Este texto é o poema Deitado Frente ao mar, de Celso Emilio Ferreiro recollido na súa gran obra, Longa Noite de Pedra. Dentro das liñas poéticas que segue a poesía de Celso Emilio, encóntrase na liña de crítica social.
Celso Emilio Ferreiro foi un escritor galego moi relevante para a lírica de posguerra, pois supón o máximo expoñente da poesía social da lingua galega, aínda que tamén cultiva a liña intimista, e satírica. Pertence á Xeración poética do 36, unha serie de autores que xa escriben antes da guerra e que están relacionados co Grupo Nós, porén a obra máis importante de Celso Emilio é Longa Noite de Pedra publicada no ano 1962, e que supón un culto da resistencia franquista galega.
Así, esta obra enmárcase no franquismo, un dos peores períodos da historia para a cultura galega, pois recórdese que o galego fora prohibido, non mediante unha lei máis si mediante o medo que o réxime provocaba na sociedade do momento, e polo tanto a literatura fora silenciada en Galicia, aínda que no exilio os nosos intelectuais fixeron un traballo chave, e non se tivo mostras de cultura en galego até o ano 1947, cando se publica Cómaros Verdes.
Este poema carece de división en estrofas, e o número de sílabas dos versos é irregular; van dende versos de arte maior: alexandrinos, hendecasílabos.., a versos de arte menor, coma o hexasílabo. En canto á rima, o poema carece dela.
Por outra banda, neste texto pódense atopar algunhas figuras literarias tales como a metonimia: “pequenos mequetrefes sin raíces, que ao pór a garabata xa nan saben afirmarse no amor dos devanceiros” coa que simboliza que os galegofalantes ao vestirse ben e adquirir algo de distinción cambian a súa lingua pola castelá. Tamén se podería sinalar a anáfora ao principio do poema da conxunción “porque”.
Seguindo cos trazos do texto, na linguaxe pódese observar a ausencia dunha norma ortográfica no momento (abós, sai, gaña (hipergaleguismo)), e tamén a variedade dialectal do autor, como o uso nun verso do texto da conxunción “i”, característico da zona lucuauriense.
O poema é unha denuncia do problema social que se estaba a dar naquela época, xa que o franquismo foi a época na que máis problemas se xeraron coa lingua. No poema faise referencia á diglosia, termo acuñado polo lingüista Ferguson en 1959, incidindo en que as persoas que falan galego cando se encontran nun contexto culto, coma poñerse un traxe para algo importante, esquecen as súas raíces galegas e pasan a falar na lingua “invasora”, que é o castelán.
Ademais disto incita aos galegos e galegas a que non se avergoñen por falar a súa lingua propia (“falar a fala nai, a fala dos abós que temos mortos, e ser, co rostro erguido, mariñeiros, labregos do lingoaxe”), o que tamén fai referencia a un dos prexuízos máis famosos sobre o galego que se xera nesta mesma época, que a lingua galega á un idioma de paletos que non serve para as cousas importantes, porque para isto hai que empregar a lingua de prestixio que é o castelán.
Cos últimos dous versos pode facer referencia a que a historia de Galicia en vez de contarse, se é que se fai, na súa lingua faise en castelán. Tamén se di no texto, podendo ser o testemuño do propio escritor, posto que tamén noutros poemas desta obra Emilio Ferreiro ofrece os seus pensamentos coma no poema Longa Noite de Pedra, que dá nome ao conxunto da obra, e fala sobre a súa estancia no cárcere; que el fala a lingua porque quere simplemente, e que ningún tipo de réxime o vai facer falar noutra lingua que non sexa a del.
Para finalizar, cabe dicir que este poema aínda ten vixencia na nosa sociedade actual, porque por desgraza a consideración da nosa lingua segue a ser practicamente a mesma, porque os prexuízos non diminuíron e todos os problemas que temos ca lingua veñen dados desta época. Ademais, cabe dicir que Celso Emilio Ferreiro foi polo tanto o que mellor puxo por escrito de maneira lírica a represión franquista que lles tocou vivir coma el a moitos dos nosos intelectuais, e tamén aos nosos antepasados.
Ningún comentario:
Publicar un comentario