23/04/17
31/03/17
ÁINE (por Tania Pose)
Non acostumo escribir sobre o tema que quero tratar hoxe, mais creo que coa miña idade pórme seria de vez en cando non me ben nada mal, nin a min nin a todos aqueles que me len, sobre todo ós que desexan que chegue este día da semana no que publico algo.
Non demorarei isto máis do que debo... O asunto pode ser doado para algunhas persoas, mais ó mesmo tempo é ben complexo para outras (para min tamén). Hoxe escribirei, pois, sobre a lingua. Sobre a miña, non outra... Sobre o galego.
Como ben saben aqueles que me seguen de cerca, teño unha filla de catro anos. A miña nena chámase Áine, e souben dende o día no que naceu que nunca ía querer a un ser tanto como a quero a ela. Conforme foi medrando, todo aquilo que realizaba, consciente ou inconscientemente, facía que crecera dentro de min un inxente sentimento de orgullo, e non so por ela, senón por aquela persoa na que me estaba convertendo eu: O seu primeiro sorriso, a súa incansable procura da miña persoa cando me afastaba dela tan so un pouco, os seus primeiros pasos, etc, pero se hai algo que a todo proxenitor lle emociona son as primeiras palabras dos seus fillos, e eu non ía ser menos. A primeira palabra de Áine foi "mamá", e xa un se pode imaxinar como me sentín no momento no que a escoitei pronunciar isto: Inmensamente feliz. Pouco a pouco, o seu vocabulario foi medrando e eu intentei sempre que este estivera libre de castelanismos, e a pesar de que os seus avós os cometeran, e mesmo a súa propia nai ás veces, en raras ocasións o facía ela. A miña pulguiña falaba, dentro do que cabe e con respecto á súa curta idade, perfectamente a lingua da súa terra, da que mamou, da que mamei eu e da que mamou a miña nai, con tan so tres aniños.
Un pode ser máis ou menos consciente da situación actual do galego e pode querer ou non querer actuar con respecto á súa normalización. Eu, consciente e cansa, decidín intentar mudar a realidade empregando así a mellor arma de todas: Unha xeración nova. Crendo que eu gañara esta "loita", caeume o ceo enriba cando Áine comezou á escola:
- Que tal no colexio, miña ruliña? -dixen.
- Moi bien! Hoy pintín muchas cousas, -respondeu ela- mira!
- Que riquiña! -dixo o avó- mestura idiomas.
26/03/17
14/03/17
Deitado Frente ao mar (Por Laura Rubio)
Este texto é o poema Deitado Frente ao mar, de Celso Emilio Ferreiro recollido na súa gran obra, Longa Noite de Pedra. Dentro das liñas poéticas que segue a poesía de Celso Emilio, encóntrase na liña de crítica social.
Así, esta obra enmárcase no franquismo, un dos peores períodos da historia para a cultura galega, pois recórdese que o galego fora prohibido, non mediante unha lei máis si mediante o medo que o réxime provocaba na sociedade do momento, e polo tanto a literatura fora silenciada en Galicia, aínda que no exilio os nosos intelectuais fixeron un traballo chave, e non se tivo mostras de cultura en galego até o ano 1947, cando se publica Cómaros Verdes.
Este poema carece de división en estrofas, e o número de sílabas dos versos é irregular; van dende versos de arte maior: alexandrinos, hendecasílabos.., a versos de arte menor, coma o hexasílabo. En canto á rima, o poema carece dela.
Por outra banda, neste texto pódense atopar algunhas figuras literarias tales como a metonimia: “pequenos mequetrefes sin raíces, que ao pór a garabata xa nan saben afirmarse no amor dos devanceiros” coa que simboliza que os galegofalantes ao vestirse ben e adquirir algo de distinción cambian a súa lingua pola castelá. Tamén se podería sinalar a anáfora ao principio do poema da conxunción “porque”.
Seguindo cos trazos do texto, na linguaxe pódese observar a ausencia dunha norma ortográfica no momento (abós, sai, gaña (hipergaleguismo)), e tamén a variedade dialectal do autor, como o uso nun verso do texto da conxunción “i”, característico da zona lucuauriense.
O poema é unha denuncia do problema social que se estaba a dar naquela época, xa que o franquismo foi a época na que máis problemas se xeraron coa lingua. No poema faise referencia á diglosia, termo acuñado polo lingüista Ferguson en 1959, incidindo en que as persoas que falan galego cando se encontran nun contexto culto, coma poñerse un traxe para algo importante, esquecen as súas raíces galegas e pasan a falar na lingua “invasora”, que é o castelán.
Ademais disto incita aos galegos e galegas a que non se avergoñen por falar a súa lingua propia (“falar a fala nai, a fala dos abós que temos mortos, e ser, co rostro erguido, mariñeiros, labregos do lingoaxe”), o que tamén fai referencia a un dos prexuízos máis famosos sobre o galego que se xera nesta mesma época, que a lingua galega á un idioma de paletos que non serve para as cousas importantes, porque para isto hai que empregar a lingua de prestixio que é o castelán.
Cos últimos dous versos pode facer referencia a que a historia de Galicia en vez de contarse, se é que se fai, na súa lingua faise en castelán. Tamén se di no texto, podendo ser o testemuño do propio escritor, posto que tamén noutros poemas desta obra Emilio Ferreiro ofrece os seus pensamentos coma no poema Longa Noite de Pedra, que dá nome ao conxunto da obra, e fala sobre a súa estancia no cárcere; que el fala a lingua porque quere simplemente, e que ningún tipo de réxime o vai facer falar noutra lingua que non sexa a del.
Para finalizar, cabe dicir que este poema aínda ten vixencia na nosa sociedade actual, porque por desgraza a consideración da nosa lingua segue a ser practicamente a mesma, porque os prexuízos non diminuíron e todos os problemas que temos ca lingua veñen dados desta época. Ademais, cabe dicir que Celso Emilio Ferreiro foi polo tanto o que mellor puxo por escrito de maneira lírica a represión franquista que lles tocou vivir coma el a moitos dos nosos intelectuais, e tamén aos nosos antepasados.
Sobre a morte de Bieito (Por Laura Rubio)
O texto a comentar titúlase Sobre a morte de Bieito, trátase polo tanto dun dos 20 contos que forman a obra Dos arquivos do trasno, do escritor rianxeiro Rafael Dieste. O primeiro ano de publicación foi no ano 1926 cun total de oito contos, e máis tarde nos anos sesenta engade 12 máis. Dieste publica este relato por primeira vez de maneira independente no ano 1923 cun subtítulo; nos anos sesenta cámbialle o título ao relato e nos setenta volve publicalo co mesmo.
O texto segue unha estrutura clásica de presentación, nó e desenlace, así nas catro primeiras liñas preséntasenos o espazo no que ocorren os feitos, no camposanto, e a acción, o protagonista leva xunto con dúas persoas máis un cadaleito para ser soterrado. É aquí cando aparece a cuestión en torno á que xira toda a historia que é se realmente escoitou ruídos que proviñan do interior da caixa. A partir daquí desenvólvese o nó, e finalmente o desenlace que se correspónde co último parágrafo, no que o protagonista volve ao camposanto para descubrir a verdade, pero marcha finalmente ao oír ruído de xente por temor a que o descubran.
O asunto do texto é a crise existencial. En canto ao tema pois, sería ese problema existencial que é provocado pola morte que aborda ao protagonista, o terror psicolóxico que isto provoca e o seu sentimento de culpabilidade, que se ve no texto en elementos coma que marche pola noite do camposanto coa solapa subida.
O relato xira todo o tempo en torno a se realmente o protagonista escoita ruídos que proveñen do interior da caixa onde vai Bieito ou se é todo froito da súa imaxinación, é isto mesmo o que o leva a volver de noite ao camposanto para saber se o Bieito ía morto ou non cando el comezou a pensar todo iso, aparecendo así o problema existencial.
En canto ao argumento, no conto relátasenos como o protagonista acode ao enterro de Bieito, onde lle parece escoitar ruídos dentro da caixa pero non se atreve a dicilo en alto por se non é certo e quedar mal diante da xente; porén como non lle queda claro volve de noite ao cemiterio onde volve ter a sensación de escoitar ruído pero como oe pasos e xente falar escapa.
Hai un personaxe principal que é o que conta toda a historia. Este é o protagonista, do cal non se aporta ningunha información máis alá de todo o que ocorre no seu maxín e ese problema existencial do temor a ser enterrado vivo que é propio da cultura galega. Ademais o protagonista non só se pon na súa perspectiva senón na de todos os demais que están no enterro, aparecendo así o desdobramento do personaxe. O que podería ser o personaxe secundario sería Bieito aínda que só é o pretexto para que a historia se desenvolva. En canto á perspectiva narrativa, o narrador é en primeira persoa neste caso é un narrador protagonista pois todo o que sabemos, sabémolo a través del.
O tempo externo non está definido no texto pero pódese situar nos anos no que foi publicado, e mesmo é unha historia que se podería trasladar á actualidade, e o tempo interno abarcaría un día, dende a mañá ou tarde cando é o enterro até a noite que é cando o protagonista volve ao camposanto a comprobar o acontecido. Por outra parte o espazo sería o camposanto que é onde acontece todo, e tamén a cabeza do protagonista, xa que o que se conta na historia si que sucedeu, pero todo de forma pscicolóxica; o protagonista dubida todo o tempo entre contar o que pensa ou non, porque se o di e non é certo quedará moi mal e se o di e é certo tamén por non avisar a tempo.
Finalmente, en canto aos trazos característicos do autor que están presentes na narración está a unidade motiva, que se consegue pola obsesión do protagonista e ese final sorprendente e revelador. Tamén se pode destacar que coa primeira liña do texto se anuncia todo o que vai ocorrer no relato.
12/03/17
11/03/17
Distopía? (por María Fernández Insua)
"O concepto do quecemento global foi creado por e para os
chineses, para volver á industria manufactureira estadounidense non competitiva" é un dos polémicos
comentarios que Donald Trump publicou sobre o cambio climático
creando así unha gran polémica.
A través delas, búrlase
de forma reiterada do cambio climático, desprezando
desta forma á comunidade internacional e incluso insultando
a aqueles que, xunto con Obama, foron capaces de chegar a un acordo no que a
protección do clima é
(ou era) unha das prioridades a resolver.
Primeiramente o cambio climático
nestes últimos anos comezou a manifestar os
seus terribles efectos na Terra cada vez de forma máis
preocupante a raíz da causa
da nosa forma de tratar o mundo que nos dá a vida. Cada vez hai máis plásticos
no mar que peixes, unha gran cantidade
de seres mariños
que morren cada día por tragar plástico
crendo que era alimento ou intoxicados polas substancias petroleiras que se
arroxan ás mareas. Agora
teremos que ir cambiando o calendario das estacións
pois en inverno o sol é cada vez máis
protagonista, e cada vez son máis graves os cambios de temperatura que
se dan dun día para outro. En China, Madrid... o único
aire que respiran é o fume negro que
expulsan dos seus coches e fábricas, sendo envoltos por unha masa gris
e terriblememte mortal. Todo iso provocado pola contaminante industrialización
que cada día vai ocupando máis
espazo no planeta ata o punto de que o verde das árbores
acabará sendo substituído
polo gris das fábricas e do CO2 que expulsan cada
segundo polas súas
bocas do inferno. E non só afecta ao medio ambiente (que xa é
bastante) senón que tamén acabará por afectar á
economía, aínda
que hoxe pareza todo o contrario. De feito, hai unhas semanas, Nicholas Stern
publicou no seu Economics of climate que o
impacto económico do cambio é
moito máis grave do que anteriormente se
considerou, e que só dispoñemos
de dez anos para darnos a oportunidade de cambiar a tendencia de forma
efectiva...
Outro dos grandes causantes deste problema é
sen dúbida a ignorancia que a través
do engano e a falsidade de axentes sociais
,coma Trump, impoñen nunha sociedade alienada e metida dentro dunha burbulla aparentemente democrática
e segura. Pero cal é o obxectivo de aqueles/as, coma o novo
presidente estadounidense, con todo isto? Pois un gran capitalista como o é
dita personalidade é converter
o diñeiro na única
relixión de todos e cada un dos seus súbditos e
desviar a súa (nosa) mirada única
e exclusivamente naquel demochamado dólar.
¿Que pasaría entón,
se todos decidéramos
colaborar co coidado do medio ambiente? Suporía
unha perda de millóns de euros para as industrias
petroleiras, de enerxía nuclear... Pois comezaríamos
a empregar enerxía solar, olvidaríamosnos do valor do petróleo
para empregar outras fontes de produción sen danar ó medio ambiente,
pero, iso sí, cunha caída
de prezos considerable... E ese é o gran problema. Prima máis
a satisfacción que produce o
diñeiro para os corazóns
capitalistas, que o benestar da Terra, a nosa casa, e por conseguinte, a nosa
propia vida.
En conclusión,
é evidente que se queremos comezar a
cambiar a nosa forma de actuar sobre o planeta temos que facelo desde xa. Cada
día, cada minuto, cada segundo contan. A
duración do noso globo azul iniciou xa a súa
conta atrás e está
nas nosas mans o poder de frear ese reloxo
asegurando así a nosa existencia. Par iso sería
necesario un cambio de conciencia radical
non dunha sociedade ( que suporía xa un gran esforzo) senón do mundo enteiro. Un mundo que, ao parecer, ás persoas que habitan nel lles interesa máis cantos quilómetros é capaz de alcanzar o seu todoterreo que a súa propia existencia. Con todo, Donald
Trump sería un dos grandes exemplos dos límites
aos que o ser humano puido chegar a decaer tanto ainda
que paradóxicamente todos creamos que estamos crecendo
porque cada día hai máis
avances. Non. O único que estamos facendo é
destruírnos pouco a pouco .Pero chegará
un día (pouco
falta para iso) de non retorno e para entón será
demasiado tarde para arrepentirse.
Subscribirse a:
Comentarios (Atom)

