21/05/17

As miñas últimas palabras (Por Laura Rubio)

Este é o meu último texto, o último texto que escribirei para as clases de literatura galega, aínda que non o farei falando precisamente de libros senón do noso paso polo instituto. Todos e todas nós estivemos esperando este día con impaciencia durante todo o curso, queriamos acabar o instituto, deixar de ver un ano tras outro o mesmo edificio, as mesmas materias, e enfrontarnos a un novo reto, que é o que é a vida. O meu paso por este centro serviume non só para formarme cultural e intelectualmente senón que para aprender moitas cousas sobre a vida. Grazas ao magnífico profesorado que nos acompañou nesta gran carreira aprendín que nunca hai que dar nada por perdido, e que grazas aos libros podemos viaxar e voar, e sobre todo que debemos perseguir os nosos soños a pesar dos obstáculos que atopemos no camiño.
Aínda recordo que comecei o instituto coma unha nena asustada, que aínda por riba facía tan só dous anos que chegara a Rianxo, aínda que en realidade era a súa localidade natal. Non coñecía a ninguén, tampouco tiña amigos, e algúns e algunhas aproveitaron para facer que recordase os dous anos do primeiro ciclo da ESO coma un inferno, o peor é seguir véndoos ano tras ano na mesma clase. Nos seguintes anos por fin estiven ben até que en Bacharelato volveu haber problemas.
Pois ben, a toda esa xente hoxe quérolle dar as grazas, grazas por crear a muller forte que hai en min, grazas por facerme ver que a pesar do que digades sempre estarei un paso por diante de vós como persoa, e sobre todo grazas porque me axudastes a ver que na vida o máis importante é ser feliz a pesar do que diga a xente.

Para min non é un día para botar de menos o instituto, tampouco un día para aborrecelo, senón un día para facer a vista atrás e ver como o Bacharelato me axudou a madurar e a ver o sentido real das cousas da vida, non minto cando digo que hai xente á que vou botar en falta,  hai persoas ás que me levo para toda a vida, ás que dentro duns anos me gustaría atopar pola rúa e ver que triunfaron no que sempre quixeron facer, e que a vida lles sorriu. Por iso quero dicir adeus, non é un adeus para sempre senón máis ben un ata logo,  dicir tamén que espero que algunha xente que non aprendeu aquí a ser persoa  no futuro comprendan que estaban equivocadas, e sobre todo quero agradecer á clase de letras estes dous anos compartindo risas e traducións, e finalmente grazas aos nosos marabillosos profes, que virei a visitar cada vez que poida porque eles foron os que realmente a min me alentaron para ser quen en realidade son.

Ningún comentario:

Publicar un comentario