que nunca unha obra escrita na nosa lingua materna debe ser inútil baixo o punto de vista dos que non lle ven utilidade á arte pola arte, pois a súa función se hai algo do que carece é da inutiludade.
       Que é, pois, a literatura en galego? Ademais doutras moitas cousas: Unha forma máis de loitar polo prestixio que lle foi arrebatado ó longo dos séculos á lingua propia de Galiza.

Ningún comentario:

Publicar un comentario