No meu día a día atópome con incontables prexuízos, véxoos, escóitoos, dinmos. E non podo calar. Como muller, feminista e monolingüe en galego son unha diana idónea para todo aquel que queira lanzar os seus dardos cargados de prexuízos. Non sei con que finalidade, enfadarme ou tratar de someterme. O simple feito de que eu respire dun xeito ou doutro seguro que molesta a alguén. Se poño saia “vou provocando”. Se me poño pantalóns “son un marimacho”. Se estudo ciencias “non saben que fago estudando iso, é demasiado complicado para unha muller, debería estudar as letras”. Pero se estudo letras “non saben que fago estudando iso, é unha tolería, debería estar en ciencias”. Se me van criticar polo menos que se poñan de acordo.
Pero o problema non remata aquí. O derradeiro problema chega cando a xente cala. Vivimos nunha sociedade que observa e cala. E o calar é sen dúbida o máis terrible. Citando á miña autora favorita, María Reimóndez, “Calar ante o principio de calquera despotismo é o motor de todas as grandes traxedias da humanidade”. Coñezo rapazas que, cando están soas afirman que nunca calan, que contestan sempre, dá igual a quen sexa. Mais logo, acércase un rapaz, solta unha sarda de comentarios machistas e calan, ou din “iso non é así home” e rinse para restarlle importancia, non vaia ser que a eminencia se enfade porque elas teñan capacidade de razoar por si mesmas e contestarlle. Logo veñen as preguntas, “pero aínda existe xente así en pleno século XXI?” ou as afirmacións baseadas no descoñecemento, “pero iso xa non pasa agora, só quedan uns poucos muller, pero a sociedade cambiou e avanzou”. Non sei en que sociedade vivirá o resto. Eu vivo nunha que, cando dá un paso adiante, dá tres atrás. Ese tipo de xente nace porque hai ao seu arredor unha sociedade que todo lle consente. Nacen, porque saben que poden dicir e facer o que lles pete, porque a xente observará e calará. Non hai cousa que máis me doia que ver a unha muller nova, con fácil acceso á información, someterse voluntariamente a un home. Mais eu non calo, respondo. Gañándome a súa etiqueta favorita, a de “extremista”. E dinmo cun ton de asco e temor como se fose unha asasina.
Outro dos factores clave desta sociedade “avanzada” e “mellorada” é tachar de terrorista a todo aquel que se atreva a diverxer. Sempre me recomendan que ante algúns comentarios é mellor calar, porque é verdade que hai xente ca que non se pode nin discutir. Porque até para discutir hai que ter argumentos, e discutir con alguén sen ningún argumento razoable pode alterar até ao máis calmado ou calmada. Pero non son capaz. Sei ben que, aínda que eu lle explique que por ser muller non teño que calar ante un home, que por ser de letras non son menos que alguén de ciencias, que por falar galego e estar orgullosa diso non teño porque ser nacionalista nin radical, sei ben que, aínda que lle explique o que lle explique, non vou cambiar a esa persoa. Pero ó mesmo tempo, se calo, déixolle pensar que ten a razón e que pode dicirme o que lle pete porque o vou tomar a ben ou vou calar. Gasto moito tempo e moitos enfados en responder a estes comentarios, pero a cambio recibo, acompañado cunha mirada desas que valen máis que mil palabras, tempo. Recibo tempo sen que esa persoa en concreto volva a amargarme o día. Na maioría dos casos, que sempre hai excepcións.
Non hai nin dúas horas que, falando cun rapaz, saiu o tema do meu itinerario, as letras, e riuse de min porque iso non era para “xente lista” coma el. Non sei o que me pareceu peor, se eses aires de superioridade sen motivo ningún ou que non só se rise do meu itinerario, senón que o cualificase de “mariconada”. Palabra que, por certo, paréceme outro dos miles de prexuízos aceptados socialmente, tanto que chegan a ser invisibles. “Mariconada”, “maricón”,”mariquita”... son o pan de cada día e ninguén se para a pensar o cargadas que están de homofobia esas tres palabras. Pasa algo parecido cos castelanismos no galego. Están tan aceptados que chegamos a escoitar perlas como “o galego normativo invéntano, isto é un cuchillo de toda a vida, iso de coitelo inventárono para alonxarse do castelán” Claro está que xamais escoitei a frase así, para poder reproducila literalmente tería que mudar “alonxarse” por “alexarse” , “iso/isto” por “eso/esto” e “castelán” por “castellano”. Os castelanismos infiltrados no galego, tomados como palabras galegas, do “galego de verdade, non do inventado” son como as palabras con homófobas e denigrantes, como “mariconada”. Xa non sei se a xente non ve ou non quere ver. Ás veces paréceme que cada quen o único que escolle é a cor da venda que pon nos ollos.
En fin, xa sei que atoparei moitísima xente peor durante a miña vida e ca gran maioría non valerá a pena discutir nin sequera contestarlles, pero seguireino facendo, seguirei pronunciándome. Seguirei porque non son quen de calar ante as inxustizas. Non contesto por eles, para que cambien de opinión, contesto por min para non fallarme a min mesma sendo a persoa que non quero ser, a que observa e cala. E coma min hai máis, que defenden, como ben di Sés, en A Paz Esquiva, que os terroristas sexan, como debe ser, os que consideran un gran crime diverxer.
Ningún comentario:
Publicar un comentario