Fai uns días vin na rede a
noticia de que, tras a chegada de Donald Trump áCasa Blanca o castelán foi retirado da páxina web desta, pois non lle parecía adecuado ao novo presidente que en EE.UU. se
empregase a lingua de Cervantes, entre outras razóns porque podería chegar a substituír o inglés, a pesar de ser unha lingua
minorizada. Inmediatamente veume á cabeza unha situación parella, coas súas diferenzas,
que é a do galego en Galiza. É dicir, en
EEUU a lingua oficial que goza de todos os privilexios é o inglés, pero máis da metade da poboación posúa como lingua nai o castelán. Por outra parte, ó outro lado do océano Atlántico, atopámonos
coa situación do galego, que, a pesar de ser a lingua propia deste territorio, é a lingua minorizada mentres o castelán é a lingua
hexemónica.
Esta
noticia causou gran impacto, non só na sociedade americana, senón tamén na sociedade española, esquecéndonos de que aquí, no territorio español, sucede exactamente o mesmo
coas linguas cooficiais do estado e a súa ausencia da páxina web de Moncloa. Aínda así, como acostuma ser habitual, só criticamos o de fóra sen
prestar atención ó noso.
Se hai varias linguas nun mesmo territorio, todas deberían gozar dos mes. mos
privilexios, polo menos dentro da comunidade onde se fale, pois teñen os mesmos
dereitos. Mesmo sería máis oportuno
fomentar a lingua minorizada para que non acabe desaparecendo, en lugar de encher de privilexios a lingua hexemónica, que
se emprega en todo o estado e non hai risco de que desapareza. Pero existe a crenza de que todo o que chegue de Madrid é mellor que o que temos aquí, cerrándolle
as portas á nosa propia cultura.
Se todos os
países tomasen as medidas que está tomando Trump, creando un territorio totalmente unitario, onde non teña cabida outra raza, outra lingua, outra
cultura que a do propio territorio, o mundo perdería a súa esencia: o multiculturalismo, a diversidade e a sabedoría que dela emana. É dicir, no
mundo só quedaría unha cultura, que nos faría a todos idénticos e nos levaría á perda do que cada quen somos. Tendo en conta que cada quince dias morre unha lingua, pouco nos queda para acabar no pensamento único.
Ante
esa situación, cabe dicir que nada é definitivo, pois está nas mans de cada quen
conseguir a supervivencia de todas as
linguas, se ben para iso non serve só con protestar, senón que hai que empregar a
lingua e defendela sempre por riba de todo. Quedando sentados no sofá mentres enviamos un tweet a favor da nosa lingua, non vamos solucionar nada. Só sendo conscientes do que temos, seremos quen de defendelo e a loita non será en balde.
Ningún comentario:
Publicar un comentario