O día 17 de maio conmemórase en Galiza o Día das Letras Galegas, celebrado por vez primeira no ano 1963, coincidindo co centenario da primeira edición de Cantares Gallegos, libro de poemas escrito pola gran figura galega Rosalía de Castro. Malia que este día é, ou debería de ser, un momento no que os galegos e as galegas nos sintamos orgullosos do noso idioma, así como tamén do noso pasado histórico e da nosa literatura, actualmente emprégase sobre todo para promocionar algo que beneficia a uns poucos e encobre totalmente a realidade, ou para exaltar aquilo do que no fondo non se está orgulloso pero co que algúns se queren sentir identificados para realizarse dentro dun grupo ó que non chegan a pertencer.
Persoalmente, como galega (e con isto non quero dicir só “persoa natural ou habitante de Galicia”, senón tamén galego – falante), o Día das nosas letras fai que me sinta orgullosa e ó mesmo tempo éncheme de rabia e de dor. Orgullo por manter viva unha lingua que foi asoballada durante moitos anos e por resistir as adversidades que aínda hoxe me imposibilitan vivir sempre no meu idioma nai, rabia por ver como os mesmos que me poñen obstáculos no camiño finxen ser coma min e sentirse como eu me sinto neste día, e dor por ver (escoitar) como o día 18 de maio retorna o castelán ás nosas vidas, á nosa realidade cotián. É moi triste, na miña opinión, que só se empregue o idioma propio nunha determinada data marcada no calendario, no caso dos adolescentes, incluso como se fose algún tipo de moda, pois podo afirmar que moitos rapaces e rapazas castelán – falantes suben ás súas redes sociais frases ou fotos con títulos en galego nos que se promove a defensa da lingua, mais a realidade é que non hai outra defensa para un idioma que a de falalo, e non empregalo un día ou dous ó ano (e na materia de galego impartida no instituto, se cadra). Outros, que promoven políticas desgaleguizadoras e desprestixian a lingua de maneira sutil todo o ano, dan discursos neste 17 de maio porque se senten obrigados, non porque se identifiquen cos nosos devanceiros e se preocupen pola causa normalizadora, e falan galego porque (polo menos polo de agora) é unha obriga no Parlamento de Galicia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario