02/12/16

A obra de Ramón Cabanillas (Por Laura Rubio)

  Despois do movemento do Rexurdimento, cando apareceron os primeiros escritores que volveron escribir en galego, chega no século XX unha total revolución a prol da lingua galega. Primeiro apareceron os agrarismos, movemento creado por Basilio Álvarez, os cales aínda que tiñan o problema da lingua coma algo secundario, defendía os campesiños, e traballaba pola abolición do caciquismo.

   Máis tarde é no ano 1916, cando se crean as Irmandades da Fala, unha das institucións que se centraban en dignificar e levar a tódolos niveis e ámbitos o galego. Así, Ramón Cabanillas xunto con outros autores galegos coma Noriega Varela, López Abrente, ou Victoriano Taibo participaron en tódolos movementos de principio de século. Pódese destacar de todos estes autores que fan unha continuación temática dos autores e autoras do Rexurdimento.

  Cabanillas, pode ser que sexa o mellor autor de poesía da época; aínda que tamén cultivou o teatro. A súa obra divídese en catro etapas, que están condicionadas pola súa vida persoal, así distinguimos unha primeira etapa na que participa nos agrarismos (1910-1915), unha segunda, da súa época galeguista (1916-1920), a terceira que é unha continuación da anterior (1921-1931) e finalmente unha última que é a franquista (1931/1939/1949-1959).


  Á súa etapa agrarista correspóndense as obras No desterro (1913) e Vento mareiro (1915). Emigrado en Cuba, é  Basilio Álvarez quen convence a Cabanillas para que escriba en galego, converténdose así nun poeta revolucionario do agrarismo. É coa publicación da súa primeira obra (No desterro), cando o recoñecen coma o sucesor de Curros, por denunciar a situación de miseria na que se atopaban os campesiños e reclamar a abolición dos foros. Tamén se ve outro influxo do rexurdimento na homenaxe que lle fai a Rosalía, cultivando unha temática amorosa e intimista. Ademais recibe influxos do Romanticismo e do simbolismo (poesía costumista), e do modernismo hispano.
Así, influído polo folclore galego, a súa poesía caracterizarase por ser lírica (algúns poemas narrativos), por empregar unha lingua coas variedades dialectais do Salnés, o uso de hipergaleguismos e castelanismos, o uso de versos de arte menor, e a temática amorosa, paisaxística, intimista, folclórica e de denuncia social.
No ano 1915 volve a Galicia e comeza a súa etapa galeguista.

   A partir do ano 1916, establece unha estreita colaboración con Vilar Ponte; converténdose na voz do poeta civil que loita polos dereitos da nación galega e dos seus habitantes. Así, comeza a súa colaboración cas Irmandades asumindo o seu discurso político. É neste tempo cando publica Da terra asoballada (1917), obra que se centra no ideario galeguista, e na cal Galicia substitúe ao labrego sobre a que se infrinxen inxustizas, de ai o seu nome. Influído pola Xeración Nós os fidalgos non aparecen sempre como “malos”, senón que lle queren á súa terra. A súa seguinte obra será, A man da santiña (1921), que se trata dunha obra de teatro na que se ve o influxo do autor de teatro inglés Yeats.

  A seguinte etapa, supón unha continuación do galeguismo que se corresponde coa súa etapa mitolóxica. Cabanillas trasládase a Madrid e é alí onde edita a primeira revista infantil en galego As Roladas. Publica catro obras, a primeira O bendito San Amaro, que contiña debuxos do grandísimo Castelao. Escribe Na noite estrelecida no ano 1926, a cal supón o seu cumio poético. En canto aos datos temáticos, trátase dun longo poema narrativo (poesía narrativa), dividido en tres partes: A espada Escalibur, O cabaleiro do Sant Grial, e O Soño do rei Artur. Así, vese o influxo das lendas artúricas, xa que se trata da temática de Bretraña, supón unha metáfora, os cabaleiros da táboa redonda son os compoñentes das Irmandades.   
Cabe destacar da obra que se emprega unha lingua máis elaborada, a utilización de versos clásicos (alexandrinos) con versos populares (romances), a presencia de máis conceptismo e erudición. Ademais está influída polo saudosismo portugués.

 Quizais, unha das obras máis importantes de Cabanillas sexa O Mariscal, obra de teatro publicada en 1926. Nela recrease, a historia de Pardo de Cela que foi o mártir das liberdades galegas pola súa resistencia ao sometemento de Isabel a Católica. Finalmente, publica A rosa de cen follas no ano 1927, que é unha homenaxe a Rosalía.
Cabe destacar que no ano 1919 ingresa na RAE, e en 1931 coa fundación do Partido Galeguista, vai nas listas de candidatos por Pontevedra pero non é escollido. A partir de aquí, seguirá escribindo en galego pero ponse punto e final á súa etapa galeguista de defensa pola nosa lingua.

 Así comeza a súa etapa final, a etapa franquista. Neste período escribirá dous romances en revistas antifascistas, e publicará varias obras Camiños no tempo, a cal inaugura no 1949, a editorial de bibliófilos galegos; Antífona da Cantiga, a cal é un ensaio que inaugura o labor da Editorial Galaxia en 1951; Da miña zanfona (1954), Versos de alleas terras (1955) e finalmente Samos (1958). A etapa entre o ano 1949 e 1959 supón a súa madurez creadora. Finalmente morre en Cambados, a súa terra natal no ano 1959.


 Para concluír, dicir que estamos ante un dos mellores autores e autoras de toda a historia da literatura galega, leva a costas unha grandísima produción literaria que influíu nos escritores e escritoras posteriores, foi una verdadeira pena que na súa última etapa, a franquista, toda a súa defensa polos galegos e galegas e pola nosa lingua quedou esvaecida cando chegou o seu período de silencio, que supuxo un antes e un despois na súa carreira literaria.

Ningún comentario:

Publicar un comentario