11/03/17

Construíndo muros (por María Domínguez Picón)



Dende o inicio dos tempos existiron os muros, os seres humanos amontoaban pedras para protexerse dos animais salvaxes, creando así as paredes das súas primeiras casas, logo comezaron a cercar áreas mais extensas para protexerse ó mesmo tempo doutros seres humanos, nacendo así as primeiras  fortificacións.

          Quizais o primeiro  muro construído polos seres humanos foi a Gran Muralla China, creada no século V a. C, esta  é un claro exemplo do que poden chegar a facer os seres humanos para protexerse. Seguen a esta construción moitas outras como a muralla de Lugo ou a Gran Muralla de Zimbabue, todas elas de carácter defensivo, ata que chegamos á actualidade, grandes muros e murallas construídas para aumentar as desigualdades, o racismo e as mortes.

          O muro de Berlín foi a primeira delas, dividía esta cidade en dous bandos, separou a veciños, amigos, coñecidos, familias... e mesmo os enfrontou, construído por Hitler e destruído anos despois. Na actualidade existen muros que impiden ás persoas emigrar a outros países de xeito ilegal, como é o caso da fronteira de  Melilla ou a  de México, que crea unha separación con EEUU

          Tres días despois da vitoria de Donald Trump en Estados Unidos chegou a orde executiva, firmada por el, autorizando a construción dunha barreira infranqueable de catro metros de altura na fronteira sur, isto trouxo consigo unha gran conmoción mundial, xa que moi pouca xente agardaba que cumprira  as súas promesas electorais, por dúas razóns. A primeira esperábase maior control por parte dos demais órganos executivos, xudiciais e lexislativos. A segunda porque a maioría das promesas electorais quedan no esquezo, tal e como debeu acontecer con esta.

          Na actualidade existen 1.050 quilómetros de muros e vallas construídas que separan a fronteira entre México e EEUU, mais o seu total  conta cuns 3000 quilómetros de lonxitude. A distancia restante tal e como indicou Trump na súa campaña será pagada polos Mexicanos:'' A barreira será financiada inicialmente por Estados Unidos, logo México reembolsará o 100% do custo'', '' Haberá un pago, que sucederá dalgunha forma, quizais dunha forma complicada'', afirmou nunha entrevista realizada pola ABC.

          Isto non é a solución para frear a emigración, xa que o único que se consegue é aumentar o número de vítimas. Na actualidade os inmigrantes deben camiñar dous días polo deserto de Sonora; co futuro muro, ata seis días. Os inmigrantes buscan unha vida mellor e, para iso, diríxense ós puntos débiles da fronteira e atravésana, sabendo as consecuencias que isto lles pode acarrear.

          A futura construción non afecta soamente aos seres humanos senon que tamén  ó medio ambiente, a vida de decenas de especies quedan ameazadas pola presenza do muro, xa que lles impide migrar cara diferentes puntos onde pasar o inverno e o verán. Pero, que esperar dun presidente que nega a existencia do cambio climático e que fai declaracións misóxinas, homofóbicas e machistas.

          As medidas tomadas por diferentes dirixentes de distintas potencias, entre elas Trump, están acabando co mundo tal e como o coñecemos, a inestabilidade política chega, os partidos de ultradereita aséntanse, asemella que camiñamos cara a última gran guerra, última porque non vai quedar ninguén para contala.


A inelixencia (por María Domínguez Picón)



A palabra  intelixencia adoita estar ligada con conceptos relacionados coa memoria e a capacidade cognitiva. A mente é moito máis ampla que estes dous conceptos e é por isto que dende o século pasado moitos científicos se dedicaron a estudar as áreas do cerebro ligadas á nosa mente. Dende os primeiros tempos as emocións son as que marcan a vida do home, polo que primeiro sentimos e despois razoamos ao respecto. É dicir, se nos tiran do pelo, a nosa primeira reacción é  sentir a dor, e posteriormente sabemos que nos tiraron do pelo. Pese a todo o coñecemento que existe sobre a intelixencia emocional, esta nunca tivo a mesma consideración que a conceptual, aínda que cada ano que pasa  vai gañando mais poder.

          Na actualidade a automotivación, temperanza, perseveranza, a capacidade de entusiasmarse e o encanto son características que se buscan nunha persoa intelixente. Os números e as letras son unha pequena parte de todo o que pode abarcar a nosa mente. É sabido por todos que a intelixencia emocional deixa obsoleta a supremacía do coeficiente intelectual. O futuro,  marcado pola tecnoloxía, amósanos que a comprensión de conceptos é unha condición necesaria pero non suficiente para triunfar, quedando esta última anticuada e obsoleta. O éxito non xorde unicamente grazas á memorización dos conceptos, senon que os triunfadores do futuro serán persoas emocionalmente intelixentes. Pese a isto, nos centros, debido ás leis educativas,  o único valorado é a intelixencia conceptual, quedando deste xeito un amplo abano de cualidades sen tratar. É dicir, non estamos educados para observar o que sentimos e, por tanto, non sabemos como actuar ante os nosos propios sentimentos de forma efectiva.

          Se temos unha intelixencia emocional completa e ben desenvolta somos quen de coñecer e recoñecer as nosas propias emocións, un paso moi importante á hora de conseguir controlarnos e desenvolver todo tipo de cualidades. Na actualidade, un deportista, como por exemplo os atletas de 100m, precisan ter unha gran concentración, e moitas veces contan coa axuda de psicólogos que os axudan a aumentar a súa intelixencia emocional. Grazas a esta podemos recoñecer as emocións alleas e  controlar as relacións cos demais ó mesmo tempo.

          É preciso concienciarnos sobre a importancia de todas as intelixencias, e non centrarnos unicamente na conceptual. Deste xeito conseguiremos unha evolución mais rápida e frutífera da sociedade, chegando así a ser verdadeiros humanos e non máquinas que se crean no ensino na actualidade.

         

18 (por Tania Pose)



Dezaoito anos de vida,
de lágrimas,
de sorrisos.
Dezaoito anos de letras,
de libros,
de música.
Dezaoito anos de amor,
de familia,
de el.
Dezaoito anos de forza,
de perdas,
de ganas.
Dezaoito anos de soños,
de presente,
de futuro.
Dezaoito anos de papá e de mamá,
de meus avós,
da miña irmá.
Dezaoito anos de aldea,
de verde e auga,
do meu fermoso xeito de vivir.
Dezaoito anos así,
e agora…
Que difícil será partir!