Para cada
pregunta que se presenta sorprende que só haxa unha resposta posible, aínda que
depende moito en que campo. É obvio, que para unha pregunta matemática sempre
haberá só unha única resposta, como por exemplo “1+1=2” que ninguén o pode
negar, agás en Los Serrano, que aí
son 7. Pero neste caso eu non me refiro a esa clase de preguntas, esas preguntas nas cales a resposta está
concordada por todos e que as temos como verdades universais. Refírome a outras
cuestións que se nos adoitan presentar día a día e que moitas veces rompemo a cabeza sen decatármonos de que a resposta é moito máis doada
do que cremos, posto que cada un ten a súa
propia verdade, o que conleva a súa propia resposta.
Hoxe, catorce de febreiro, día dos namorados, nunha charla con Carlos
Negro caeron todos os nosos esquemas prefabricados,
posto que lanzaba preguntas ás que el daba unha resposta que nós non esperábamos… A última pregunta que nos
formulou foi “Que é a poesía?" Solicitou as opinións que había
entre o público e puidemos escoitar as máis típicas, as que todos
dábamos por válidas até ese momento, como ben
son: “Unha forma para expresar sentimentos”, “Calquera cousa que teña
significado especial para alguén” e así moitas dese estilo. El respondeu que estaba de acordo con todo iso, pero que lle seguía
faltando algo. Para que o tendéramos, o que
fixo foi repartir entre todos tabletas de chocolate pedíndonos que colésemos unha pastilla, e así poder explicárnolo tal e como el o entendía. A resposta
final foi “A poesía é coller unha onza de chocolate, metela na boca e
saboreala, o sabor é a verdadeira poesía”.
Dende o meu punto de vista a poesía
non é só ese sabor que che queda na boca despois de ler
algo, que dunha forma ou outra nos transmite sentimentos, senón que vai
moito máis alá. A poesía pódese atopar en
moitos máis sitios nos que nin sequera hai escrita
unha soa palabra (adxunto imaxe).
Poesía é todo aquilo que,
sen querer, nos transmite algo e, na
maioría dos casos, nos sorprende, posto que nos deixa unha sensación de baleiro ou, pola contra, complétanos totalmente.
Insisto, para cada persoa a poesía
ten o seu propio significado, pero sen dúbida para min, de todas as poesías que
vin, lin e vivín quédome ca sensación de satisfacción ao espertar abrazada á persoa que queres, xa que é xusto nese momento
no que te decatas que á vez que estás completamente completa te sentes tamén incompleta, posto que entendes que aínda queda moito por vivir con esa
persoa, moitas metas ás que chegar. Comprendes
que esa poesía aínda non rematou, que continua na seguinte páxina e en todas as páxinas en branco que están por escribir…
Ningún comentario:
Publicar un comentario