12/05/17

Foi o galego prohibido durante a ditadura franquista? (por María Fernández Insua)



A etapa da ditadura franquista, que abarca os anos 1936 e 1975, foi unha época de represión linguística, cultural e social dun pobo, durante a cal o galego foi censurado en todos os ámbitos de uso públicos, sendo relegado así ao ámbito privado.
 Un dos "tópicos"  máis escoitados sobre esta etapa que viviu o galego é que este foi prohibido sendo restrinxido tan só para o ámbito familiar, ata o punto de que o castigo por  falalo en público chegaba á pena de morte... Tamén están aqueles que din que a censura durante o franquismo non existiu no sentido en como se quere dar a entender, é dicir, que non houbo tanta persecución nin tampouco se deu unha represión idiomática ao carecer dunha lei que de verdade o prohibira.
 Certo é que durante esa etapa non existiu unha lei en concreto que prohibise o emprego do idioma, pero o que si se deron foron unha serie de normas que deixaban máis que claro que o único idioma oficial e de uso púbico era o castelán, para Administración, o ensino, a xustiza, a Igrexa... Así, ignorábase a existencia doutro idioma que non fora o imposto, reprimindo o seu uso. No plano Normativo está, por exemplo, a Dirección Xeral de Prensa que prohibía constantemente a publicación de revistas ou periódicos que non estiveran escritos en castelán, e aquel que si publicaba noutro idioma (que non fose o castelán) tiña unicamente fins políticos (non pola presenza dunha normalidade que permitira a publicación de escritos distintos ao español). Están tamén as normas do BOE, como, por exemplo, que todas as películas que se proxectasen debían estar en español (Orden do 23 de abril de 1941) e, neste sentido, é necesario recordar toda esa normativa promulgada en concellos e provincias (polos delegados de Orden Público) que prohibían tamén o uso de "idiomas distintos". É dicir, fóronse implantando unha serie de normas "inofensivas" que tiñan como obxectivo implantar o castelán como único idioma do país, por algo se lle chamaba tal e como dicían nesa etapa, "la lengua del imperio"...
 Ademais disto, está tamén a dura represión que se levou a cabo contra as persoas que falaban o galego (ou outro idioma que non fose o "imperial") nun lugar público, ou mesmo nos colexios (onde se ensinaba que o resto dos idiomas peninsulares eran dialectos do español) Poderíase dicir que se acabou chegando a un absurdo no que a "ideoloxía idiomática" acabou por poñerse por enriba da dignidade de tantos galegos, tal é así que ata se chegou a prohibir ao Instituto de Estudos Galegos que publicasen en galego. Cabe destacar a situación do galego durante esta etapa ( 36-78), cuxa situación social afectou considerablemente ao emprego do idioma. A economía española era cada vez máis pobre e case non había industria polo que moitos galegos víranse obrigados a emigrar a Hispanoamérica, así como deixar as súas vidas no campo para trasladarse á cidade, e isto trouxo consigo unha gran perda de galegofalantes. E non só iso, pois o feito de abandonar o ámbito rural onde se falaba o galego, levou a que o castelán (o idioma urbano) fose ocupando todos os ámbitos culturais, e esta castelanización reforzárase aínda mási coas campañas políticas que iban en contra do galego e o desprestixiaban.
 Por outro lado, é preciso engadir que durante os últimos vinte anos do franquismo, a pesar de todo, o galego soubo recuperarse (tras o triunfo aliado na Segunda Guerra Mundial) e exerceu unha gran creación literaria, recollendo incluso premios ás obras escritas neste idioma. En 1951 fundárase en Vigo a Editorial Galaxia e a Revista Grial, indispensables para a recuperación do idioma a partir de entón. Ademais, na década dos sesenta e setenta créanse os partidos políticos  (UPG e PSG) nacionalistas , arredor dos cales naceran eses grupos culturais que foron de tanta importanca para a difusión da lingua e cultura galegas. Cabe tamén destacar que o galego, antes do franquismo (un idioma moi falado en Galicia), a pesar de ter un moi  bo cultivo literario grazas á actividade de autores da Xeración Nós( coa revista Nós potencian a cultura galega e buscan universalizala e normalizala) e doutras iniciativas ( Irmandades da Fala), carecía dunha gramática, unha ortografía e un vocabulario normalizados, pero é na posguerra cando parece que comeza a avanzar cara unha maior simpleza formal e cara a búsqueda dunha norma culta (por iso se coñece este período co nome de protoestándar na historia da normativización da lingua). Isto faise posible grazas ao Compendio da Gramática Galega (promovido polas Irmandedes) e ao traballo realizado polo Seminario de Estudos Galegos, que elaboran unha serie de  normas para unificar a lingua galega. Con isto, nos anos sesenta incluiríase como materia oficial na Facultade de Filosofía e Letras,  Lingua e Literatura galegas.
 En conclusión, durante a ditadura de Franco é certo que non había penas de cárcere por falar o galego, pero o problema reside en que se prohíbes o uso público-oficial dun idioma que é propio, se se prohíbe a ensinanza nese idioma, se se prohíbe inclusive os nombes e apelidos, o único que se fai é levar a cabo a represión dunha lingua. Preténdese facelo desaparecer, e se a isto se lle engade unha política educativa e propagandística en contra do resto dos idiomas e poñendo como idioma central o español, o que se fai tamén é marxinar inevitablemente as outras linguas (provocando a súa extinción) Polo tanto, non, non existiu una norma concreta que prohibise o uso do galego, peor o que si que se dou foi unha dura persecución linguística que, co paso do tempo, se foi afianzando cada vez máis na conciencia do pobo. Pero é que niso consistía o franquismo linguísticamente falando. En palabras textuais de Franco , "España se organiza en un amplio concepto totalitario, por medio de instituciones nacionales que aseguren su totalidad, su unidad y continuidad. El carácter de cada región será respetado, pero sin perjuicio para la unidad nacional, que la queremos absoluta, con una sola lengua, el castellano, y una sola personalidad, la española" É dicir,  a súa única misión era a de "reeducar", censurar e reprimir, e castigar todo aquilo que escapase do pensamento do réxime, empregando o español como a única lingua capaz de unificar a "patria"

Ningún comentario:

Publicar un comentario