06/12/16

Homenaxe a Manuel Antonio (por Adrián Figueira)

Augas quedas baixo un ar frio,
o ceo pecha os ollos outro día mais,
auga e madeira, madeira e auga

Xemidos de xente oense ao lonxe.
Sufrir pra vivir? Sufrir pra desvivir?
Auga e madeira, madeira e auga.

O silenzo invade o gran azul,
respiros de fondo, esperando sufrir mais
Auga e madeira, madeira e auga.

Poucos dias queda,ledicia ou tristeza,
cambia a vida so con...
Auga e madeira, madeira e auga

04/12/16

Até a historia máis bonita pode morrer (Por Laura Rubio)

El levaba namorado dela dende pequeno. Defendeuna moitas veces do desprezo que lle facían os demais, sobre todo na escola. Sempre foran amigos, vivían na mesma vila e ela sempre tiña historias que contarlle sobre as súas viaxes por Galicia adiante. Non foi até máis alá da adolescencia cando decidiu confesarlle o seu amor. Os dous namoráronse. El decidiu emigrar a Cuba, que era o que se adoitaba facer por eses anos e, por suposto pediulle a ela que marchase con el. Os dous embarcáronse nunha viaxe de amor que nunca remataría, alomenos que eles pensaran. A súa estancia alá foi curta e despois de cinco anos volveron á súa Galicia.

Aquí el seguiu escribindo, cousa que empezara a facer alá nas Américas, e ela seguiu a viaxar por Galicia e a contarlle todas as súas historias a el por carta. Cando se volveron a encontrar, ós dous caíanlles bagoas polas meixelas, e aquela noite viviron unha noite de paixón, da que pronto se viron
os froitos. Por aquel entón el quería mudarse a Madrid e aproveitou aquela mostra de amor eterno para pedirlle que se foran xuntos. Ela estaba perdidamente namorada del, era a única persoa que en moito tempo a amara de verdade, non como todos aqueles, e digo homes, que finxían querela mentres se vían con outra; polo que aceptou.

A el encantábanlle aqueles lares de cidade, pero ela non se adaptaba. El pasaba moito tempo fóra da casa, ocupado nos seus traballos; mentres que ela quedaba todo o día na casa. Só saía cando quedaban con amigos galegos para pasear os domingos pola cidade, non lle gustaba aquela xente e moito menos a súa lingua. Finalmente volveron unha vez máis á súa terra.

El cada vez estaba máis inmerso nos seus proxectos de libros e ela aproveitou unha vez máis para facer viaxes. Cada vez fóronse distanciando máis e, ao pouco de volver, discutiron. Ela reprocháballe que se preocupara máis polos libros, mentres que el dicía que era ela a que nunca estaba na casa ca teima de facer viaxes. Deixárono. Cada un foise polo seu lado, pero ambos sabían que non se apagara a chama.

El foise a Madrid de novo para poder esquecerse dela, pero unha tarde paseando polo Retiro
encontrouna, alí estaba ela, co abrigo branco con esa banda azul ceo que el lle regalara. Pasou xunto a el e pasou de largo se nin sequera miralo. Quixo chamar por ela, pero despois do dano que lle fixera non tivo o valor. Os seguintes días pasounos chorando, só quería volver repetir esas noites nas que os dous agarrados vían as estrelas dende o monte. Decidiu volver, todo o amor que sentía por ela era moi grande como para non compartilo ca muller da súa vida. Ela non estaba. E déronlle a noticia. O ser máis fermoso que coñecera comezara a morrer. Quedou inmerso nunha depresión, a dor impregnáballe cada recuncho do seu corpo, e non encontrou outra saída que a morte. Así, podería volver bicala e volver mimala como sempre fixera. Ela, a lingua galega e el, Cabanillas, seguían amándose, pero ningún era tan valente como para arriscarse a ter que separarse outra vez un do outro.

03/12/16

Poema manuelantoniano (por Marcos Gómez)

Mensaxes
Tínguense de vermello
Tras pechar a xanela
                                           comeza
un novo convite


Non se sabe o tempo que pasou
Para verse xa a música
e escoitarse as cores
Mais dando conversa
ó final termínase no doce


Cunha voz de fondo
non se sabe o que canta ou farfulla
vai unha calor de volcáns
Porén a espera non mata
Un último escintileo
e desaparece baixo a suave terra.

02/12/16

Manuel Antonio e a poesía vangardista (por Yaiza Otero) 

A inicios do século XX nacen as vangardas. Nun contexto onde  aparece en escena un cambio de visión e concepción da realidade con figuras como Einstein, Nietzsche e Freud. É a época da Belle Epoque burguesa. 
Os obxectivos das vangardas eran rebelarse contra todo o convencional, rexeitar todo o anterior (épocas pasadas) e establecer unha nove orde.
O termo do Vangardismo nace de “Avant garde”, que nun principio era un termo militar pero que coa chegada do vangardismo pasa a describir ós que van á cabeza nos postulados estéticos.
As vangardas europeas, rexidas polo cosmopolitismo, a literatura políglota e a deshumanización da arte, son diferentes que as galegas. Nas europeas as correntes estéticas son os imos (cubismo, futurismo, dadaísmo, surrealismo, creacionismo e ultraísmo). Os cales se suceden os un aos outros e se mesturan na obra dun mesmo artista. Os seus postulados estéticos recóllense nos manifestos. Os provocadores rompen con calquera estética anterior e foxen das normas e das regras. Os modernos proclaman a liberdade creativa.

As vangardas galegas, polca contra, divídense en vangarda matizada (enxebre) e vangarda plena. Nestes momentos nacen as Irmandades da Fala, a Xeración Nós e o Seminario de Estudos Galegos. Transfórmase o panorama literario galego e búscase unha universalización da cultura galega. Hai importantes achegas da cultura europea por parte de Vicente Risco e foméntase o enxebrismo. Publícanse varias revistas: A Nosa Terra (voceiro das Irmandades da Fala), Nós (voceiro da Xeración Nós) e varias publicacións vangardistas como Alfar, Ronsel, Yunque e Resol, Cristal e Papel de cor e Galiza. Tres grupos de mozos introducen as vangardas nas súas creacións e publicacións: os Novecentistas (nacidos arredor de 1900), a Xeración do 25 (formados arredor de 1925) e a Xeración das Vangardas ou do 22 (en 1922, Manuel Antonio e Álvaro Cebreiro publican o Manifesto Máis Alá).
Existe un debate entre a existencia ou non dunha verdadeira vangarda galega máis alá de Manuel Antonio. Isto débese a que a principios do século XX aínda se estaba consolidando o Rexurdimento e non se podía romper cos alicerces da nosa cultura. Precisábase o vencello coa tradición para reivindicala. Créanse así dúas tendencias: a vangarda matizada ou enxebre (hilozoísmo e neotrobadorismo) e a vangarda plena.
Dentro da vangarda matizada está o hilozoísmo, o cal se baseaba no Paisaxismo ou Imaxinismo. O tema principal era a paisaxe galega, a terra, na procura da identidade nacional. Segue a liña de Rosalía de Castro, Noriega Varela e Ramón Cabanillas. O seu autor principal é Amado Carballo, moi valorado en vida. Escribiu dous libros de poesía: Proel (escrito en 1927, con métrica tradicional, arte menor, rima asonante, sinestesias, metáforas, prosopopeas e describindo instantes concretos) e O galo (1928).
A outra rama da vangarda matizada é o Neotrobadorismo. É unha descoberta dos cancioneiros medievais. Imítanse as estruturas das cantigas medievais: rima, métrica, forma, temática e léxico. E a isto engádense imaxes vangardistas. Unha das figuras máis importantes é Bouza Rey, co-fundador do Seminario de Estudos Galegos. Publica na revista Nós o poema Leilías ao teu ouvido en 1926. Dous libros de poesía: Nao senlleira (publicado en 1933, o tema é a paisaxe, o mar,a soidade e o amor, contén 13 poemas e unha Autopoética e ten verso libre pero tamén métrica regular e rima consoante) e Seitura (1955). Álvaro Cunqueiro é outra das figuras destacar. Narrador, dramaturgo xornalista e poeta. Escribe Mar ao Norde (1932) dentro do Cubismo, Poemas do si e do non dentro do Surrealismo e Cantiga nova que se chama ribeira e Dona do corpo delgado dentro do Neotrobadorismo.
Xunto coa vangarda matizada está a vangarda plena con Manuel Antonio. Foi o poeta máis iconoclasta da Literatura Galega, innovador e avanzado, nacionalista e radical, monolingüe en galego. Supón a completa modernización desta literatura. Individualista e inconformista, abraza as Irmandades da Fala pero considérase fóra porque lle resulta “estreita de máis para a cantidade e intensidade de nacionalismo que sinte”.
Cultiva o xénero da prosa e da poesía. En prosa escribe Máis Alá! (manifesto con Álvaro Cunqueiro) no que chama á mocidade, critica a Valle Inclán e todos os seus imitadores que só usan o castelán (“pollitos bien”), critica o pasado (os devanceiros) e o presente (os “vellos”, contemporáneos que seguen modelos decimonónicos). Neste mesmo xénero tamén escribe Un poema da nosa terra, Fatiguémonos e Prólogo dun libro de poemas que ninguén escribiu (no que se declara vangardista).
En poesía experimenta unha evolución na que pasa dun inicio experimental pero debedor da tradición cara o canon rupturista das vangardas. Aínda que a última obra suporá unha regresión á tradición. Escribe cinco obras. Con anacos do meu interior, 18 poemas de feitura tradicional cun influxo modernista que engaden a tipografía vangardista. Foulas, nunha transición do tradicionalismo cara o rupturismo vangardista, con caligramas, vocábulos en inglés e alemán e termos técnicos e científicos. Sempre e máis dispois, aínda nun período de transición, que trata o contraposto da vida na aldea (tradición e rima) e a vida urbana en Bois Aires (imaxes vangardistas). De catro a catro, xa na vangarda plena, único poemario publicado en vida, con rasgos vangardistas (do futurismo, creacionismo e individualidade e orixinalidade). O subtítulo é “Follas sen data dun diario abordo”. 19 poemas escritos nunha viaxe de Manuel Antonio no paquebote Constantino Candeira. O seu título indica a hora de comezo e remate da quenda, é dicir, rutina e monotonía. Ten multitude de símbolos: a viaxe marítima (viaxe interior), o barco (eu lírico), a proa e a foula (a aventura e o futuro), a navegación (a vida), os elementos naturais (reflexo do estado de ánimo do eu poético ante o inexiorable paso do tempo e a singradura reiterativa), a auga (emotividade), etc. As súas características formais son: a disposición tipográfica, a ausencia de rima, de ritmo e de lóxica gramatical, uso de metáforas inusuais e a ausencia do espazo e do tempo. Ten unha estrutura circular: saída, navegación, paradas e regreso á terra.
E por último escribe Viladomar, unha regresión ó tradicionalismo con poemas de versificación regular e tratando os temas da nostalxia, a infinitude, o naufraxio da vida, a morte…

En conclusión, as vangardas galegas non seguen o camiño das europeas. É a vangarda enxebre, que ó contrario que as europeas non rompe co pasado. Mais Manuel Antonio non segue a vangarda enxebre, senón a vangarda plena, que si rompe co pasado. 


Intencións (por Yaiza Otero) 

.ENCHERÉMO-LAS velas
ca luz náufraga da madrugada
...Pendurando en dous puntos cardinaes
a randeeira esguía
do pailebote branco
....................Cas súas mans loiras
....................acenan mil adeuses as estrelas

...Inventaremos frustradas descobertas
...a barlovento dos horizontes
...pra acelerar os abolidos corazóns
dos nosos veleiros defraudados

...Halaremos polo chicote
dun meridián innumerado
...Na illa anónima
de cada singladura
esculcaremos o remorso da cidade
.........Ela noitámbula desfollará
.........como unha margarida prostibularia
.........a Rosa dos Ventos do noso corazón

...Encadearemos adeuses de escuma
pra tódalas praias perdidas
...Xuntaremos cadernos en branco
da novela errante do vento
...Pescaremos na rede dos atlas
ronseles de Simbad

...E cazarémo-la vela
sobre o torso rebelde das tormentas
pra trincar a escota dunha ilusión.

        Este texto é un poema pertencente á obra De catro a catro (1928) de Manuel Antonio. Este foi un escritor rianxeiro moi avanzado e innovador para a súa época. Foi o poeta máis iconoclasta da literatura galega. Creador rebelde, radical e individualista, supón a completa modernización da nosa literatura. Nacionalista radical, monolingüe en galego. Inconformista, abrazou as Irmandades da Fala pero non se consideraba parte delas. En prosa escribe Máis Alá!, Un poeta da nosa terra, Fatiguémonos e Prólogo dun libro de poemas que ninguén escribiu. En poesía evolucionou dun inicio experimental pero debedor da tradición cara ao canon rupturista das vangardas. Aínda que a última obra (Viladomar) suporá unha regresión á tradición. Escribiu Con anacos do meu interior, Foulas, Sempre e máis dispois, De catro a catro e Viladomar. De catro a catro foi o único poemario publicado en vida. Con rasgos vangardistas (do futurismo, creacionismo e individualidade e orixinalidade). O subtítulo é “Follas sen data dun diario abordo”. Son 19 poemas escritos nunha viaxe de Manuel Antonio nun paquebote.
Foi escrito no primeiro terzo do século XX. Nesta etapa nacen as Irmandades da Fala, a Xeración Nós e o Seminario de Estudos Galegos. Transfórmase o panorama literario galego e búscase unha universalización da cultura galega. Hai importantes achegas da cultura europea por parte de Vicente Risco e foméntase o enxebrismo. Publícanse varias revistas: A Nosa Terra (voceiro das Irmandades da Fala), Nós (voceiro da Xeración Nós) e varias publicacións vangardistas como Alfar, Ronsel, Yunque e Resol, Cristal e Papel de cor e Galiza. Tres grupos de mozos introducen as vangardas nas súas creacións e publicacións: os Novecentistas (nacidos arredor de 1900), a Xeración do 25 (formados arredor de 1925) e a Xeración das Vangardas ou do 22 (en 1922, Manuel Antonio e Álvaro Cebreiro publican o Manifesto Máis Alá). Existe un debate entre a existencia ou non dunha verdadeira vangarda galega máis alá de Manuel Antonio. Isto débese a que a principios do século XX aínda se estaba consolidando o Rexurdimento e non se podía romper cos alicerces da nosa cultura. Precisábase o vencello coa tradición para reivindicala. Créanse así dúas tendencias: a vangarda matizada ou enxebre e a vangarda plena, da que forma parte Manuel Antonio.
Este texto está escrito en verso, é o primeiro poema da obra De catro a catro, pertence ó xénero da poesía. Non ten rima, ritmo ou lóxica gramatical. Ten unha disposición tipográfica irregular, sen seguir unha orde.
A primeira, até o sétimo verso, parece que expresa a emoción pola viaxe, “encherémolas velas ca luz náufraga da madrugada”, pero anuncia o fracaso. O fracaso do viaxe pola vida, a eterna despedida das cousas, “cas súas mans loiras acenan mil adeuses as estrelas”.
A segunda parte, dende o verso oitavo até o vintecinco, expresa o fracaso, a inexistencia, “na illa anónima de cada singladura”, a  monotonía. A vida é unha eterna despedida, deixamos a vida continuamente despedíndonos de todo, “encadearemos adeuses de escuma”. Despois do viaxe no pailebote (a viaxe pola vida) non haberá nada para contar, non sucederá nada, “xuntaremos cadernos en branco”.
A terceira parte expresa a frustración, o intento de atopar unha ilusión para aferrarse a ela, “para trincar a escota dunha ilusión”.
Presenta multitude de trazos vangardistas. Do futurismo: a actitude de rebeldía e a terminoloxía técnica (puntos cardinaes, randeeria, barlovento, etc). Do creacionismo: a ausencia de emoción, o antisentimentalismo, “como unha margarida prostibularia a Rosa dos Ventos do noso corazón” (a margarita, que tradicionalmente se desfolla como símbolo do amor e do romanticismo agora prostitúese) e a anulación de espazo e do tempo (non hai un espazo concreto, nin un momento, un día, un ano…).
O individualismo é outro trazo vangardista deste poema, cando fala de “nós” non fala de varias persoas, fala del mesmo nun desdobramento de personalidade, non dos mariñeiros que o acompañan no viaxe pois non os menciona no poema, está el só co mar, co pailebote.
Este poema utiliza multitude de símbolos, nel a viaxe marítima é en verdade a viaxe interior, a viaxe pola vida e os elementos naturais refliten o estado de ánimo do eu poético ante o inexorable paso do tempo. Ese eu poético está representado polo pailebote, que viaxa na noite, chea de valores negativos (“ela noitámbula desfollará”). Fronte á noite, apresenza do vento indica dinamismo, pero aquí atopámonos cun vento errante, na metáfora inusual: “xuntaremos cadernos en branco da novela errante do vento” , é dicir que non haberá nada para contar, porque  “encadearemos adeuses de escuma para tódalas praias perdidas”. Non esquezamos que para o eu lírico a vida é unha eterna despedida).
A estrutura de De catro a catro é circular: saída, navegación, paradas e regreso a terra. Este poema correspondería á saída. Pero esas Intencións que deberían estar inzadas de ilusións, anuncian, mesmo antes de partir, o fracaso. En definitiva, este poema trata unha viaxe existencialista. O fracaso dunha viaxe pola vida que é unha eterna despedida. Unha monotonía continua, sen ilusións.

A poesía das Irmandades da Fala e Cabanillas (por Yaiza Otero) 


 As Irmandades da Fala fúndanse na Coruña en 1926 da man de Antón Vilar Ponte. Recollen e potencian as aspiracións galeguistas do Provincialismo e o Rexionalismo. Un dos seus obxectivos fundamentais é a dignificación e promoción da lingua galega. Ademais das reivindicacións culturais teñen un ideario político ben definido. Supoñen o inicio do nacionalismo. O seu voceiro é a revista A Nosa Terra. Fundan editoriais que permitirán a publicación en galego: Céltiga, Alborada, Libredón, Lar e Nós. E crean publicacións periódicas en galego: A Nosa Terra, Rexurdimento, Nós, Ronsel… Publican algunhas normas para a unificación do galego e un dicionario castelán/galego.

Continúase coa  temática e forma dos autores do Rexurdimento pero cun deterioramento estético progresivo: costumismo ruralista, historicismo celtista, intimismo sentimental e reivindicación cívica. Na poesía do primeiro terzo do século XX hai dúas tendencias xerais: a continuísta (Noriega Varela e Crecente Vega) e a renovadora (Ramón Cabanillas).
Noriega Varela, autor da liña continuísta, ten toda a súa obra poética recollida nun único volume, Do ermo. Na súa poesía segue dúas liñas: o costumismo ruralista e o lirismo da natureza.
O costumismo ruralista enmárcase dentro da corrente do descritivísimo paisaxista e de costumes propio da tradición decimonónica: métrica popular, temática rural e escenas costumistas.
No lirismo da natureza enfatízanse as cousas humildes da paisaxe, usa unha expresión máis culta e refinada. Influenciado polos poetas latinos emprega estrofas cultas, como o soneto.
Na liña renovadora a figura a destacar é Ramón Cabanillas. Dentro da poesía cultivou a poesía lírica e narrativa. Tamén ten unha obra de teatro. A súa poesía lírica ten tres liñas temáticas: a costumista, a intimista e a cívica. A súa poesía narrativa trata a temática mítica, do celtismo e da reivindicación nacional. Tanto a súa vida como a súa obra se divide en tres etapas.
A primeira etapa, a agrarista, é unha etapa de formación. Estuda no Seminario de Compostela e traballa na notaría e no concello de Cambados. Está influenciado polos poetas clásicos (Horacio e Ovidio) na súa poesía narrativa. Hai un influxo da tradición folclórica galega na poesía lírica (uso de hipergaleguismos e de castelanismos, uso de versos de arte menor, temática amorosa, paisaxística, intimista, folclórica e de denuncia social…). Tamén hai un influxo dos poetas do Rexurdimento (Rosalía de Castro, Curros e Pondal) e do Romanticismo europeo e do simbolismo. Incorpora novidades métricas e estilísticas do Modernismo hispano. Nesta primeira etapa escribe dúas obras: No desterro (poesía lírica, publicado en 1913, prolongado por Basilio Álvarez e Vento mareiro (publicada en 1915). É o poeta revolucionario do agrarismo.
A súa segunda etapa, a galeguista, poderíase dividir en dúas partes tamén.
 Na primeira, asume o discurso político das Irmandades da Fala, ingresa na RAG e convértese na voz do poeta civil que loita polos intereses de Galiza. É un poeta didáctico do galeguismo das Irmandades da Fala. Escribe dúas obras: Da terra asoballada (poesía lírica, temática centrada no ideario galeguista, xa non todos os fidalgos son “malos” algún é “amante da súa terra” e Galicia substitúe ao labrego na calidade de “oprimida” e como suxeito de abusos e inxustizas) e A man da santiña (obra de teatro baixo o influxo do autor dramático inglés Yeats).
 Na segunda parte desta etapa galeguista, a mitolóxica, convértese no poeta conceptista e maduro do Galeguismo Culturalista. Escribe O bendito San Amaro (con debuxos de Castelao), O Mariscal (obra de teatro na que o protagonista é convertido en mártir das liberdades galegas pola súa resistencia á opresión de Isabel a Católica), A rosa de cen follas (homenaxe a Rosalía) e Na noite estrelecida.
Este último é un dos mellores poemas narrativos da literatura galega. É un longo poema narrativo dividido en tres partes (sagas): a espada de Escalibur, o cabaleiro do Sant Grial e o soño do rei Artur. É poesía narrativa. Utiliza unha lingua poética moi elaborada na que desaparecen os castelanismos (aínda que mantén hipergaleguismos) e usa arcaísmos e neoloxismos. Hai un gran influxo das lendas artúricas (temática da Materia de Bretaña). Introduce elementos de inspiración modernista. É unha obra dunha grande elaboración formal, estilo culto, métrica coidada, onde se combinan os versos alexandrinos cos octosílabos.
Na terceira etapa, a franquista, nun primeiro momento afástase de toda a actividade política e cultural. É a etapa de posguerra e ditadura. Logo pasa a ser un poeta do franquismo respectuoso coa lingua e a cultura galega. Escribe dous romances en revistas antifascistas, Camiños no tempo, Antífona da Cantiga, Da miña zanfona, Versos de alleas terras e Samos.

A obra de Ramón Cabanillas (Por Laura Rubio)

  Despois do movemento do Rexurdimento, cando apareceron os primeiros escritores que volveron escribir en galego, chega no século XX unha total revolución a prol da lingua galega. Primeiro apareceron os agrarismos, movemento creado por Basilio Álvarez, os cales aínda que tiñan o problema da lingua coma algo secundario, defendía os campesiños, e traballaba pola abolición do caciquismo.

   Máis tarde é no ano 1916, cando se crean as Irmandades da Fala, unha das institucións que se centraban en dignificar e levar a tódolos niveis e ámbitos o galego. Así, Ramón Cabanillas xunto con outros autores galegos coma Noriega Varela, López Abrente, ou Victoriano Taibo participaron en tódolos movementos de principio de século. Pódese destacar de todos estes autores que fan unha continuación temática dos autores e autoras do Rexurdimento.

  Cabanillas, pode ser que sexa o mellor autor de poesía da época; aínda que tamén cultivou o teatro. A súa obra divídese en catro etapas, que están condicionadas pola súa vida persoal, así distinguimos unha primeira etapa na que participa nos agrarismos (1910-1915), unha segunda, da súa época galeguista (1916-1920), a terceira que é unha continuación da anterior (1921-1931) e finalmente unha última que é a franquista (1931/1939/1949-1959).


  Á súa etapa agrarista correspóndense as obras No desterro (1913) e Vento mareiro (1915). Emigrado en Cuba, é  Basilio Álvarez quen convence a Cabanillas para que escriba en galego, converténdose así nun poeta revolucionario do agrarismo. É coa publicación da súa primeira obra (No desterro), cando o recoñecen coma o sucesor de Curros, por denunciar a situación de miseria na que se atopaban os campesiños e reclamar a abolición dos foros. Tamén se ve outro influxo do rexurdimento na homenaxe que lle fai a Rosalía, cultivando unha temática amorosa e intimista. Ademais recibe influxos do Romanticismo e do simbolismo (poesía costumista), e do modernismo hispano.
Así, influído polo folclore galego, a súa poesía caracterizarase por ser lírica (algúns poemas narrativos), por empregar unha lingua coas variedades dialectais do Salnés, o uso de hipergaleguismos e castelanismos, o uso de versos de arte menor, e a temática amorosa, paisaxística, intimista, folclórica e de denuncia social.
No ano 1915 volve a Galicia e comeza a súa etapa galeguista.

   A partir do ano 1916, establece unha estreita colaboración con Vilar Ponte; converténdose na voz do poeta civil que loita polos dereitos da nación galega e dos seus habitantes. Así, comeza a súa colaboración cas Irmandades asumindo o seu discurso político. É neste tempo cando publica Da terra asoballada (1917), obra que se centra no ideario galeguista, e na cal Galicia substitúe ao labrego sobre a que se infrinxen inxustizas, de ai o seu nome. Influído pola Xeración Nós os fidalgos non aparecen sempre como “malos”, senón que lle queren á súa terra. A súa seguinte obra será, A man da santiña (1921), que se trata dunha obra de teatro na que se ve o influxo do autor de teatro inglés Yeats.

  A seguinte etapa, supón unha continuación do galeguismo que se corresponde coa súa etapa mitolóxica. Cabanillas trasládase a Madrid e é alí onde edita a primeira revista infantil en galego As Roladas. Publica catro obras, a primeira O bendito San Amaro, que contiña debuxos do grandísimo Castelao. Escribe Na noite estrelecida no ano 1926, a cal supón o seu cumio poético. En canto aos datos temáticos, trátase dun longo poema narrativo (poesía narrativa), dividido en tres partes: A espada Escalibur, O cabaleiro do Sant Grial, e O Soño do rei Artur. Así, vese o influxo das lendas artúricas, xa que se trata da temática de Bretraña, supón unha metáfora, os cabaleiros da táboa redonda son os compoñentes das Irmandades.   
Cabe destacar da obra que se emprega unha lingua máis elaborada, a utilización de versos clásicos (alexandrinos) con versos populares (romances), a presencia de máis conceptismo e erudición. Ademais está influída polo saudosismo portugués.

 Quizais, unha das obras máis importantes de Cabanillas sexa O Mariscal, obra de teatro publicada en 1926. Nela recrease, a historia de Pardo de Cela que foi o mártir das liberdades galegas pola súa resistencia ao sometemento de Isabel a Católica. Finalmente, publica A rosa de cen follas no ano 1927, que é unha homenaxe a Rosalía.
Cabe destacar que no ano 1919 ingresa na RAE, e en 1931 coa fundación do Partido Galeguista, vai nas listas de candidatos por Pontevedra pero non é escollido. A partir de aquí, seguirá escribindo en galego pero ponse punto e final á súa etapa galeguista de defensa pola nosa lingua.

 Así comeza a súa etapa final, a etapa franquista. Neste período escribirá dous romances en revistas antifascistas, e publicará varias obras Camiños no tempo, a cal inaugura no 1949, a editorial de bibliófilos galegos; Antífona da Cantiga, a cal é un ensaio que inaugura o labor da Editorial Galaxia en 1951; Da miña zanfona (1954), Versos de alleas terras (1955) e finalmente Samos (1958). A etapa entre o ano 1949 e 1959 supón a súa madurez creadora. Finalmente morre en Cambados, a súa terra natal no ano 1959.


 Para concluír, dicir que estamos ante un dos mellores autores e autoras de toda a historia da literatura galega, leva a costas unha grandísima produción literaria que influíu nos escritores e escritoras posteriores, foi una verdadeira pena que na súa última etapa, a franquista, toda a súa defensa polos galegos e galegas e pola nosa lingua quedou esvaecida cando chegou o seu período de silencio, que supuxo un antes e un despois na súa carreira literaria.