Non me decato do mundo que me rodea até que me paro a escoitar. Oir é fácil, o difícil é escoitar. Entón decátome de que a xente non estuda castelán, estudia castellano, non come puré de cenoria, senón de zanahoria, non se senta na cadeira, séntase na silla. Dá a impresión de que xa non hai ninguén (ou como diría moita xente “nadie”) que coma cenorias, estude e sente na cadeira. Actividades tan básicas e rutineiras que aparentemente non cambiaron, mais non é o mesmo sentar na cadeira que na silla. Na teoría un galegofalante senta nunha cadeira e un castelanfalante séntase nunha silla. Na práctica moitos galegofalantes abandonaron as cadeiras e agora sentan nas sillas. E non estou falando dos galegofalantes que se cambian ó castelán, senón dos que seguen falando galego, pero sentan nunha silla.
Os castelanismos están moi presentes na lingua galega debido a todos os golpes que sufriu durante a súa historia o galego. Mais os castelanismos non veñen sós, senón acompañados dos prexuízos. Un galegofalante, ás veces non se dá de conta de que non está sentado nunha cadeira e de que sentou nunha silla, faino inconscientemente. Pola contra, hai galegofalantes que si saben que están sentados nunha silla e que non queren volver á cadeira, rexéitana. É aquí cando toman partido os prexuÍzos.
Imaxinémonos unha situación: tropezo coa cadeira e caio ó chan, unha persoa amable axúdame a levantarme e eu contéstolle “grazas”. Agora a situación á inversa: unha persoa aleatoria que come puré de zanahorias tropeza e cae ó chan, eu axúdoa a levantarse e dime “gracias”. Así que eu despídome e dígolle “adeus” e ela, cordialmente, despídese tamén e dime “adiós”. Hai bastantes posibilidades de que esa persoa vaia para a súa casa pensando na “galeguista nacionalista radical” que atopou e que lle falou “nese galego normativo inventado que cambian cada ano” e lle dixo “grazas” ou “adeus”. Incluso cabería a posibilidade de que esa persoa me puidese mirar mal por ser educada en galego. Non son casos hipotéticos dun futuro pesimista que me acabe de inventar, son casos cotidiáns do presente. Hai xente que come zanahorias e senta en sillas á que lle molesta que outra coma cenorias e sente en cadeiras. Ás veces podo apreciar caras de molestia cando digo “iso”, “grazas” ou “ninguén” como se lles provocase urticaria. Non sei se darlles crema ou tratar de explicarlles que iso é galego e que non o poden ver porque están demasiado cegados polos prexuÍzos. Aínda que vendo o panorama creo que me iría mellor ofrecendo a crema.
É moi triste ver a alguén que ten prexuízos contra a súa propia lingua, que a menospreza. Alguén que non pode dicir “grazas” por medo a que o relacionen co “galeguismo e nacionalismo radical” sen saber sequera o que significan eses termos. Temor ó descoñecido. Falan dos galeguistas ou dos nacionalistas como se fosen unha banda criminal, sen saber sequera que é realmente un nacionalista ou un galeguista. Relacionan a lingua coa política e non saben de política. Falan sen saber. E por culpa desa ignorancia xeral sustentada en prexuízos sen fundamento algún, non saben que non están sentados nunha silla senón nunha cadeira.
Ningún comentario:
Publicar un comentario