10/03/17

Lenda Galega (Por Laura Rubio)

ricardo-carvalho-calero-axenda.jpgCando falamos de persoas importantes para a historia da lingua e literatura galega sempre pensamos en xente coma Rosalía de Castro, unha das persoas máis importantes para o rexurdir da nosa cultura, ou Castelao, tan importante coas súas obras e co Estatuto de Autonomía; mais non nos lembramos de todas esas persoas que estiveron  tamén aí loitando pola nosa lingua e que quedaron polo camiño ou simplemente foron borradas do panorama cultural galego, falo de persoas coma Ricardo Carvalho Calero. El foi un persoeiro clave na estandarización da nosa lingua, foi o encargado de elaborar as primeiras directrices básicas para a escritura do galego e despois de 27 anos dende a súa morte non se lle foi dada a homenaxe que tal persoa merece.
Carvalho Calero naceu no en 1910 na localidade galega de Ferrol. Foi unha persoa moi formada, pois licenciouse en dereito, filosofía e letras, e máis tarde cando se crea en Santiago a cátedra de lingua e literatura galega, converterase no primeiro profesor desta especialidade. Durante a Guerra Civil encóntrase en Madrid e participa activamente na guerra, como defensor da República, o que lle custou 12 anos de cárcere por separatista, vivencias que rescataría para escribir Scórpio (1987).
carballo_calero.jpg 
 Durante o primeiro terzo do século XX, estivo relacionado co SEG, creado en 1923, participou na creación do Anteproyeito de Estatuto da Galiza e do Partido Galeguista (1931). Tamén ingresa na RAG no ano 1958 e participa con Galaxia no seu proxecto galeguizador. Entre as súas obras máis importantes están a História da Literatura Galega Contemporânea, A xente da Barreira, obra que comeza a narrativa de posguerra, ou a Gramática Elemental del Gallego Común. Pero polo que de verdade destacou foi por ser o gran pai do reintegracionismo.

É moi significativa a marxinación á que estivo sometido nos últimos anos da súa gran vida por defender as súas ideas, por defender que a ortografía da lingua galega debe recuperar a súa esencia sen separarse dos fundamentos históricos, que o galego é un idioma de seu polo que non se pode permitir seguir a norma castelá, e que isto todo ten que ser a vontade do pobo galego, dos cidadáns e cidadás.
Todo isto desgraciadamente só lle serviu para gañarse algunha que outra inimizade entre os intelectuais da época. Así creou unhas normas ortográficas para o ensino e a administración, que eran os ámbitos no que o galego estaba máis danado, porén polo seu carácter reintegrado non chegaron á práctica por culpa da presión isolacionista. Tamén cabe falar do Día das Letras Galegas, pois curiosamente a este personaxe nunca se lle adicou este día, e non é por que non o mereza porque fixo moitas cousas boas pola nosa lingua e literatura e loitou para que hoxe poidamos ter unha norma escrita, aínda que non da forma en que el querería; pero quizais é por isto mesmo polo que o deixaron de lado.

 Para concluír, cabe facer referencia a ese afán por parte dos demais eruditos galegos, non só naquela época senón tamén na actualidade, de borrar a Carvalho Calero do panorama cultural galego, xa que acada tal extremo que é significativo como no ensino nunca se fala del a pesar de ser clave na nosa historia, é moi inxusto que por culpa disto case non se atope ningunha información del na rede, e aínda é máis triste que non se lle concedera a conmemoración que por tanto traballo se merece.

0592167001245242850-unha-pintada-demandando-as-letras-para-carvalho-calero-feita-en-lugo-polo-cs-madia-leva.jpg

Ningún comentario:

Publicar un comentario