22/03/20
OS ÚLTIMOS PENSAMENTOS DE EDELMIRO
Eu partín da miña terra, deixando atrás o meu fogar e á miña nai, ca idea de amasar unha boa fortuna nas antigas colonias e voltar xunto á miña nai e darlle unha vida digna no tempo que nos quedara por vivir. Emigrei con todos os cartos que a nosa familia posuía e cando cheguei a México traballei en multitude de oficios.
Primeiro traballei nas obras públicas durante casi nove anos, despois entrei a traballar como peón de almacén durante os seguintes once anos, o que me fixo achegarme ao oficio da hostelería, porén non fun que de triunfar neste sector.
Máis tarde, cumprín como chófer daquelas xentes ricas, quenes falaban de negocios todos os días, polo tanto aprendín algunhas cousas básicas para poderen enriquecerme máis rápido e poder voltar á casa. Así foi como, trece anos despois de empezar a traballar como chófer, aforrei a cantidade suficiente de cartos para mercar unhas terras e dedicarme ao comercio da cana de azúcar, que neste tempo era moi fecundo.
Agora, tras pasaren corenta anos na emigración botando de menos á miña nai e o meu fogar, conseguín amasar unha boa fortuna. Porén, neste difícil percorrido que iniciei a temprana idade dos vinteún anos, cheguei ignorante das enfermidades tropicais ás que me expuña e enfermei gravemente.
Nestes íntres estou escribindo unha carta para a miña nai querida, inevitablemente recostado na cama sentenciado a morte por causa da tuberculose.
Hoxe cúmprense corenta anos dende que emigrei da miña terra, co soño de voltar algún día con cartos, co traxe novo, garavata e o mellor coche que houbera. A pesar de coñecer o meu fatal destino e ser consciente de que non poderei voltar a ver á miña querida nai, son feliz imaxinándome ao seu carón, pensando na miña infancia e os seus atentos coidados.
Espero, miña nai, que poidas vivir ben con estes cartos todos os anos que todavía che quedan de vida. Quérote mamá...
20/03/20
Un berro no silencio
Un berro no silencio
A
Guerra Civil foi un acontecemento que enfrontou a pais, fillos, irmáns e
amigos. Non houbo gañadores, pero si perdedores, e os que escolleron o bando
equivocado, tiveron que enfrontarse á morte, ao exilio, ou cando menos ao
silencio: a calar os seus ideais, a cesar a súa loita, e a ver como o país que
desexaban para os seus descendentes, convertíase nunha utopía.
Nunha
casa “roxa”, descendentes do último alcalde republicano rianxeiro, continua ese
silencio a día de hoxe. Meu avó nunca falou do acontecido durante a guerra. Miña
nai sempre conta que era algo vetado, algo do que non se lle podía preguntar. Pero
el relatoume “Meu pai tivo moita sorte, pois sempre foi moi boa persoa. O seu cuñado
era xeneral dos nacionais en Asturias o
cal nos axudou en todo momento e por iso non tivemos que marchar de Rianxo, a
pesar de que estaba metido de cheo en política”. Non hai un exemplo máis preto
a min do silencio dunha guerra, cando escoito a meus avós repetir día si e día
tamén: “Nunca vos metades na política”.
Nunca
se produciu ese berro, porque lle quitaron a voz. Vivían do que as tías de meu
avó gañaban como mestras, vendo como todos os miraban por riba do ombreiro,
porque eles tiveran sorte, as únicas represalias que tiñan era ver como seus
fillos pasaban fame, sen poder traballar porque levaban na fronte escrita a
palabra “ROXOS”, pero lembremos, unha vez máis que eran afortunados.
Meu
avó era un rapaz “moi comedoriño”, como se di na miña casa, polo que cando
empezou a faltar a comida para el e seus irmáns, acostumaba a irlle pedir
comida aos seus veciños: “Recordo chorar na porta dos veciños do lado, sempre
se apiedaban de min, e dábanme parte da bola de pan. Facíalles graza que un
rapaz gordiño chorara por fame. Meu pai estaba acostumado a baixar a cabeza
pola rúa, e agora facíao tamén ao saír á porta da súa casa, por culpa de seu
fillo que ía rogando comida”.
Na
actualidade, o niño de “roxos” que foi o Bar Nine, quedou impregnado de
silencio. Meu avó puido traballar nel, porque cesaron as represalias (deixáronlle telo aberto) e iso foi máis que
suficiente. É fogar, lugar de risas e lugar de xuntanza, unha pequena taberna
familiar, que esqueceu calquera sufrimento pasado, pois así tiña que ser “e non
te metas nunca en política, porque para que?”.
Camiños de luz e sombra
A etapa de posguerra (1936-1975) vén marcada pola Guerra Civil. A consecuente ditadura reprime tanto a cultura como a lingua e retén á literatura no fondo do caixón. Porén, cando os intelectuais comezan a preparar a bagaxe procuran levar un pouco da súa terra. Vacían o roupeiro ata o fondo e almacenan todo o seu contido na maleta. A literatura, ata entón oculta na escuridade de onde a luz non alcanza, cruza o océano no interior dunha valixa ata chegar a terra firme. A literatura exiliouse. Esa viaxe en barco abriu unha vía de salvación para ela. Sobreviviu en América grazas á actividade cultural. Grazas á publicación de libros, ás representacións teatrais, ás emisións radiofónicas. Co paso dos anos os tempos acougan e a censura amaina. Aqueles portadores de maletas voltan para a súa terra, e coa fundación en 1950 da Editorial Galaxia voltan tamén a publicar. Con eles xorden tres xeracións diferentes: A Xeración do 36, a Promoción de Enlace e os poetas das “Festas Minervais”. Dentro destes últimos, nacidos entre os anos 40 e 50, atópase encadrado Manuel María. A súa produción literaria é das máis ricas e extensas da literatura galega. Podemos dividila en catro etapas. Comeza a súa carreira influenciado pola Escola das Tebras, poesía intimista de enfoque pesimista, que mestura contidos existencialistas e fórmulas surrealistas; saborea a poesía paisaxística e percorre a denuncia, combatindo e afirmándose no nacionalismo, para finalmente chegar ao intimismo.
Camiños de luz e sombra pertence á terceira etapa. O día 11 de novembro de 1959 firmaron Manuel María e Saleta Goi, Os carreiros do soño. Seguidamente puxéronse a escribir Os carreiros da morte, continuación do primeiro. Ambas series de poemas forman unha unidade titulada Camiños de luz e sombra que, ó xuízo dos autores, define o contido do poemario. O resultado das súas dúbidas, medos e temores foi este libro, que foi quedando inédito ata que no ano 2000, en edición privada e para celebrar a inauguración da "Galeria Sargadelos" de Monfone de Lemos, foi feita unha edición de Os carreiros do soño. O propio autor di que quizais os versos envelleceron de máis, pero que gardan parte do desasosego e tremor co que foran escritos hai corenta anos, xa que a problemática existencial e esencial do ser humano non muda doadamente.
O poema presentado é o cuarto do primeiro dos poemarios, Os carreiros do soño . Os seus once primeiros versos alinéanse centrados, dispostos dun xeito dispar, con espazos e figuras distintas. Semella que a forma acompaña ao contido, xa que durante a infancia os versos achátanse e alónganse. Atópanse xogando. Pola contra, os catro últimos versos están xustificados. Semellan un bloque de pedra inamovible. Ese muro de formigón chamado realidade contra o que chocar ao espertar dun soño. Todo isto represéntase a través dunha lingua coidada, sinxeleza expresiva e un versolibrismo, que potencia o estilo narrativo do poema.
O seu destinatario son os adultos, que nalgún tempo foron nenos. A voz que o narra faino dende un ton lírico e emocionado, mais sereno e nostálxico. Levada pola experiencia do pasado percorre cronoloxicamente o camiño da vida. Comeza pola infancia. Un carreiro de soños, un camiño de luz. Pasamos a nosa nenez co corpo neste mundo, pero coa mente noutra patria, a verdadeira. Inconscientes de que existen cousas tales como a morte, ou sen entender que nalgún momento os pais tamén foron fillos e os avós non naceron vellos. Procurando a fantasía nos ríos de día e o medo de noite na cama. Alimentados pola tenrura da nai e protexidos polas súas apertas. Dura moi pouco. A Luz vaise perdendo e impide alumiñar a tebra. Son os anos os que a apagan. O tempo corre para todos. Non somos como Peter Pan. Os cimentos dos versos, afástannos do milagre, chántannos os pés na terra, aínda que nós mesmos saibamos que non temos salvación. Que chegados a ese punto todo está pecho ó noso redor. Perdemos a inocencia dos meniños. E berramos como tolos. E cúspímoslles ás estrelas.
O seu destinatario son os adultos, que nalgún tempo foron nenos. A voz que o narra faino dende un ton lírico e emocionado, mais sereno e nostálxico. Levada pola experiencia do pasado percorre cronoloxicamente o camiño da vida. Comeza pola infancia. Un carreiro de soños, un camiño de luz. Pasamos a nosa nenez co corpo neste mundo, pero coa mente noutra patria, a verdadeira. Inconscientes de que existen cousas tales como a morte, ou sen entender que nalgún momento os pais tamén foron fillos e os avós non naceron vellos. Procurando a fantasía nos ríos de día e o medo de noite na cama. Alimentados pola tenrura da nai e protexidos polas súas apertas. Dura moi pouco. A Luz vaise perdendo e impide alumiñar a tebra. Son os anos os que a apagan. O tempo corre para todos. Non somos como Peter Pan. Os cimentos dos versos, afástannos do milagre, chántannos os pés na terra, aínda que nós mesmos saibamos que non temos salvación. Que chegados a ese punto todo está pecho ó noso redor. Perdemos a inocencia dos meniños. E berramos como tolos. E cúspímoslles ás estrelas.
As mulleres e os homes senten nostalxia da infancia. Manuel María conta verdades nos seus poemas. Verdades sinxelas, pero transcendentes e universais. Figura exemplar da literatura galega da segunda metade do século XX, revélase de xeito singular, non só pola riqueza creativa e temática da súa obra, senón tamén polo compromiso íntimo coa cultura, lingua e pobo.
MAMASUNCIÓN
Ollas para a súa foto día tras día, esperando a que volva, esperando novas del. Pasaron os anos, mucharon as flores e o teu cabelo foi sumando pinzas e perdendo cor. Teciches soa a túa tea, sembraches o teu nabal, vas por leña ó monte e vela arder no lar, onde ferve o pote do caldo que soa has de cear. O teu homiño perdeuse e ninguén sabe onde vai, nin que foi del.
Ti esperas ás anduriñas que pasaron con el as ondas do mar, esperas que voen, voen e veñan e che digan onde está. Esperas que as anduriñas traian unha carta.
Esperas na oficina de correos. Esperas, pero as anduriñas fai corenta anos que marcharon, corenta anos que non voltaron, corenta anos que non traen carta algunha. Semellas a viuva dun vivo, porque non hai nome para nai que queda sen fillo.
O tic tac do reloxo soa igual tódolos días, a agulla cambia de posición cada segundo, un tempo concreto que leva durando o mesmo corenta anos. Miras as agullas, miras a foto do teu neno, e volves a mirar o reloxo. Pensas que estará facendo agora, como lle irá. Corenta anos e a posibilidade de saber del é o único que che dá folgos para erguerte cada día. Ata que a anduriña trae novas. Tantos anos esperando e dalgún xeito queres alongar a espera. Sabes que o feito de abrir esa carta vai a cambialo todo. Por iso decides vivir os últimos momentos aproveitando a esperanza que che queda. Repañando o último sorriso, porque unha vez aberta pode que os teus dentes decidan agocharse para sempre.
O reloxo soa agora doutro xeito. Máis ás présas. Desapareceu ese tic tac continuo e ininterrompido durante corenta anos. Din que o tempo é subxectivo, que a inquedanza acelérao. Non sabes ler, por iso as horas seguen a pasar. Tampouco ela sabe, por iso non che importou que lese a carta en alto, porque o que dicía non era realmente o que había escrito. E ti sabíalo. Ós poucos comezaches a aceptalo. A carta non traía boas novas e tiñas que afrontalo. Camiño da verdade empezaches a ollar doutro xeito. Antes atravesabas os sendeiros mirando cara o frente. Tiñas un obxectivo fixo: a oficina de correos. Agora camiñas máis paseniño, como intentando retrasar o momento. Camiñas consciente do teu redor. Consciente do rapaz que sempre estivo aí, pero que sempre ignoraches. Do rapaz que podía ser teu fillo, pero non é.
El estaba lonxe, nas Américas. Procurando un anaco de pan para comer e un lugar onde durmir a cuberto. Tentando saciar a fame e o frío. Co corpo ó outro lado do charco, pero co pensamento no seu fogar. Co único anhelo de facer fortuna e voltar para a casa traxeado e conducindo o mellor dos coches. Estaba lonxe. E digo estaba, porque xa non está. Nin lonxe, nin preto. A anduriña trouxo riqueza, pero tamén soidade. Veu traxeada, conducindo un bo coche, desaxeitado para os camiños da aldea. Veu e nunca antes viñera. Os veciños asisten á entrega desa herdanza. E ti, aínda que rodeada de xente, sénteste máis soa ca nunca.
Incinéralo. Queimas o seu corpo. As súas mans. A fortuna que fixera traballando. Ves como arden os cartos, mentres asistes a unha orquesta de berros, golpes e esixencias. “Abre a porta, abre a porta!”. O poder do diñeiro. Non abras. Queren o que queda do teu fillo. Pero ti, senlleira muller, só queres despedilo onde, como todo galego, tamén el quería morrer: na súa terra.
E ficas como viuva dun morto que ninguén consolará.
Un berro no silencio
Unha literatura segreda. Unha lingua ilegal. Un réxime que pecha as portas á cultura. Unha cultura que segue viva, pero non na súa terra. Ela exiliouse tamén. Acompañou a Blanco Amor como unha pasaxeira no barco rumbo Arxentina, agochouse nos cadernos que carrexaba Neira Vilas e, moito antes, levouna Castelao nos seus petos ata Bos Aires. A cultura fuxiu con el, entre as súas roupas, os seus cabelos, nos cristais das súas lentes, no seu ollar. Levitaba no fume de tabaco que exhalaba, nos beizos e nas palabras que articulaba, no seu discurso, na súa convición, nas súas mans. A cultura exiliuse nas mans de Castelao, en cada unha das súas líneas, pregos, engurras. Ficou no seu corpo e moito máis adentro.
Mais non foi unha estancia permanente. A súa figura supuxo unha guía para a mocidade galega e galeguista, de nacemento e de pensamento. Esa cultura que gardaba compartiuna con moitos outros expulsados. Emigrantes como Neira Vilas ou Blanco Amor, que se consideraban tamén exiliados. Porque, que diferenza existe entre os dous termos? Exiliados e emigrantes. Uns con fame na cabeza, e outros con fame no estómago. Eran bachareles, changadores, traballadores do sector secundario, mozos de almacén, con letras e formación. Eran galegos, seres valentes por cruzar un mar e polivalentes por usar a cabeza e as mans. Querían demostrar que non eran mulas ás que prohibir a entrada ó metro de Madrid, senón intelectuais. Viaxaban a Bos Aires, a quinta provincia galega, a capital intelectual do mundo, onde había 35 teatros con representacións abertos cada noite, onde as librerías eran 24h, onde uns mozos que non saíran da súa terra vían ante os seus ollos un mundo de posibilidades completamente novo.
Mais non foi unha estancia permanente. A súa figura supuxo unha guía para a mocidade galega e galeguista, de nacemento e de pensamento. Esa cultura que gardaba compartiuna con moitos outros expulsados. Emigrantes como Neira Vilas ou Blanco Amor, que se consideraban tamén exiliados. Porque, que diferenza existe entre os dous termos? Exiliados e emigrantes. Uns con fame na cabeza, e outros con fame no estómago. Eran bachareles, changadores, traballadores do sector secundario, mozos de almacén, con letras e formación. Eran galegos, seres valentes por cruzar un mar e polivalentes por usar a cabeza e as mans. Querían demostrar que non eran mulas ás que prohibir a entrada ó metro de Madrid, senón intelectuais. Viaxaban a Bos Aires, a quinta provincia galega, a capital intelectual do mundo, onde había 35 teatros con representacións abertos cada noite, onde as librerías eran 24h, onde uns mozos que non saíran da súa terra vían ante os seus ollos un mundo de posibilidades completamente novo.
Porque a situación no seu fogar era contraria á da grande cidade da cultura. Bos Aires era a Galiza libre. O único que as separaba: auga. A unha beira a esperanza da cultura, á outra a resistencia do pobo. Miles de quilómetros afastaban o berro do silencio. A voz duns exiliados e o mutismo doutros. O oubeo do externo e a reserva do interno. En cada unha desas catro provincias mozos coma eles, e non tan mozos, vivían presos nas súas propias casas. Obrigados a conter os seus pensamentos, a reprimir a idioloxía, a gardar silencio. Solitarios en trincheiras infinitas. Trincheiras asentadas nos sitios máis recónditos dos fogares. Faiados incomunicados, sotos oscuros, ou falsas paredes. Parece irónico, mais liberdade era recluírse indefinidamente nun cuarto de dez metros cadrados. E aínda que afastados dos exiliados en América, dos seus pensamentos, das súas obras, eles tamén compartían a idea de que o ser humano morre cando deixa de soñar. Por iso soñaban e berraban nos seus soños. Eran intelectuais, inconformistas, contrarios ao réxime, e moitos deles mestres. Mestres perseguidos e asasinados. Foxen da longa noite de pedra e deciden atrincheirarse antes que impartir a derradeira lección.
A cousa cambia nos anos 50. Morre Castelao e desaparece a fundametal figura do galeguismo no exilio, o principal comprometido co nacionalismo, republicanismo e democracia. Pero toda mala noticia trae consigo unha boa. Nese mesmo ano créase a editorial Galaxia. Con ela nace a posibilidade de publicar en galego. A literatura galega comeza a desenvolverse na súa terra. No canto de morrer olvidada nuns petos vacíos, ollos pechados e boca muda; no canto de ficar enterrada no camposanto da Chacarita, a cultura sobrevive. O berro vence ao silencio. E este non é un berro de dor, senón de liberdade.
13/02/20
Moi adentro
Non te preocupes, pequena artista, por non saber interpretar o ininterpretable. Que realidade máis irreal esta que vivimos. Un tango marca o ritmo dos pesadelos. Unha mirada nocturna, a mirada da lúa. Unha nube que atravesa. As nubes vense de noite? Non lles importa cortar, non van ao cárcere. O ollo espera a que o atravesen. Deixa de mirar fóra, todo está dentro. Que realidade tan irreal esta que vivimos. Non miramos sen ver, vemos sen mirar. Non se pode mirar sen ollos, pero ver si, non o material nin o externo, senón o eu.
Todos agochamos algún segredo nunha caixa. Ás veces é tan difícil ocultalo que se apega a nós, ás nosas formas, miradas, á nosa roupa. Tan difícil que, sen decatarnos, o segredo forma parte de nós e non da caixa. E aínda que convencidos de que non, ó noso redor poden velo ó ollarnos. Eses que algún día pronunciaron un “quérote”, ou simplemente pensaron en facelo, mirarán o noso segredo fixamente, tentando facelo desaparecer, e demostrarán que aquelas palabras tiñan letra pequena.
Por moito que intenten frealo segue aí, tan dentro que consegue escarvar a nosa pel e saír á superficie. Pero tantas miradas rematan por facer efecto. Miradas que obrigan a voltar o segredo á caixa. Miradas que convencen para acabar con el. O seguinte é vivir enganados, perseguir algo que realmente non desexamos. Pero é tan difícil non ser e cargar co peso ás costas, que, maxicamente, renacemos de novo.
Renacemos como nacemos a primeira vez, condenados a non ser quen somos. Condenados e castigados. Educados baixo un dogma, ó que rematamos aborrecendo e odiando. Un dogma que nos converte en asasinos de nós mesmos, en suicidas de persoas mudas, silenciadas.
Abandonados polos ollos que tentaban cambiarnos, cuxos beizos xa non nos dedican aqueles “quérote”. Ollos que camiñan á beira do mar e desprezan o noso recordo. Ollos, que coma todos, rematan por pecharse tamén.
Eles sempre defenderon que non existe significado, que é o simple e vivo reflexo do subconsciente do espectador; así que…Que tan perturbada está a túa mente pequena artista? Que idetifica a homosexualidade como un pesadelo, como unha vergoña, un mal do que fuxir, un segredo que manter pechado nunha caixa.
28/10/19
"Estranxeira na súa patria"
É a literatura galega unha literatura
normalizada?
Vagaba pola zona vella de Santiago, cando pasei fronte a unha
libraría. Logo duns minutos fitando cara o escaparate decidín
entrar. Crucei corredores, atravesei a tenda dunha punta á outra,
ollando os estantes e lendo as etiquetas que concentra a esencia de
cada andel. Fantasía, novela negra, infantil, cine, música, ciencia
ficción, cómics. Mais non era iso o que buscaba. Refixen o camiño
que percorrera, era imposible que non estivese, tiña que atopala.
Xirei a cabeza 180 graos, e nese momento vina. Estaba alí, nun
recuncho da enorme tenda. Como se intentase pasar desapercibida.
Fronte a min atopábanse tres andeis adicados á "literatura
gallega", ou iso dicía a etiqueta.
No primeiro recoñecín varias traducións ao galego. Unha delas
"Ulises" de Joyce, feita por Otero Pedrayo por vez
primeira. No século XIX as Irmandades da Fala traduciran obras da
cultura universal, demostrando a validez do galego para acceder á
cultura foránea, sen a intermediación do castelán. Unha
reivindicación á orde do día, como resposta á subvención de
traducións ao galego dende o inglés ou castelán, non dende a
lingua orixinal, mesmo en casos onde hai profesionais coñecedores
desta. É tanto pedir?Ningunha lingua está normalizada ata que os
seus lectores poidan acceder nela a toda a literatura universal.
Tendo en conta isto, e a limitada gama de posibilidades en galego,
decatámonos da situación da nosa lingua. E por conseguinte, da da
nosa literatura, que non pode estar normalizada se a lingua que a
move non o está.
No seguinte andar atopeime con "Sempre en Galiza". Fíxome
cavilar. Do século XIX ó XX, a literatura galega encarnaba unha
ideoloxía galeguista. De feito, a obra de Castelao que sostiña na
man representa plenamente o nacionalismo. Na actualidade, a
utilización do galego reflexa unha actitude de compromiso coa
lingua, mais esta idea converteuse en clixé, xurdindo o estereotipo
de que a escolla do galego está directamente relacionada cunha
posición ideolóxica. E eu pregúntome.. non é posible percibir
unha obra en galego só como produto estético? Como aporte de
pracer, como expresión de beleza, sen segundas intencións.Un poema
en galego, un poema de amor en galego, ós ollos alleos suporá unha
reivindicación. Porén, esa mesma poesía en castelán amosará
simplemente fermosura.
Non atopei o que procuraba. En realidade non procuraba nada en
concreto. Son desas persoas indecisas, sen ideas fixas. Percorro coa
vista a ringleira de libros, de dereita a esquerda, leo os títulos;
se cadra olleo algunha sinopse, pero, sobre todo, fíxome na portada.
Fito para a ilustración de cada un. E agarrando o último libro do
estante póñome a pensar. Penso en min. Penso en min como lectora.
Penso en quen le. En quen le en galego. Na esixencia que se expresa
cara a nosa literatura. Situación que non se manifestaría se
estivese normalizada.
Saín da libraría e sentinme unha estranxeira. Unha turista que
viaxa a outro país e atopa un pequeno anaco do seu fogar. Unha
forasteira que chega a outra cidade e percibe un leve murmurio na súa
lingua. Desexei que algún día escribir en galego non supuxese un
acto militante, que ler na nosa lingua non signifique loitar por unha
causa, que para atopar un libro en galego non teñamos que buscar
tanto, que a nosa lingua deixe de semellar estranxeira na nosa propia
terra.
07/10/18
O porqué do pensamento crítico
Un dos interrogantes
máis antigos da filosofía é a procura da verdade tras as
aparencias, tendo en conta que dita verdade exista. Pero, máis aló
de atopar resposta a este interrogante dentro do ámbito filosófico,
atopar a esencia oculta, chegar á verdade universal segue sendo un
dos obxectivos máis importantes dentro dunha sociedade, tanto no
marco político (discutir cal é o mellor xeito de goberno, por
exemplo) coma no interese e curiosidade individual (crer en Deus,
elixir un estilo de vida...); así como un gran interese dentro da
gran industria dos medios de comunicación (cada xornal vende a mesma
noticia dun xeito totalmente diferente, cada canle televisiva
pertence a unha determinada ideoloxía política...).
Mais, que é a verdade
universal? Poderíamos dicir que existe unha verdade única e
absoluta que explique cada cuestión tendo en conta que existen
argumentos dabondo que xustifiquen ou apoien calquera idea, así coma
argumentos en contra? Isto é moi sinxelo visto cun exemplo: Podemos
xulgar como totalmente culpable a un asasino se realmente temos en
conta todos os factores que o levaron a tal crime (un tumor no
hipotálamo, esquizofrenia, fortes traumas...)? Mais, a pesar de ter
todos eses factores en conta, poderiamos xulgalo como totalmente
inocente? Ao igual que a culpabilidade dun asasino, todas as verdades
son relativas e dependen estritamente da información que se escolla
(ou á que se poda acceder). Tamén se debe ter en conta que a
información que sexamos capaces de ver e o punto de vista co que se
tente elaborar esa verdade irá ligado aos nosos prexuízos
(consciente ou inconscientemente) xa que non estamos á marxe da
sociedade que nos rodea nin á marxe das nosas propias circunstancias
persoais. Chegado a este punto, podemos afirmar que a verdade existe
e que non se trata dunha verdade multiperspectivista e cambiante
ligada a cada individuo?
Explicado o interrogante
teórico e práctico da esencia e argumentada a inexistencia da
verdade universal, propiamente dita, toca preguntarnos que cabida ten
o pensamento crítico na sociedade sendo conscientes de que non
chegaremos a ningunha certeza absoluta. Para dar resposta a esta nova
cuestión, é suficiente con imaxinar unha sociedade sen
ceibepensadoras/es. Imaxinar unha realidade sen a rebelión do pobo
ante os seus opresores, unha sociedade tiránica atestada de vítimas
inconscientes da súa situación. Un mundo sen a Revolución
Francesa, sen as revolucións obreiras, sen folgas, sen Rosa Parks,
sen Darwiin, sen Rosalía, sen filósofos, sen animalistas, sen
feministas. Un mundo sen xente que pensa por si mesma e defende as
súas ideas para cambiar o mundo. Esa é a gran importancia do
pensamento crítico, dos pensadores críticos, a loita por mellorar
o mundo tendo en conta a necesidade de cambio.
Mais, non só a loita
por cambiar o noso mundo é a única razón de ser do pensamento
crítico, dende logo que non. Unha das máis importantes razóns para
tentarmos descubrir a nosa propia verdade é o feito de ser nosa. A
enorme satisfacción de crearnos a nós mesmos. Chegar a pensar, a
vivir, a opinar, a esixir, a rexeitar e a namorarnos do que nós
queremos e que ninguén nos impuxo. O peso e ao mesmo tempo a
liberación de sermos os responsables de nós mesmos. Ese é o
obxectivo do pensamento crítico, chegar á verdade pola propia labor
de investigación, xa sexan erros ou acertos. Non vivir na verdade
dun libro de texto, dun mestre, da familia, dos medios ou da
tradición sen preguntarnos nada. Senón chegarmos a baixar os nosos
'porqués' ao mundo real dende as elites culturais que adoutrinan no
pensamento binario, convertendo a sociedade nunha CPU, a cal só
distingue entre verdadeiro e falso e só admite unha única
realidade. Non aprendemos historia dende o bando gañador? Algo tan
multiperspectivista coma a historia, con tantas realidades dende
distintos puntos de vista dos cales só se ten en conta un, a
realidade do bando gañador. Elite, cuxo obxectivo principal é o
depreciación e o exterminio do criterio propio, dende o mero feito
de dicir que é ou que non é arte (extirpando calquera fenda de
sentimento) ata cambiar o ensino 'libre e liberador' por ensino
'orientado ao futuro', cambiar o cultivarse a un mesmo por adestrar a
unha peza máis da cadea de montaxe.
Durante a Revolución
Industrial as condicións obreiras eran infrahumanas, polo que Carl
Marx desenrolou unha ideoloxía cuxo obxectivo era cambiar
radicalmente aquela realidade, o Comunismo. O maior problema que
detectaba Marx nas nefastas condicións dos traballadores era á
alienación, é dicir, que perderan unha vida ''humana'': non vían a
luz do sol case en días, non vían o resultado directo do seu
esforzo (como si vía un campesiño na colleita ou un artesán ao
rematar un produto), a depreciación da vida dos obreiros así como a
da súa opinión. Mais, foi a personalidade revolucionaria de Marx a
que tentou solucionar este gran problema social, foi a súa
capacidade de pensamento crítico a que tentou combater a alienación
da sociedade e, a día de hoxe, son cada xeito de pensar único, a
loita de cada individuo por facer desta sociedade unha sociedade máis
xusta, a existencia da liberdade de expresión grazas a todas as
ceibepensadoras/es que nos preceden fai que teñamos unha sociedade
chea de opinións e perspectivas distintas, con todas os contrastes
de distintas perspectivas que isto leva consigo; un pensamento
crítico cuxo obxectivo é manternos humanos ata na sociedade
mecanicista na que vivimos, un pensamento crítico que é o único
antídoto á alienación da sociedade.
14/05/18
13/05/18
12/05/18
22/02/18
Os difuntos falaban castelao (Por María García)
Os difuntos falaban castelao ~ Anxel Fole
Este texto pertence ao libro Á lus do candil de Anxel Fole. Esta obra consta de quince relatos, o primeiro deles actúa como introdución para os seguintes. O libro foi publicado no 1953 e recibiu numerosos premios. Hoxe en día é considerada unha das obras cume do autor.
O relato conta a historia dun grupo de paisanos que foron asustados polas voces de dous xoves que se citaran secretamente no camposanto a portas cerradas. Podemos ver un retrato da sociedade galega. Todos os personaxes son facilmente identificables como parte da poboación galega. A demais, grazas á introdución que nos da o autor e ás trazas dialectais podemos situalo na zona ourensá. En toda a obra de Fole, os hipergaleguismos e vulgarismos, ao igual que os dialectalismos, teñen bastante presencia. Por exemplo cando din que os defuntos falan castelao en vez de castelán.
O relato é unha narración de tipo oral, contada por un home como se fora algo que á súa vez lle contaron a el. As narracións marco son algo moi típico da narrativa desta época, pois son técnicas innovadoras que nunca antes se empregaran. Tamén podemos destacar a importancia do paisaxe, sempre citado e descrito facendo unha narración case cinematográfica. Cabe destacar a importancia do diálogo, algo que introduce a narrativa desta época e que axuda a ese efecto cinematográfico.
Vemos que Anxel Fole fai unha especie de imitación a Dos arquivos do trasno de Rafael Dieste, pois a forma dos relatos é moi similar. No caso de Á lus do candil, a morte está presente case sempre, ao igual que unha descripción paisaxística con abundantes topónimos que nos sitúa moi ben no lugar onde sucede a acción. O que teñen en común os relatos de ambos escritores é que sempre hai un compoñente máxico que logo sempre acaba tendo unha explicación racional. Ademais ambos autores procuran manter a tensión ata o desenlace, onde se explican os feitos e todo volve cobrar sentido.
En conclusión, este relato é unha mostra do característico realismo popular de Fole, no cal se ven as costumes do pobo e as historias son relatos contados oralmente. Sempre mantendo a intriga ate o final e sempre con trazos tanto dialectais como topolóxicos da zona de onde Fole procede, o Courel.
Na brétema - A derradeira imaxe ( Por María García)
COMENTARIO CONXUNTO:
Atopámonos ante dous textos de dous autores moi importantes da etapa de posguerra en Galicia: Lorenzo Varela e Luís Seoane. Durante esta época, a censura estaba moi presente, polo tanto os autores tiñan que ser precavidos co que escribían. Pola contra, moitos autores víronse obrigados a exiliarse, e dende América escribiron facendo denuncia social e dando visibilidade ao movemento galeguista. Como é o caso dos autores destes textos.
O tema principal de ambas composicións é o franquismo. Na brétema fala da realidade que se vivía na Galicia do momento, con homes fusilados cuxos cadáveres acaban nas cunetas, da miseria da poboación e do medo fronte ao réxime. En cambio, A derradeira imaxe enfoca ao tema franquista dende os ollos dun exiliado que se lamenta de que os seus amigos galeguistas foran asasinados.
Falando máis polo miúdo, Na brétema conta como eran aniquilados aqueles que tiñan pensamentos contrarios aos do réxime, moitas veces acusados polos seus veciños. Describe aos estudantes santiagueses que ademais de sufrir a pobreza da posguerra, sufrían a censura e a ausencia dun futuro mellor no cal puideran ser libres.
Pola outra banda, A derradeira imaxe danos a visión dun exiliado que recorda os bos tempos nos que se reunía cos seus amigos intelectuais e falaban de novos xeitos de ver o mundo, todos eles repletos de ideas novas. Pero eses amigos foron asasinados polos franquistas xa que esas ideas non eran aceptables para a ditadura. Agora o eu poético síntese un morto en vida, impotente ante á imposibilidade de expresarse ou de volver a ese memorable pasado.
A súa estrutura é similar, xa que en ambos casos se trata de poesía narrativa. Polo tanto non teñen unha métrica definida, nin rima. Cabe destacar a presenza de símbolos, que axudan a esconder a mensaxe e ao mesmo tempo a resumir en poucas palabras moitos sentimentos e ideas. Po exemplo, as pombas simbolizan a paz, mentras que os estudantes de pan e sardiña simbolizan a pobreza.
En conclusión, estes dous poemas son facilmente identificables como pertencentes á poesía de posguerra. Ambos falan do tema do franquismo criticándoo e ao mesmo tempo mostrando a realidade social da época dende dúas perspectivas diferentes.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)