Está na televisión, nos xornais, nas redes sociais... a medida que avanzamos no novo milenio, o sentimento de desvinculación coa realidade na que se vive vai en aumento. A participación activa do cidadán na sociedade relevouse a un segundo plano, no cal o individuo pasa a ser un enclave máis da máquina produtiva.
O diálogo puro, aquel que nos permitía a posibilidade de coñecer e comprender ao outro, esváese nas tebras da superficialidade que cobren a vida moderna. Dialogar cara a cara pasou a ser algo do pasado, algo innecesario. E o suxeito pasou a ser algo codiciado para o poder, porque se eu domino ao suxeito, ese suxeito vai interpretar o mundo e a si mesmo como eu quero. O individuo para o poder é como unha cunca que cómpre encher de contidos, que cómpre entreter. Porque nos van a entreter ata matarnos ou ata aparvarnos, sobre todo con cousas sinxelas de entender, para que non fagamos ningún esforzo, para que esquezamos que sí podemos pensar.
O individuo pasivo enche as rúas. Levando unha vida sen preocupacións porque non quere ser outra cousa que aquilo que queren que sexa. Vivindo unha vida segura e feliz. Estes suxeitos comézanse a modelar apenas nacen, no seo familiar, en mans de papá e mamá, logo no colexio primario, secundario e se queren entrar nalgunha universidade... “que estude o que precise e que se poña a traballar e que siga a boa educación que lle implantaron, fundada en tres frases; iso non se di, iso non se toca, iso non se fai.” A mellor regra é dicir o que todos din, porque non se pode dicir calquera cousa. Non podes ser orixinal, hai cousas que cambian pero outras que non, vivimos nun mundo civilizado, a miña realización acaba onde empeza a do outro. Nunca collas o que non é teu, cada cousa que hai no mundo ten un dono, pertence a alguén, esa delimitación é a fronteira entre o posible e o imposible.
Onde quedou o sentimento de pertenza a este mundo? Cando nos convertemos en personaxes de cartón vivindo en cidades de papel?
“Un home é aquilo que fai co que fixeron de el” Esta frase de Jean Paul Sartre, culmina como a cuestión final dese proceso de educación, con iso que te inculcaron tes que facer algo distinto, tes que facerte a ti mismo ao longo da túa existencia. Entón iso é a liberdade, a cal implica decidir a partir dun mesmo e sen que sexa condicionado por ningún estamento de poder. Porque o suxeito ten conciencia sobre si, pode pensar en si.. Esta situación de autocoñecerse existindo no mundo, de ir elixíndote a ti mismo a través da túa existencia e dos teus actos, é o que o poder quere dominar. O home é historia, o home fai historia e a historia faino a el, xa que cando chegamos ao mundo a historia xa está feita e é esa historia a que nos fai, a linguaxe xa está feita, e non dominamos unha lingua, a lingua domínanos a nós.
Entón, o poder debe coñecer ben aos suxeitos, isto estudouno esplendidamente Michel Foucault cando di; “as ciencias humanas non estudan aos homes para coñecelos e axudalos, senón que o fan para dominalos”. Poderíamos falar dunha natureza humana porque hai un elemento fundamental na nosa natureza, as cousas son sempre o que son, pero os homes cambian.. Cambian porque teñen proxectos de futuro, porque miran cara o horizonte, porque queren ser algo distinto ao que agora son. Esa vontade de transformar pode que sexa aquilo que nos salve. O deserto pode albergar en sí a semente da esperanza.
Ningún comentario:
Publicar un comentario