A
palabra intelixencia adoita estar ligada
con conceptos relacionados coa memoria e a capacidade cognitiva. A mente é
moito máis ampla que estes dous conceptos e é por isto que dende o século
pasado moitos científicos se dedicaron a estudar as áreas do cerebro ligadas á
nosa mente. Dende os primeiros tempos as emocións son as que marcan a vida do
home, polo que primeiro sentimos e despois razoamos ao respecto. É dicir, se
nos tiran do pelo, a nosa primeira reacción é
sentir a dor, e posteriormente sabemos que nos tiraron do pelo. Pese a
todo o coñecemento que existe sobre a intelixencia emocional, esta nunca tivo a
mesma consideración que a conceptual, aínda que cada ano que pasa vai gañando mais poder.
Na actualidade a automotivación,
temperanza, perseveranza, a capacidade de entusiasmarse e o encanto son
características que se buscan nunha persoa intelixente. Os números e as letras
son unha pequena parte de todo o que pode abarcar a nosa mente. É sabido por
todos que a intelixencia emocional deixa obsoleta a supremacía do coeficiente
intelectual. O futuro, marcado pola
tecnoloxía, amósanos que a comprensión de conceptos é unha condición necesaria
pero non suficiente para triunfar, quedando esta última anticuada e obsoleta. O
éxito non xorde unicamente grazas á memorización dos conceptos, senon que os
triunfadores do futuro serán persoas emocionalmente intelixentes. Pese a isto,
nos centros, debido ás leis educativas,
o único valorado é a intelixencia conceptual, quedando deste xeito un
amplo abano de cualidades sen tratar. É dicir, non estamos educados para
observar o que sentimos e, por tanto, non sabemos como actuar ante os nosos
propios sentimentos de forma efectiva.
Se temos unha intelixencia emocional
completa e ben desenvolta somos quen de coñecer e recoñecer as nosas propias
emocións, un paso moi importante á hora de conseguir controlarnos e desenvolver
todo tipo de cualidades. Na actualidade, un deportista, como por exemplo os
atletas de 100m, precisan ter unha gran concentración, e moitas veces contan
coa axuda de psicólogos que os axudan a aumentar a súa intelixencia emocional.
Grazas a esta podemos recoñecer as emocións alleas e controlar as relacións cos demais ó mesmo
tempo.
É preciso concienciarnos sobre a
importancia de todas as intelixencias, e non centrarnos unicamente na
conceptual. Deste xeito conseguiremos unha evolución mais rápida e frutífera da
sociedade, chegando así a ser verdadeiros humanos e non máquinas que se crean
no ensino na actualidade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario