10/03/17

"Sobre a morte de Bieito" (por Tania Pose)

Este é un texto escrito por Rafael Dieste, escritor galego nado en Rianxo, o cal pertence á súa obra “Dos Arquivos do Trasno”, libro de relatos publicado por primeira vez no ano 1926, mais xa fora publicado en solitario. Este libro conta con máis edicións, e en todas elas, “Sobre a morte de Bieito” aparece sempre en primeiro lugar.
O relato comeza in media res, polo que non conta cunha presentación, so cun nó e cun final aberto.
Trata a historia dun mozo ó que lle morreu un amigo (Bieito), e mentres leva o seu cadaleito de cara ó camposanto parécelle sentir dentro deste un movemento, mais non di nada por vergoña ó que poidan penser del. Non é quen de aguantar os remorsos porque, quizais, deixou que enterrasen vivo a Bieito, polo que decide volver ó camposanto e desenterralo, mais sente unhas pisadas e marcha, de novo por vergoña.
O tema é, pois, o sentimento de culpa, dúbida e inseguridade do narrador-protagonista.
Os feitos están contados en primeira persoa, por un narrador que ten unha percepción totalmente trastornada da realidade, e que se dirixe ó lector de maneira angustiada, pedindo aceptación e comprensión, mais este está deshumanizado, non sentimos empatía por el e nin tan sequera coñecemos o seu nome. O seu sentimento de culpa fai que o que narra sexa un mundo completamente creado no seu maxín.
Non se sabe nada do espazo, posto que non é descrito, só sabemos que a historia ocorre, seguramente, nunha aldea galega. Xeralmente, os escenarios de fóra de Galiza eran os únicos que aparecían con nome. Tamén se descoñece a época na que está ambientada, mais ben podía ser na dos anos que viviu o autor. Xa que logo, sabemos que alterna o pasado e o presente, pois mentres o narrador conta o sucedido (pasado), fai comentarios buscando tanto a aprobación do lector de cara ó que fixo como a súa mesma (presente), e tamén cabe destacar a aparición de diálogos (en ambos os dous tempos), tanto o que el inventa reproducindo os comentarios da xente de terse decatado do que fixo, coma o que aconteceu de verdade, ó preguntarlle ós demais portadores do cadaleito que pasaría se Bieito fora vivo.
A historia baséase nun terror propio da cultura galega, “o medo a ser enterrado vivo”. Así pois, Rafael Dieste escribe este texto en busca da dinamización desta cultura e procurando levar a Galiza a recunchos onde nunca antes estivera, aportando así o seu gran de area no labor dun pobo con lingua universal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario