09/03/17

Vivencias dun lector (por Uxía Rial)



A definición que atopamos no dicionario de lector é a seguinte: ”Que le, para si ou para outros”, para min un lector é moito máis que iso, é unha persoa que adora as páxinas cubertas de palabras que agochan historias apaixonantes, que se mergulla nas oracións en busca de tesouros, procura relatos que provoquen fortes emocións e goza de cada punto, coma ou exclamación dun texto.
Un lector é unha persoa inconformista, un lector quere viaxar por todo o mundo, coñecer seres fantásticos, regresar ao pasado ou mirar no futuro; gusta das insólitas aventuras, de sentir o mesmo que os personaxes, de percorrer cada mar, cada bosque ou cada cidade.
Non hai como emocionarse cun final adecuado, chorar coa morte dun personaxe querido, soltar gargalladas sonoras ante unha cómica situación ou enfadarse porque non se pode alonxar máis do que un desexa. Non debemos esquecer o coñecido “baleiro” que se sente ao remate dun libro, o momento no que se pensa que nada poderá igualar esa historia, de que se terminou, a tristeza que só se pode superar co comezo doutro bo relato.
As estacións inflúen na lectura, na primavera sáese ao xardín, a herba convértese no mellor asento e respírase o aire puro, no verán o libro lévase na mochila da praia e mentres oímos o mar e mentres o sol está presente pásanse as páxinas cubríndoas de crema solar, o outono fai que revisemos os capítulos mentres vemos caer suavemente as follas en tons amarelos e vermellos, o inverno fai que nos cubramos con mantas para protexernos do frío e que mentres o lume está acendido abramos o exemplar cunha calma perfecta.
Todo lector cre que non hai mellor fragancia que a dun libro, sexa novo ou vello sempre superará calquera perfume francés.
Hai persoas que  adoran os marcapáxinas, mercan cada vez que poden algúns deses que posúen cores, os que teñen imáns, os feitos de maneira artesanal ou aqueles froito dun regalo especial,hai xente que dobra o papel sen compaixón, cometendo un terrible delito e imperdoable para algúns, logo hai persoas que empregan calquera obxecto que teñan á man, un papel vello, un comprobante de compra, improvisando cun rotulador para abrir rápido a porta ou collendo obxectos máis grandes que o propio libro.
O mundo do lector é complexo e está cheo de obstáculos, ser que vive centos de historias, respirando o aire de mundos diversos e tocando terras fantásticas, sentindo as historias como propias e coñecendo persoas coas que se identifica, as que odia, as que quere, pero en definitiva, as que sente.

Ningún comentario:

Publicar un comentario