Non cabe dúbida
que o salto acadado dende a aparición do primeiro Homo Sapiens, que tiña como
única fonte de enerxía eléctrica os lóstregos que caían do ceo, ata o home que
hoxe en día coñecemos e que alá por onde vaia dispón de
xigantescas antenas, as cales, a través de numerosos
cables, conducen a electricidade case á velocidade da luz, é moi grande. Pero
en que sentido evolucionamos? É beneficiosa tanta tecnoloxía?
O século XXI que fai pouco acabamos de comezar supón a
entrada dunha nova era tecnolóxica na que evolucionamos máis, en case vinte
anos, que nos últimos douscentos. Os nosos bisavós quedarían case sen alento se
chegasen a presenciar todos os avances tecnolóxicos que actualmente se deron en
tan pouco tempo. Fai uns anos a xente morría de tuberculose e dentro de pouco
será posible atopar unha cura para o cáncer. Os paralíticos algún día poderán
volver a camiñar grazas a un sofisticado mecanismo implantado na columna. O
traballo do mítico detective de gabardina e sombreiro é suplantado por uns
pequenos aparatos aéreos chamados drons. Ata se poderá
viaxar a París sen necesidade de movernos do cuarto con tan só unhas gafas
virtuais. Pero todos sabemos que non é todo ouro o que reloce…
A chegada das
novas tecnoloxías, supón a perda de gran parte de nós mesmos, no sentido en que
xa non miramos o noso reflexo no espello ou mesmo na superficie da auga, senón
que o facemos a través dunha pantalla dixital que nos acompaña as vinte e catro horas do día. Preferimos explorar o mundo a través das
redes sociais, en lugar de saír fóra e coñecer os
misterios que o mundo nos ten gardados, xa sexa observar as estrelas ou vivir
mil aventuras a través dun bo libro. Pero o problema non son o Smartphone, Facebook, Tweetter… senón o uso indebido que nós facemos
deles. Quen dixo que evolucionar fose malo? Non. O malo é coller unha pistola e
non saber como usala. Pensar que somos libres
co noso móbil cando en
realidade estamos sometidos baixo a nova “Inquisición tecnolóxica” que nos ten
alienados cunha finalidade concreta:
alimentar ás masas con “enerxía electroviral”
para deixar o seu pensamento en off
e convertelas en auténticos zombis sen cerebro.
Pero sen dúbida, o avance que máis está revolucionando o mundo ultimamente é a creación de robots feitos a imaxe e escala do ser
humano. E non só iso, senón que chegará un día no que ademais
a ditos androides poderáselles implantar conciencia. Que podería significar isto? A inmortalidade humana sendo
a vida suplantada por máquinas con conciencia... Isto soa máis que futurista,
pero non é certo que xa estamos vivindo no futuro? O feito de darlle “vida” a
un robot, ese reflexo dun” ser” cunhas capacidades moi superiores e ás cales o ser humano xamais poderá acadar (tan só crear…),
mostra asta que punto a ambición
humana supera os seus límites sen pensar nas consecuencias. Se comezamos a
elaborar identidades artificiais, ¿que pasará coa nosa?
Entón preguntarse polo sentido da vida xa non tería sentido. Conseguir a vida
sen a morte non é unha vitoria, é condenar ao
ser humano a deixar de vivir. A vellez
non é unha enfermidade como moitos científicos actuais comezan a afirmar.
Envellecer forma parte ciclo vital da existencia, pero se iso desaparece entón
xa poderíamos comezar a dicirlle adeus á especie
humana e saudar ao novo “Homo avanzado”.
En definitiva,
evolucionar é aquilo que nos permitiu ser quen hoxe somos. Crecer como
sociedade e como persoas, pero o século XXI supón a
entrada nunha involución total. A decadencia do ser humano disfrazada pola marabilla das novas tecnoloxías… As máquinas serán os nosos novos
cerebros, comezarán a pensar por nós (algo que xa de por sí se está
dando…). Stephing Hawking, fai uns meses, confesou os seus cálculos para o
destino da humanidade que, de seguir neste camiño xa de non retorno, serán
entre 200 e 300 anos os que o home tardará en desaparecer do planeta Terra. E
síntoo moito, pero eu créolle...
Ningún comentario:
Publicar un comentario