14/03/17

Sobre a morte de Bieiro (Por Laura Rubio)


O texto a comentar titúlase Sobre a morte de Bieito, trátase polo tanto dun dos 20 contos que forman a obra Dos arquivos do trasno, do escritor rianxeiro Rafael Dieste. O primeiro ano de publicación foi no ano 1926 cun total de oito contos, e máis tarde nos anos sesenta engade 12 máis. Dieste publica este relato por primeira vez de maneira independente no ano 1923 cun subtítulo; nos anos sesenta cámbialle o título ao relato e nos setenta volve publicalo co mesmo.

Rafael%2BDieste.jpg  Rafael Dieste foi un escritor moi prolífico, posto que destacou tanto en teatro coma en prosa e escribiu en galego e en castelán; ademais foi partícipe de varios movementos literarios que se desenvolveron en Galicia, as vangardas e a xeración do 25, e foi un dos primeiros autores que intentou facer unha renovación e modernización da literatura galega. Entre as súas obras pódense destacar Dos arquivos do trasno (obra á que pertence o texto a analizar) e A fiestra valdeira. Este relato, como xa se citou con anterioridade, foi publicado no ano 1923, polo que dentro da literatura galega enmárcase no primeiro terzo do século XX. Durante este período aparecen en Galicia unha serie de movementos culturais e políticos en defensa da lingua galega: os agrarismos, nacen no ano 1907 e teñen un carácter anticaciquil, pois pretendían abolir o sistema foral sendo a lingua nun primeiro momento algo secundario; as Irmandades da Fala nacen no 1916 da man de Vilar Ponte, o que pretendían era recuperar tódolos ámbitos de uso da lingua galega e a súa oficialidade entre outras cousas; o SEG nace no ano 1923, e finalmente no ano 1931 aparece o Grupo Nós, formado polo cenáculo ourensán (Otero Pedrayo, Vilar Ponte, Cuevillas…) e tamén por Castelao, querían poñer a cultura galega á mesma altura de tódalas demais europeas e modernizar tódolos xéneros literarios sobre todo a narrativa entre outros obxectivos. Ademais, é Castelao o que crea o Estatuto de Autonomía no ano 1936. En canto á literatura a parte do Grupo Nós que é a xeración máis representativa da época, aparecen as Vangardas con Manuel Antonio das que tamén forma parte este autor e os novecentistas tamén chamados xeración do 25, á que pertence Dieste, Bouza Brey ou Pimentel entre outros.

 O texto segue unha estrutura clásica de presentación, nó e desenlace, así nas catro primeiras liñas preséntasenos o espazo no que ocorren os feitos, no camposanto, e a acción, o protagonista leva xunto con dúas persoas máis un cadaleito para ser soterrado. É aquí cando aparece a cuestión en torno á que xira toda a historia que é se realmente escoitou ruídos que proviñan do interior da caixa. A partir daquí desenvólvese o nó, e finalmente o desenlace que se correspónde co último parágrafo, no que o protagonista volve ao camposanto para descubrir a verdade, pero marcha finalmente ao oír ruído de xente por temor a que o descubran.
01_sobre_morte_bieito.pngAínda que nun primeiro momento este final nos pode levar a pensar que estamos ante un final aberto, coa frase final “a lúa era chea i os cans latricaban lonxe”, anúnciasenos o desenlace pois a lúa nas culturas orientais era o lugar a onde van os mortos, e co elemento popular do latricar dos cans confírmasenos que o Bieito sí estaba morto, pois os cans ventan e acompáñano.

 O asunto do texto é a crise existencial. En canto ao tema pois, sería ese problema existencial que é provocado pola morte que aborda ao protagonista, o terror psicolóxico que isto provoca e o seu sentimento de culpabilidade, que se ve no texto en elementos coma que marche pola noite do camposanto coa solapa subida.

 O relato xira todo o tempo en torno a se realmente o protagonista escoita ruídos que proveñen do interior da caixa onde vai Bieito ou se é todo froito da súa imaxinación, é isto mesmo o que o leva a volver de noite ao camposanto para saber se o Bieito ía morto ou non cando el comezou a pensar todo iso, aparecendo así o problema existencial.
En canto ao argumento, no conto relátasenos como o protagonista acode ao enterro de Bieito, onde lle parece escoitar ruídos dentro da caixa pero non se atreve a dicilo en alto por se non é certo e quedar mal diante da xente; porén como non lle queda claro volve de noite ao cemiterio onde volve ter a sensación de escoitar ruído pero como oe pasos e xente falar escapa.

 Hai un personaxe principal que é o que conta toda a historia. Este é o protagonista, do cal non se aporta ningunha información máis alá de todo o que ocorre no seu maxín e ese problema existencial do temor a ser enterrado vivo que é propio da cultura galega. Ademais o protagonista non só se pon na súa perspectiva senón na de todos os demais que están no enterro, aparecendo así o desdobramento do personaxe. O que podería ser o personaxe secundario sería Bieito aínda que só é o pretexto para que a historia se desenvolva. En canto á perspectiva narrativa, o narrador é en primeira persoa neste caso é un narrador protagonista pois todo o que sabemos, sabémolo a través del.

  O tempo externo non está definido no texto pero pódese situar nos anos no que foi publicado, e mesmo é unha historia que se podería trasladar á actualidade, e o tempo interno abarcaría un día, dende a mañá ou tarde cando é o enterro até a noite que é cando o protagonista volve ao camposanto a comprobar o acontecido. Por outra parte o espazo sería o camposanto que é onde acontece todo, e tamén a cabeza do protagonista, xa que o que se conta na historia si que sucedeu, pero todo de forma pscicolóxica; o protagonista dubida todo o tempo entre contar o que pensa ou non, porque se o di e non é certo quedará moi mal e se o di e é certo tamén por non avisar a tempo.

 Finalmente, en canto aos trazos característicos do autor que están presentes na narración está a unidade motiva, que se consegue pola obsesión do protagonista e ese final sorprendente e revelador. Tamén se pode destacar que coa primeira liña do texto se anuncia todo o que vai ocorrer no relato.

 Para concluír, cabe dicir que Rafael Dieste é considerado o Poe galego pola súa espectacular narrativa, ademais cultivou tódolos xéneros principais da literatura (agás poesía): teatro, ensaio e narrativa, e a súa minuciosidade está presente en tódolos seus textos. Tamén destacar que as súas obras, coma este relato aínda teñen cabida na sociedade actual, ademais tamén existe unha curtometraxe, de Xudit Casás, baseada no conto.

Ningún comentario:

Publicar un comentario